Produción de eventos e exposicións. Con Xulio Cordeiro e Bea García
Nesta nova sesión centrada en aspectos operativos da xestión cultural, tivemos a oportunidade de contar con Xulio Cordeiro, responsable de produción da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e con Bea García, directora da empresa de xestión cultural Micelios.
Xulio falounos das diferentes fases que comprende a produción dun evento cultural ao vivo. A comezar pola avaliación de necesidades, que debe realizarse en conversa cos promotores do evento (é dicir, cos/coas xestor*s culturais) e onde deben ficar definidos algúns parámetros como a data, a localización, o aforo, se se trata dun evento de balde ou de pago e os obxectivos da actividade.
A efectos de produción, a localización do espazo é crucial e debe ser documentada e medida con cámaras de fotos, cinta métrica ou metro láser, para a continuación realizar os planos coa axuda dalgunha ferramenta informática como o Autocad, Illustrator, Google Earth ou Sketchup. Desta análise poderemos deducir o cálculo dalgúns recursos básicos como os accesos, o valado, a seguridade, os servizos eléctricos, o escenario, os wc químicos, as barras, os aparcadoiros, etc.
Por outra parte teriamos as necesidades dos artistas participantes, e que se concretan no Rider Técnico e no Rider Hospitalario. Entre ambos deberamos dispor da información necesaria sobre a iluminación e o son, o vídeo, o backline (relativo aos instrumentos musicais), camaríns, hoteis, catering, transfers…
Logo destas explicacións iniciais referidas á fase de preprodución, Xulio mostrounos algúns exemplos de Riders e trasladounos algúns consellos para unha correcta elaboración do orzamento de produción. E xa no que atinxe á coordinación da produción (fase de produción), indicounos algúns documentos necesarios como o planning de montaxe, a escaleta, as follas de coordinación de transfers, etcétera. E para rematar salientou a importancia de contar cun plan de autoprotección, así como prever correctamente os servizos sanitarios e de seguridade.
A súa parte da sesión finalizou cun breve contraste dos dous proxectos do Curso que se centran no deseño de eventos ao vivo.
Pola súa parte, Bea afondou na visión completa do proceso creativo e de xestión ligado á montaxe dunha exposición, dende a idea inicial ata a desmontaxe da mostra.
O primeiro paso sería a definición dos contidos (o relato). Para isto primeiro debemos concretar o que queremos contar, realizando unha investigación e documentación exhaustiva previa. Tamén debemos ter en conta o modelo de comunicación máis adecuado para a nosa exposición: informativo, pedagóxico ou relato (storytelling). Posteriormente decidiríamos as ideas principais, estructuraríamos por temas e subtemas e realizaríamos unha selección das coleccións que formarían parte da mostra.
Fixo especial fincapé na importancia de reflexionar ben sobre os obxectivos (por que queremos contalo?) e os destinatarios (a quen llo imos contar?) do noso traballo.
Entramos despois no terreo da expografía (os soportes do relato), onde definimos “como o queremos contar”. Aquí tomaremos as decisións sobre o espazo: zonificación, percorridos (libre, inducido ou estruturado”, distribución de coleccións e recursos. Tamén coñecemos aspectos a ter en conta na selección e deseño de recursos expositivos e mediadores comunicativos, entrando finalmente no terreo da produción, orzamento e planificación temporal da mostra.
Deixounos tamén varios exemplos de novas tendencias expositivas, tanto de enfoques “glocais” (temas universais con exemplos locais), propostas de baixo custo (exposición “povera”), como de novas narrativas e propostas transmedia, caso do proxecto “Pregoneros de Medellín”
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!