Marco legal aplicado á xestión cultural. Con Marta Suárez-Mansilla
Sabemos todo o necesario sobre os dereitos de autor? Son iguais no ámbito presencial e material que na contorna dixital? E, sobre todo, é posible achegarse a estas cuestións dunha maneira pedegíxica e amena? Hoxe quedounos claro que si. E, por suposto, tamén aprendemos moito sobre Dereito, cultural e todas estas cuestións que, demasiadas veces, dan preguiza antes mesmo de afondar nelas.
A avogada e xestora cultural Marta Suárez-Mansilla foi a encargada de achegarnos a todas estas cuestións. A sesión, que se celebrou na sala circular do Auditorio de Galicia, comezou por un repaso á regulación pública das disciplinas artísticas -artes plásticas, sector editorial, escénics música e cine e audiovisual- e do ámbito laboral das profesionais destes sectores.
Dereitos de autor e propiedade intelectual
A sesión tiña como un dos seus eixos principais abordar a cuestión dos dereitos de autor. Marta compartiu connosco toda a casuística e normativa ao respecto, incluídas as coñecidas como licenzas libres, como Creative Commons, e á xestión destes dereitos na contorna dixital. Falamos tamén de autoxestión, de obrigas relacionadas co ámbito fiscal e, sobre todo, resolvemos moitas dúbidas!
Ademais, Marta deixounos un montón de información complementaria relacionada coa xestión dos famosos NFTs!
O Auditorio de Galicia
Como xa comentamos, a sesión celebrouse nunha das salas dispoñibles no Auditorio de Galicia, porque, antes de falar de dereito cultural, quixemos tamén coñecer de presto este espazo, así como a súa programación e xestión. O noso anfitrión foi o seu director-xerente, Xaquín López.
El explicounos que o Auditorio, máis alá de ser un contedor cultural, é un organismo autónomo local dependente do Concello de Santiago de Compostela. Este organismo ten a encomenda estatutaria da realización das actividades culturais da Concellería de Acción Cultural. Así, a marca Compostela Cultura está xestionada polo Auditorio de Galicia e funciona como elemento aglutinador e ferramenta de difusión das actividades culturais que organiza a institución municipal e que se celebran, ademais de no propio Auditorio, no Teatro Principal e na Zona C.
O Auditorio de Galicia ofrece programación regular de artes escénicas, oferta expositiva e tamén musical, xa que é a sede permanente da Real Filharmonía de Galicia dende o seu nacemento en 1996. E é, por tanto, onde a orquestra desenvolve os seus ensaios regulares e parte da súa axenda de concertos.
Foi, como vedes, unha tarde moi completa e ben interesante!
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!