Retos da xestión cultural no sector privado, con Emi Candal Bouzas, e cultura sustentable, con María Baqueiro

Por Neves Paz

Comezamos a xornada con Emi Candal Bouzas, socia fundadora da Soc. Cooperativa Urdime, un proxecto que xa ten 10 anos de percorrido. Nun primeiro momento foron 3 persoas no equipo e agora mesmo son 7. Á parte hai incorporacións puntuais de persoas atendendo a unha demanda extra de traballo nalgúns momentos do ano.

Como cooperativa de traballo asociado o obxectivo é “social”, é dicir, crear postos de traballo estábeis e coas condicións laborais adecuadas, de conciliación,… Por exemplo, o obxectivo non é o reparto de beneficios. A incorporación de novas socias faise logo dunha análise de viabilidade que garanta a estabilidade do xa conseguido.

A orixe da empresa está en 2012, cando moitas compañías teatrais, grupos de música tiveron que prescindir do persoal que lles levaba  a distribución. O xermolo de Urdime foi pois ofrecer eses servizos a varias destas empresas. Foron catro as que confiaron naquela proposta, ocupándose sobre todo ao principio da distribución.

A parte da xestión foi vista como un piar dos servizos desde o principio da empresa pois os axentes alleos á cultura (xestorías e outros) como norma xeral non coñecen o sector. Moi pronto naceu o deseño de productos culturais e tamén a xestión especializada en cultura.

Distribución, acción cultural e xestión son os eixos vertebradores aínda agora. Xestión ofrécese só  para proxectos cos que están vinculadas.

Retos e marcos

-A necesidade da profesionalización do sector (recoñecemento do sector, perfís profesionais, certificados de competencia, etc). Un problema que afecta ao sector privado e ao público e que é unha vella reivindicación da Asociación de Profesionais da Xestión Cultural.

– A dimensión das empresas. Noutro sector 7 sería un numero moi cativo de traballadoras mais non no eido cultural. Normalmente este labor recae nos ombros dunha persoa autónoma. A pandemia puxo fronte a un problema inmenso a persoas soas. Estase a pasar desde aquela en moitos casos dun modelo unipersoal a un modelo colectivo, en concreto á fórmula de cooperativa de traballo asociado.

Emi explícanos que os dous modelos laborais da economía social son as cooperativas de traballo e as sociedades laborais. Ela é da idea de que son modelos que funcionan ben no deseño de proxectos culturias pois posibilitan as tomas de decisión en horizontal.

Urdime defende a pertenza a redes. Forma parte de Espazo Coop (tamén de redes estatais) que os acompañou desde o nacemento e querían formar parte da maior parte de sociedades que puidesen  por consideralo conveniente para a rede na que participan e para a cooperativa mesma. Pon o exemplo tanxible e cotián do ámbito dos contactos. Algo que non se ve moito no sector cultural cando si se ve no resto dos sectores empresariais.

Concíbese o traballo como fornecedor de coñecemento das xentes do sector. Isto é un valor que se traduce nuns mellores servizos. Fala tamén Emi do descoñecemento, da falta de comunicación entre Administración e o sector e pon como exemplo a recente convocatoria de Territorio Cultura, que supón un investimento mínimo que este tipo de empresas non poden enfrontar e que acaban sendo acaparados por outras, alleas ao sector cultural, mais con economía suficiente para levalas a cabo

En Canto ao acompañamento económico, dúas bancas -Coop 57 e Tríodos- están no cerne de moitos proxectos culturais galegos tamén.

 

Temas que se trataron na conversa final

Na tanda de conversa fálase do funcionamento asembleario para a toma das decisión, de como é o día a día na empresa, da distribución do traballo, da exclusividade coas compañías, do traballo por Internet desde a casa mais da importancia do mantemento da presencialidade na oficina, de como o reparto de beneficios debe ir á formación e á, posíbel, creación de novos postos de traballo, e, finalmente, que quen  distribúe é un bo bolo. Volvemos entón ao labor conxunto de todos os axentes do percorrido do produto cultural. Os artistas contan como é cada público e cada espazo, e iso dálle unha información valiosísima ás xestoras.

 

A cultura sustentábel

A relatora desta parte da sesión é María Baqueiro, coordinadora do Pacto por unha Cultura Sustentable. A súa intervención ten, en palabras súas, dous mantras. A saber, MÁIS CULTURA MENOS MANUFACTURA e SEN CULTURA NON HAI DESENVOLVEMENTO SOSTÍBEL

Fixo un percorrido pola historia do “desenvolvemento sostíbel” (DS) para retrotraernos a Humboldt e despois ao estudo da ONU de 1987 sobre o impacto industrial no medio ambiente. Neste informe chamado O noso futuro común defínese o DS como a satisfacción “das necesidades da xeración presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades”. Axiña vemos, a pouco que nos paremos a pensar ,que as necesidades varían no tempo e no lugar.

 

Instáuranse daquela tres piares na análise que son:

  • O desenvolvemento social
  • O desenvolvemento económico
  • A protección do medio ambiente.

A evolución equilibrada destes tres factores determinaría o DS. En 2001 Jon Hawkes di que a cultura é o cuarto piar da sostibilidade. A relatora considera que a cultura é o piar do resto da estrutura, non está ao mesmo nivel, senón que os sostén. Fala de cultura como “valores” pois hai outra vertente dela, a económica, que xa pertence ao piar do “desenvolvemento económico”.

En 200 anos a depredación sobre o planeta é enorme e non ten visos de cambiar. A cultura non pode pórse ao nivel dos ouros piares senón que deber ser o factor transversal, a súa base. Diante da pregunta de como podemos actuar nun problema global coma este a ONU publica en 2015 a AXENDA 2030. Ponse como obxectivo acabar coa pobreza e coa fame. Porén, a Axenda non incorpora a cultura como axente de DS a pesar do traballo desenvolto pola UNESCO, cuxa trascendencia dentro do ente supraestatal quedaría de manifesto e foi obxecto de moita crítica.

Apúntase como positivo que por vez primeira se dialogou con axentes sociais involucrados.

 

Que facer dende o sector cultural?

Asumir os retos da sostibilidade, formarse, definir estratexias integrais, adoptar boas prácticas, crear redes e alianzas, incorporar aos concursos e licitacións públicas os criterios de sostibilidade.

Apúntanse varias razóns para esta liña de actuación: reduce o impacto negativo, aforra diñeiro, cambia e mellora a nosa relación co planeta, proxecta boa imaxe, inspira a creatividade e a innovación, permite acceder a patrocinios, sensibiliza todas as partes involucradas no proxecto sobre a necesidade de actuar de xeito responsábel.

Como subsectores e axentes implicados están os vinculados ao patrimonio cultural material, ao inmaterial, artes escénicas e visuais, musicais, cine e audiovisual, literatura e edición, arquitectura e deseño, medios dixitais, publicidade creativa e medios de comunicación.

Son grupos de interese as Administracións públicas, os públicos, as creadoras, as entidades patrocinadoras e colaboradoras, os equipos de producción e quen suministran servizos.

 

O ITINERARIO DA XESTIÓN SOSTÍBEL desenvolve, amplía, os seguintes puntos: compromiso, habilidades, diagnose, política, obxectivos, accións, avaliacións e divulgación. Isto implica entre outras cousas: involucrar os equipos, unha formación continua, a identificación de problemas, a individualización das áreas de acción, os principios que se asumen, establecer obxectivos, actuar, medir resultados…

Tres, dous, un… acción!

Na área do SOCIAL hai que atender a seguridade, condicións laborais, impacto na comunidade, igualdade, accesibilidade, diversidade, grupos de interese e alianzas.

Na MEDIOAMBIENTAL debe terse en conta estes eixos onde moverse desde un punto de vista do DS: emprazamento, enerxía, transporte, auga, alimentación e residuos.

No ECONÓMICO os puntos fulcrais serían o apoio á economía local, o modelo de negocio, a innovación, o cumprimento da lexislación e a transparencia.

COMUNICACIÓN. Como podemos supoñer esta é unha parte da acción moi importante. Cómpre pór en valor a conversa e o diálogo e non falar tanto de datos cuantitativos como dos cualitativos. Cómpre non contar todo, centrarse no importante e mirar se se está a progresar ou non con esa acción.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*