Diego Parajó durante unha das dinámicas de grupo coas que explica o traballo en equipo

Técnicas para o traballo en equipo e ferramentas colaborativas. Con Diego Parajó

As primeiras xornadas do Curso son para ir entrando en contacto con determinadas cuestións que lle serán necesarias ao noso alumnado para desenvolver os seus proxectos culturais. E para aterrar en conceptos que entendemos que son útiles en  calquera contexto -académico e profesional- para o traballo en equipo.

Para iso hai unha sesión específica, adicada a dinámicas e ferramentas colaborativas, liderada por Diego Parajó. Unha sesión que ten, aparentemente, moito de xogo, pero na que todo ten un porqué. Nela, mediante unha serie de dinámicas, o alumnado é capaz de entender rapidamente conceptos complexos e tomar decisións concretas. Como, por exemplo, con que persoas formar un equipo de traballo para os vindeiros meses.

O equipo de titores

Momento na aula da sesión adicada ao traballo en equipo, cos titores saudando ao alumnado. Están de pé fronte ao grupo Diego V. Meizoso, Sonia Díaz e Diego Parajó. Na pantalla vemos a Beatriz Fontán, que só puido asisitir en liña, e á dereita a Sergio Lago, titor e coordinador do Curso

 

A sesión comezou cunha presentación do equipo de titores, xa que na primeira xornada desta edición non estiveran todos. Así, ademais de propio Diego Parajó e de Sergio Lago, que é quen coordina o Curso, puidemos coñecer a Diego V. Meizoso, Sonia Díaz e, mediante conexión virtual, a Beatriz Fontán. Elxs serán quen acompañe ao alumnado no devir dos seus proxectos dende a súa área de especialidade: deseño e desenvolvemento de proxectos, comunicación cultural e marketing cultural e públicos.

 

Mans á obra!

Tras este pequeno encontro, chegou o momento de pasar á acción, saíndo da aula cara unha das zonas comúns da planta baixa da facultade. Alí comezamos a facer grupos respondendo ás preguntas que nos facía Diego sobre nós mesmos e que serviron para ir atopando nexos comúns entra as persoas que forman parte desta sétima edición. Ao acabar, ademais de ter xa o xeo dos primeiros encontros roto, quedara feito un mapa de perfís.

Perfís que serviron para artellar grupos cos que construír. Neste caso unha estrutura sostible con vinte espaguettis, unha nube de azucre e unha tira de celo. Tras pouco máis dun cuarto de hora descubrimos que nin a estrutura máis alta gaña nin a máis cativa ten todo perdido e que o resultado final depende de como somos capaces de desenvolver de maneira eficiente os nosos recursos e de como artellamos, arredor diso, as capacidades do equipo. Porque, en base a todas estas experiencias, nesta sesión quedaron tamén pre-establecidos os grupos de traballo.

Logo dun descanso, Diego achegounos, a través da súa propia experiencia profesional, ás metodoloxías áxiles. E a ferramentas para traballar en equipo de xeito sostible e organizado que o alumnado aplicará dende xa no desenvolvemento dos seus proxectos.

 

Momento da sesión de Diego Parajó adicada ao traballo en equipo, cunha achega teórica a técnicas e ferramentas na aula

 

Como vedes, foi unha sesión intensa, de aprender literalmente facendo e, tamén, moi divertida 😊

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*