Todo listo para a sétima edición!
É xa cuestión duns poucos días: unha edición máis -e xa van sete!- chega o momento de poñernos cara equipo do Curso e alumnado para comezar a #aprenderfacendo. 😉
Será o venres 7 de outubro cando, por fin, bote a andar o CEU en Xestión e Innovación Cultural 2022-23, cunha sesión inaugural na que, ademais de benvida e presentacións, haberá tempo para achegarse ao primeiros contidos do Curso, da man de Marcos Lorenzo e Sergio Lago.
Aulas presenciais e aprendizaxe práctica
O CEUXiC ofrece unha formación práctica e titorizada, baseada no intercambio de coñecementos con profesionais en activo e no deseño en equipo dun proxecto cultural. As sesións celebraranse na Facultade de Ciencias Económicas do campus compostelán todos os venres lectivos e un xoves ao mes -habitualmente o último- en horario de 16:30 a 20:30. As aulas rematarán a finais de maio de 2023, logo de desenvolver este programa.
A parte non presencial estará apoiada na titorización mediante ferramentas telemáticas, de uso habitual en contextos profesionais. En total, a formación desenvólvese en 300 horas, que supoñen 30 créditos.
O Curso ofrece tamén a posibilidade (ata o 30 de setembro de 2023) de prácticas profesionais, de carácter voluntario, en empresas e entidades de referencia no sector.
Titulación propia e oficial da USC
Como todos as edicións, o alumnado deste curso 2022-23 é un grupo heteroxéno en canto a perfís, focos de interese e ámbitos de especialización, pero todxs teñen en común o interese por exercer a súa actividade no sector cultural de xeito sostible e innovador.
O CEUXiC é unha formación interesante para persoas recén graduadas que buscan un eido de especialización; profesionais do sector -público ou privado-que precisan actualizar coñecementos e acreditalos; persoas emprendedoras ou creadoras que queren saber como auto-xestionar o seu proxecto ou persoas cun ámbito de traballo ou formación próximo ao cultural (social, pedagóxico, divulgativo,…) para as que as metodoloxías e coñecementos que abordamos resultan útiles.
Ademais, trátase dunha titulación propia da USC, recollida na súa oferta de posgrao e formación contínua, polo que ao remate ofrece unha titulación oficial.
Se tes interese en participar nesta edición envía este formulario e informarémoste sobre a dispoñibilidade de prazas
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!