Traballar desde/con/para unha entidade pública. Con Carme Casado
Por Juan Ramón Martínez Barbosa
O venres 9 de abril regresamos ás aulas para celebrar unha nova sesión. Desta vez, estivo dividida en dúas partes. A primeira -en liña- da man de Marcos Lorenzo, un dos promotores e coordinadores deste CEUXC, técnico de Cultura no concello de Ferrol. A segunda, presencial, a cargo de Carme Casado, responsable de Promoción Económica da entidade municipal compostelá Cersia Empresa.
Avanzaba Marcos Lorenzo nun vídeo, gravado días atrás, que os procesos selectivos no sector público para o posto de técnico/a de Cultura “son moi escasos en Galicia debido principalmente a que non houbo un proceso de institucionalización nos concellos”, lamentando ademais que existe unha carencia de xurisprudencia e procedementos ben definidos á hora de contratar: “Non temos aínda manuais ou academias que te preparen para oposicións en Xestión Cultural”, recalcando que hoxe en día este é un traballo de estudo bastante solitario e individual.
Xa na aula, con Marcos Lorenzo nunha pantalla en directo vía online, iniciábase a sesión con diferentes intervencións das compañeiras comentando o “panorama descorazonador” que se podía entrever tralas súas palabras e a análise da situación. Marcos incidiu iso si, pola contra, en que os técnicos e xestores culturais “somos auténticos todoterreos, multitarefa e polifacéticos, verdadeiros francotiradores que lle damos a todo”, avogando, por exemplo, por concienciar e sensibilizar aos responsables políticos para reverter esa cruda realidade.
Na segunda parte da sesión, impartida por Carme Casado, “facilitadora de proxectos empresarias e institucionais” (como ela mesma se define) procedemos a estudar, pois, como traballar desde/con/para unha entidade pública.
Incidiu Carme, xa dende o principio da súa intervención, en que “hai que poder vivir dignamente da cultura” e para isto é fundamental coñecer a entidade coa que queremos colaborar e identificar os seus obxectivos, cales son as súas competencias ou estatutos, que é o que fan e o que pensan facer nun futuro. Así mesmo, é moi importante -ademais de ser coidadosos na presentación da documentación- coñecer o modelo de operación dun organismo público, cal é a súa forma xurídica, o seu ámbito competencial e aínda a ideoloxía política que impera nese momento.
A economista realizou durante a clase un pormenorizado repaso polas ferramentas administrativas máis habituais, como son as diferentes convocatorias de axudas, concursos, premios, contratos, subvencións ou convenios. Para isto, subliña Carme Casado, debemos informarnos, coidar a nosa marca persoal ou da organización para a que traballamos e sobre todo, ser coherentes, “ter as orellas abertas e escoitar”, trazar un plan de acción, avaliar e corrixir.
Para rematar, Carme destacou a transcendencia de aprender a traballar en equipo, de non regalar ideas, de establecer relacións a longo prazo, “de conservar o contacto aínda que se perda ese proxecto”, de ter lealdade cara ao mercado no que se opera. En definitiva, a clave do éxito está, na súa opinión, en que sexamos conscientes das estratexias máis idóneas e da afinidade dos valores do noso plan cos da entidade, para así, desta maneira, establecer relacións óptimas e sólidas coas distintas administracións.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!