Mediación e programación cultural nun espazo público, con Xaquín López. A práctica artística e creativa, con Caterina Varela, Jaione Camborda e Clara R. Cordeiro

Por Carmen Boo

Mais un outro día que este semiconfinamento e a forzosa tele-docencia nos leva a mudar de plans. Esta xornada de mediación e programación cultural debía ter como actividade principal a visita ao Auditorio de Galicia mais non puido ser. En troques, tivemos a presenza de Xaquín López, o director xerente deste espazo.

Xaquín comezou falándonos das competencias en cultura que recolhe a lexislación tanto estatal como nacional para poder contextualizar o trabalho dende o público; relatou historia e tamén o contexto do Auditorio de Galicia como organismo autónomo de cultura para poder entrar en materia do trabalho que se desenvolve neste espazo e das funcións como xerente do mesmo. Finalizamos, como é habitual, exponhendo as adaptacións do día a día na actual situación pandémica.

 

Experiencias a través da práctica artística

Na segunda metade da xornada tivemos a oportunidade de achegarnos á práctica artística a través da experiencia de tres mulheres de diferentes ámbitos da cultura. Unha aula cun formato un pouco diferente ata o de agora no curso, que non se diga que o semiconfinamento quita as ganas innovar.

A primeira quenda de palabra foi para Caterina Varela, bailarina e coreógrafa, ou, como ela mesma se definiu: “artista, etcétera”. Ela é co-directora da companhía de danza La macana mais a súa motivación por melhorar a situación da danza na Galiza levárona a participar noutros proxectos. É así como actualmente forma parte de Escena Plural, proxecto impulsor da circulación da danza na Galiza; dirixe o programa de residencias artísticas do Colectivo RPM; e coordina a programación estendida do TRC en Danza (Proxecto de Artes do Movimento do Teatro Rosalía de Castro da Corunha do que tamén falamos en aulas anteriores con Paulo Rodríguez).

Da súa experiencia quixo resaltar dúas cuestión importantes: como o mundo da creación na danza a levou a valorar os propios procesos tamén dende a xestión cultural e a necesidade que ela percibe de manter sempre unha perspectiva creativa e imaxinativa á hora de programar.

En segundo lugar, Clara R. Cordeiro relatounos a historia de vida de 7HCoop, a través dos proxectos desenvolvidos. A súa cooperativa trabalha en base a tres piares: paixón, competencia e recursos e actúa baixo tres valores principais: feminismo, inclusión e o contextual. Nacida do “interese de estudar a arte e a creación máis comunitaria e contextual”, desvinculada de espazos tradicionais como os museos, conseguiron definir a súa base de actuación a creatividade cooperativa e desenvolver “proxectos pequenos que suponhen unha aprendizaxe para todas as persoas que forman parte”.

Despois Jaione Camborda falounos da súa experiencia como creadora, directora, produtora, distribuidora cinematográfica e, en definitiva “mulher orquestra” a través da súa empresa Esnatu Zinema. Esta aventura comeza, hai xa 10 anos, cun guión propio e a imposibilidade de atopar unha produtora que levan a Jaione a asumir a prodcción, dirección e posterior distribución do seu filme Arima, non sen antes tropezar polo caminho coa grande pedra da financiación. Durante este percorrido tamén participou en proxecto pedagóxicos, como o Cinema en Curso.

Finalmente abriuse a quenda de preguntas na que, cada vez máis desenvoltas malia a barreira dixital, puidemos falar con elas sobre diferentes temas como: a involucración da comunidade, o equilibrio entre a creación e a xestión e, como non, sobre a situación actual da COVID-19.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*