Mediación e programación cultural: laboratorios e cultura comunitaria. Con Fran Quiroga
Por David Blanco
Curadoría da escoita: este concepto, que compartiu connosco Fran Quiroga, recolle en gran medida a esencia do compartido nesta xornada como iremos desvelando a continuación.
Nun primeiro momento achegámonos á experiencia do proxecto Concomitentes en Betanzos, a través do cal dende a mediación se procura que a cidadanía pase a ser a mecenas dunha obra de arte, neste caso o Parque do Pasatempo. Inspirado no modelo francés que nace nos anos 60, da man de François Hers, denominado “Novos comanditarios”, desta maneira procúrase rachar coa idea de que sexa unha persoa pertencente á nobreza ou burguesía a que comanda a unha artista que faga unha obra de arte, e que neste caso sexa a cidadanía
Neste senso, a investigación-acción participativa, como enfoque que involucra de forma activa á poboación no propio proceso de investigación, é unha das posibilidades que podemos utilizar na procura de tecer lugares de encontro e espazos participativos nos que emane a demanda e o desexo da poboación local. Ademai,s a isto podemos engadirlle a arte, que nos permite experimentar moito nestas ferramentas; un exemplo son experiencias como a idea do camiñar como práctica artística inspirada en movementos como o situacionista entre outros, que permite lanzar unha pregunta, ir camiñando en diferentes grupos e ila respondendo, e logo noutra parada hai unha devolución colectiva e unha intervención, e así sucesivamente, nun ambiente cómodo e relaxado que facilita o encontro e que de aí saian tamén eses desexos.
A devolución, como proceso no que devolvemos a información e coñecemento recollido á comunidade é moi importante para que realmente sirva no proceso de transformación, evitando así ser extractivistas coa información que recollemos da poboación e sacar rédito económico ou intelectual dela.
Ao mesmo tempo, cando estamos participando na mediación dentro dun proceso participativo, debemos ser conscientes dos marcos e marxe de actuación que podemos ter dentro do noso proxecto en relación con outros axentes culturais e por cuestións temporais, orzamentarias ou outras, e facilitar esta información á comunidade de cara a ter coidado coas expectativas e facilitar a comodidade de todo o mundo.
Unha das reflexións interesantes do encontro con Fran foi a importancia de entender que non somos solucionistas e que a arte e os procesos participativos non deben entenderse sempre dendo o consenso, no sentido de que abordalos dende o conflito (tal e como é a vida mesma) permite o diálogo, debate e negociación, mentres que ás veces os procesos que buscan gustar a todo o mundo acaban sendo máis inocentes e conservadores. Así mesmo tampouco existen as purezas
Superar a monumentalidade e ir ao micro nas obras e mediación, dando espazo ao patrimonio inmaterial ligado ao popular (como os saberes agrícolas) e ás periferias, e potenciando un patrimonio vivo e non enclaustrado nun museo, entendendo o patrimonio como algo de todas e todos que debe incidir na cidadanía, foron outros dos temas tratados para lograr dende o diálogo que se falaba antes non ser “ovnis” na comunidade coa que traballamos, e desentrañar a demanda que logre a lexitimidade social do noso proxecto. Así como pensar a obra dende o inacabado, como algo que está constantemente facéndose e que deixa espazo para decidir de forma horizontal, tanto á comunidade como á artista e profesionais, recuperando a idea do “mestre ignorante”.
Os espazos participativos
En canto aos espazos participativos, sexan foros ou consellos municipais, asembleas ou outros, debemos prestar atención ás dinámicas e busca de lexitimidade do poder que se xeran dentro delas. Ter en conta a perspectiva de xénero, todo tipo de diversidade, buscar horarios diferentes que permitan a participación de diferentes persoas dado os seus traballos ou responsabilidades, conversar con diferentes sectores da poboación e públicos indo aos espazos nos que están (mercado, institutos, salas de música…), buscar alternativas ás opcións en gran grupo que permitan recoller as achegas de persoas máis tímidas (como por exemplo a camiñada en pequenos grupos comentada anteriormente), e de forma complementaria escoitar as conversas nos microespazos (lugares informais que moitas veces son igual ou máis relevantes na toma de decisións, aínda que despois estas sexan traídas e lexitimadas nun espazo como a asemblea) son exemplos disto. A persoa mediadora debe ter coidado coa súa posición de poder para non manipular, pero ao mesmo tempo recoñecer que temos alma, personalidade e un posicionamento.
Na última parte da sesión, por grupos de traballo, fixemos un bosquexo de como no contexto dos nosos proxectos, que realizamos ao longo do curso, poderiamos desenvolver un laboratorio de innovación cidadá e un espazo xenerativo que posibilite que as comunidades fagan e creen. Na posta en común posterior xurdiron conversas interesantes, como a importancia de dialogar dentro dun proxecto cultural con outros saberes, tanto no senso de procurar cruces con outras disciplinas (botánica, agroalimentación, etc.) que nos permita traballar de forma transdisciplinar e integrando varios saberes (incluído o popular) como na axuda para atopar fondos económicos alén dos destinados só estritamente ao cultural.
Non existe a mediación perfecta nin pura, e o camiño non é fácil, pero despois desta clase saímos cunhas forzas renovadas para afrontar este reto, e co desexo aumentado, nestes tempos que vivimos, de xuntarnos e volver a estar en común. E como as técnicas de facilitación de grupos nestes procesos son moi importantes, aquí non foi menos e cada unha e un de nós cun adxectivo expresamos como nos íamos ao despedirnos: inspirada, contento, tranquila, con enerxía ou con autocrítica foron algúns dos termos mencionados.
No mundo da cultura e a arte o termo de curador/a é sinónimo do de comisario/a, se ben a orixe do primeiro fai referencia a “curar os contidos” e o segundo a “vixiar as obras”. Seica o primeiro é máis inspirador, facendo referencia á habilidade da escoita. E esta foi outra das palabras que saíu nese momento de despedida: curadoría da escoita.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!