Historia, actualidade e perspectivas da xestión cultural. Con Lluís Bonet e Sergio Lago
Por Mar Benavides
Se algo marca o 2020 é a incerteza e o cambio do noso modo de vida. Como nos adaptamos a estes cambios é crucial para o desenvolvemento da nosa sociedade. E non ía ser menos nas nosas clases, onde a presencialidade non sempre é posible e as caras dos nosos compañeiros e compañeiras se ven despersonalizadas cunha máscara. O venres 9 de outubro tivemos a primeira sesión en liña do curso e, aínda que non é o mesmo que compartir unha aula xuntos, puidemos vernos, facer bromas polo chat e falar con total normalidade, conectando o micro claro ;).
Para esta sesión acompañounos Lluís Bonet, unha das máximas referencias académicas e intelectuais no ámbito europeo da xestión cultural. Repasamos a historia e o perfil do xestor cultural e falamos dos desafíos cos que nos encontramos nestes tempos, animándonos á innovar e a non esperar a unha normalidade para facer cousas novas.
A profesión xorde coa necesidade de que alguén organice eventos e actividades culturais colectivas. Temos rexistro desta dende a Idade Moderna (nas cortes, no teatro, etc) tendo incluso algunha referencia bibliográfica sobre a súa xestión. De todas formas, aínda que o oficio foise perfilando co tempo, é nos anos 60 cando aparece o xestor cultural e cando xorde a necesidade de formación no campo.
O perfil da xestora cultural e a realidade do sector
É aquí cando Lluís nos pregunta cal é o perfil dun xestor cultural. Que actitudes, habilidades e coñecementos ten que ter? É Deus, como dixo en broma unha das compañeiras? Como se xestiona o talento? E o non-talento? O debate xirou en torno a estas cuestións, e aínda que con diferencias, todos coincidimos nunha síntese común. Ademais concluímos que é unha carreira profesional que require de:
- Poñerse en valor no ámbito profesional
- Formación continua: cursos, seminarios, xornadas…
- Co-aprendizaxe: Compartir proxectos, participar en redes, seguir blogs, visitar equipamentos e espazos, estar ao día da bibliografía…
- Non só coñecementos, senón a capacidade de xestionar o talento de todos os colaboradores.
No último punto da conferencia con Lluís, falamos dos desafíos actuais da profesión, vinculándoos á pandemia e destacando a necesidade dunha mirada crítica, diversa e innovadora.
Abrimos a segunda parte da clase con Sergio Lago, cunha explicación teórica menos amena, pero importante, para saber como funciona a profesión. Ademais, o profesor soubo paliar a sesión animándonos a interactuar no chat. Falamos do contexto laboral e profesional da xestión cultural en Galicia e dos retos ante a pandemia. Todo isto complementado con varios textos e libros de referencia para aprender máis a fondo sobre a realidade da nosa comunidade.
Se nos quedou claro algo é que queda traballo por facer para dignificar os dereitos laborais do oficio por parte dos sectores privados e públicos e que pode que as cooperativas sexan o presente e futuro da profesión.
Para quen traballamos? ;)
Trackbacks & Pingbacks
[…] en equipo e colaborativo, tivo unha pequena primeira parte. Nela, ademais de poñer en común as impresións sobre a anterior aula con Lluís Bonet e Sergio Lago, puidemos coñecer a Diego V. Meizoso, unha das personas que participa na titorización do Curso e […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!