Elaboración do diagnóstico. Identificación de necesidades e oportunidades. Con Ana Lorenzo
Por Anxo Fernández
Xa non nos parece raro estar nunha aula con máscara, ser menos de trinta persoas e ocupar case todo o espazo, non tocarnos, non poder acercarnos (de verdade) para compartir ideas, xeniais ou tolemias. Pero iso si, as docentes do curso están traballando duro para que a nova normalidade non sexa quen de acabar coas clases participativas, onde aprender compartindo.
E seguimos nesta nova edición do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, detrás das nosas variopintas máscaras, aprendendo compartindo e hoxe a aula centrouse nesa cuestión clave para implementar con éxito os nosos proxectos: a diagnose.
Antes de entrar en materia, comezamos repasando a aula da semana pasada, as novidades da web do curso, do inicio do traballo en equipo e das escollas dos diferentes contextos e as formas xurídicas. Teremos exemplos ben interesantes con opcións diferentes. Como sempre, isto axudará a enriquecernos mutuamente. Finalmente dimos un breve repaso das novidades que temos nos nosos taboleiros de Trello e as deadlines próximas, rematando coa axenda da próxima semana, na que teremos dobre sesión para rematar o primeiro mes de curso. Continuamos xirando!
A diagnose: non sexamos paracaidistas!
Ana Lorenzo é socióloga e fundadora de Cidadanía, unha cooperativa galega que desde 1999 traballa a prol da democracia participativa como centro do seu proxecto profesional, facilitando a participación activa da cidadanía nas políticas públicas, deseñando procesos de investigación, consultoría e formación. Isto promete!
E niso avanzamos na sesión, centrándonos, como dicía, no proceso clave de todo proxecto cultural (proxecto cultural con éxito!): a diagnose. Así, a meta é obter unha visión global dos sentidos da diagnose, que perspectivas podemos tomar e que nos pode dar cada unha, sendo o reto fundamental que este proceso nos sirva para algo.
Deste xeito, con esta meta, a idea que se desenvolveu durante a aula, de xeito fundamental, foi pensar nas necesidades da xente dun lugar e como os proxectos culturais poden axudar a estas necesidades. Neste eido foi de interese o documento que se nos trasladou con anterioridade á clase, sobre Necesidades Humanas e Satisfactores, de Julio Alguacil Gómez. É de relevancia distinguir as necesidades dunha sociedade dos satisfactores, conceptos que moitas veces se mesturan e confunden.
Entrando en materia, afondando nas técnicas de investigación, para seren capaces de descubrir as diferentes capas dun lugar, que nos axuden a artellar con éxito un proxecto cultural, explicáronsenos as tres perspectivas de investigación, unha meramente descritiva, outra explicativa e, de longo a máis interesante, a transformativa. Nós, acaso, non queremos con esta formación ser quen de ter as habilidades suficientes para que os nosos proxectos sexan transformativos? Sexan quen de crear outras sociedades e, agora que se leva tanto, volver á normalidade, pese a que, para min, a normalidade era o problema. Pero ese é outro conto.
Sen esquecer un dos piares desta formación, a participación activa do alumnado, chegamos ao descanso, logo do que, primeiro, recapitulamos. Os descansos nesta nova normalidade tamén son diferentes. Mesmo, polo que din, as post-clases xa non son o que eran. A sesión vermú, por chamala dalgún xeito, nun venres á noite nun Santiago confinado, xa non é posible.
Seguimos aprendendo: o mapeo
Na parte final da clase, non menos interesante, abordamos outras relevantes ferramentas da diagnose: o mapeo, a análise de discursos e a triangulación. Así, como futuros expertos na xestión cultural, temos que ser quen de ler entre liñas cando analicemos discursos ou respostas ás entrevistas que poidamos facer. Deste xeito, temos que ir, cada vez, afinando máis. Contextualizar e logo enfocar. O mapeo de axentes para poder deseñar un proxecto cultural nun determinado espazo vainos axudar a descubrir con quen debemos aliarnos no proceso participativo do noso futuro proxecto. Porque, como se di no artigo, non debemos ser paracaidistas. O noso proxecto non pode cociñarse fóra do lugar no que o imos implementar. Temos que, a través da recompilación do maior número de datos relevantes dun lugar, ser capaces de discernir os axentes que nos poidan interesar, os que poden estar máis cerca do noso proxecto.
Ese mapeo daría paso á diagnose das necesidades en si mesma. Agora xa, acelerando, teríamos que pór sobre a mesa esas necesidades, eses problemas detectados na nosa diagnose e convertir os problemas priorizados en obxetivos, un ou dous, para xa, finalmente, desenvolver con que accións culturais imos conseguir acadar eses fins.
Para rematar a sesión deste venres estudamos a técnica DAFO, unha técnica que moitas das alumnas da clase xa coñecen, pero que se revela, tamén, como estratéxica no desenvolvemento exitoso dun proxecto.
En resumo, se temos unha boa diagnose, se facemos un bo mapeo de axentes, detectamos as necesidades e problemas dun espazo, convertíndoos en obxetivos, cunha análise DAFO forte, poderemos estar (case) seguras de que o noso proxecto será exitoso.
Toca, pois, aplicar o aprendido, compartir, compartir nas nosas plataformas de traballo no espazo web e seguir avanzando. Case toca soñar, parafraseando ao amigo Alfonso Pexegueiro, pois soñar axúdanos a descubrir a realidade e a realidade permítenos descubrir os soños.
Trackbacks & Pingbacks
[…] Nesta xornada, na que nos divertimos tanto como aprendemos (ou sexa, moito!) quedounos tamén unha reflexión, acerca da relación entre as necesidades e as oportunidades das que sempre fala Ana Lorenzo (Cidadanía) na súa sesión do CEUXC adicada á diagnose. […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!