O plan de comunicación cultural. Con Sonia Díaz
Por Anxela Baltar
Esta sesión estivo dividida en dúas partes: a primeira consistiu en profundizar no plan de comunicación, e durante a segunda parte traballamos por grupos aplicando aos nosos proxectos os conceptos explicados. Ao mesmo tempo, noutro espazo da facultade, os alumnos e alumnas interesados gravaban un video para elaborar a Mostra de Saberes desta edición do curso, respondendo a unhas breves preguntas sobre as nosas experiencias laborais culturais, expectativas de futuro, etc,…
A primeira pregunta que facía Sonia era: Por que necesitamos plan de comunicación?
Deste xeito comezamos a analizar a necesidade deste documento para os nosos proxectos. Apuntou un dato curiosos: a maioría dos proxectos cos que ela traballou non tiñan plan de comunicación. Sen embargo, é fundamental que todo o equipo saiba que mensaxes se van transmitir, cando, e de que maneira. Tamén para distribuír os recursos de maneira axeitada, planificando que necesitamos, que podemos facer,… Todo iso conseguímolo elaborando un bo plan de comunicación.
A continuación, presentounos un modelo posible. Este modelo ten a seguinte estrutura:
Analizamos neste punto algúns factores como:
- A creación dun proxecto novo trae implícita certa debilidade, descoñecemento da marca. Necesitamos para comunicar que o público recoñeza.
- O obxectivo primeiro é construír e difundir unha marca forte. A partir de aquí cada proxecto ten as súas características dependendo dos obxectivos, necesidades,… etc.
- Públicos: a cada un, que lle ofrecemos? Algúns buscan emocións, outros unha programación concreta… Hai que analizar os distintos tipos de público que ten cada proxecto.
- É necesario fixar que soportes queremos producir, en que prazo e con cantos cartos.
Hai que dar resposta a unha serie de dúbidas e cuestións previas: de onde partimos? para que? para quen? como? cando e canto? Para resolver estes aspectos temos que ter en conta algúns factores:
- Canto máis clara estea a comunicación no cuantificable, máis sinxelo será saber se se conseguiu ou non.
- Debemos recoller aparicións en prensa: clipping de anos anteriores
- Temos que decidir o modo de comunicar, como queremos transmitir a nosa mesaxe en redes, medios,… etc.
Novas tendencias e recursos
- Medios: É moi minoritario facer soamente promo en medios, pero é unha acción importante. O noso proxecto debería saír en medios locais, comarcais, pois é moi habitual que o público busque aí a programación cultural. É importante crear accións que permitan que a televisión obteña unha imaxe máis dinámica e, simultáneamente, convocar aos medios e ás institucións, facer roldas de prensa,… A nota de prensa é tamén algo fundamental: hai que buscar un titular (factible, o que nos gustaría ver no xornal), e informar de cando, onde e canto custa na primeira frase (técnica da pirámide invertida).
- Redes e web: Adaptar expectativas ás posibilidades. O ideal é ter un perfil específico para o proxecto, por exemplo: aínda que sexa un festival dun concello, debería ter as súas propias redes e non publicar dende as da institución.
- Comunicación directa: É moi útil ter bases de datos porque é ter a posibilidade de chegar ao público que xa amosou interese no proxecto. Deste xeito está asegurada a atracción e o interese. Podemos facer tamén accións corpo a corpo: físicas, de presentación… Exemplo: presentar o festival en centros de ensino, proxeccións previas,…
- O camiño do medio: Crowdfunding: trátase dunha opción moi utilizada na actualidade, pero é algo caro por esforzo e por “cansino”. Patrocinios de comunicación: pedir contrapartida aos concellos.
Estes foron os puntos que tocamos na primeira parte da sesión. Despois do descanso, Sonia repartiu uns documentos para que cada grupo cumprimentara e comezara, deste xeito, a elaborar o seu plan de comunicación correspondente. Cada unha das follas repartidas correspondía a un punto da estrutura do plan:
- Diagnose: DAFO, observacións, recomendacións
- Obxectivos (cuantitativos, cualitativos)
- Públicos
- Soportes
- Estratexia e tácticas (brainstorming, ideas creativas, como contarlle o noso proxecto a cada público)
- Accións e materiais (levar as ideas que sexan posibles ao factible para cada público, exemplo: flashmob para a mocidade)
- Cronograma
- Orzamento
Cada grupo, traballando conxuntamente, elaborou coa axuda de Sonia as partes do plan que lle deu tempo ao longo desta segunda parte da aula. Temos agora como tarefa continuar coa estrutura e darlle forma (en Word, maquetando,…) e, deste xeito, rematar finalmente o noso plan de comunicación.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!