Dereito aplicado á xestión cultural. Con Patricia Gabeiras

Por Silvia Muíño

Patricia Gabeiras inicia a sesión manifestando que ela é fundamentalmente xurista e amante do Dereito, mais no momento que comezou a traballar a propiedade intelectual soubo que este sería o tema que centraría a súa carreira profesional. Nesta cuestión, que nin sequera abordara nos seus estudos universitarios, afondou cando realizou un doutoramento en Dereitos da Cultura e comezou a estudar o financiamento e parte económica deste, posto que tamén fixo un mestrado financeiro. De feito, chegou a investigar máis a fondo no tema na súa tese doutoral mixta sobre Dereitos da Propiedade Intelectual na que elaborou unha ferramenta de aprendizaxe e fixo unha operación de titulización; é dicir, de realizar un balanzo dos dereitos de autor/a de cobro futuro.

 

O dereito constitucional de acceso á cultura

O tema das súas investigacións académicas veu directamente relacionado coa reflexión de se as axudas públicas á cultura deben de seguir sendo xestionadas para o momento e valorar as circunstancias nas que naceron. Para abordar esta cuestión, o enfoque constitucional é moi importante e o dereito de acceso á cultura é un dos temas aos que continuamente recorre, porque aí está a base da cuestión.

Lembra que con base a este enfoque constitucional levou adiante a iniciativa para que os/as menores puidese entrar nas salas, porque antes a Lei de espectáculos o prohibía; nin sequera nesta cuestión era importante o punto de vista económico, mais si que o era o dereito constitucional de acceso á cultura, máis aínda cando se podía interpretar que, ao se lle negar aos menores o acceso ás salas, interrompíase unha faceta da educación que é a participación na vida cultural.

 

O proceso de creación dun proxecto cultural

 

Inicio do proxecto

Cando queremos levar a cabo un evento hai moitas implicacións que debemos ter en conta e sobre as que nos debemos de asesorar. A Lei de Espectáculos é a primeira delas, posto que recolle a participación dos menores nos espectáculos, a normativa de seguridade e mais do ruído; a maiores hai que ter en conta o risco administrativo que se corre nun sector ateigado de microempresas con recursos moi limitados e intentar atallalo o máximo posible, posto que o dereito é moi importante para a viabilidade dun proxecto cultural, así como intentar identificas os principais problemas que poden xurdir á hora de materializalo.

 

Rexistro da marca

O primeiro paso cando nace un proxecto é protexelo 2018 04 17 Patricia Gabeiras (2)e inscribir a marca. Cómpre reflexionar sobre a importancia da propiedade intelectual e industrial e rexistralo, así como medir os recursos necesarios para facer un seguimento da marca.

 

Licenza administrativa

A normativa de espectáculos establece que hai que ter unha licenza de actividade para realizar un evento. A Administración pública é a que ten que realizar a autorización para levantar un recito e abrilo, no caso, por exemplo, dun festival. Non obstante, os procedementos administrativos non están adaptados ás necesidades do sector e isto motiva que se tramiten en demasiados casos a última hora, que é cando se ten o proxecto definitivo. En todo caso, destaca que non ten sentido que a un festival de música lle apliquen a Lei de Construción e esta cuestión pon en risco os proxectos que precisan dun marco xurídico máis claro e adaptado ás características do sector cultural.

 

Tipos de financiamento dun proxecto cultural

A estrutura financeira dun evento é esencial, porque hai que ter claros os recursos cos que se vai facer o proxecto, as axudas públicas e os posibles ingresos. Cómpre ter moi clara a utilización dos recursos públicos e distinguir entre patrocinios, subvencións en concorrencia competitiva e subvencións directas, porque estes conceptos non son intercambiables xuridicamente:

  • Subvención directa. Subvención que se dá directamente a unha entidade.
  • Subvención en concorrencia competitiva. Subvención que sae a concurso con criterios públicos para entidades.
  • Patrocinio. Contrato privado cunha entidade.

As subvencións teñen como finalidade apoiar as políticas, deben de ter uns obxectivos na planificación política, e o ideal é que estes estivesen recollidos nun plan que defina os recursos que se destinan para esas políticas, así como os instrumentos xurídicos que van utilizar para xestionar esas partidas orzamentarias (subvención directa, en concorrencia competitiva ou patrocinio). O problema é que o panorama xurídico no tema das subvención é inseguro e a aplicación está determinada por cuestións políticas e ideolóxicas. A Lei de Subvencións impide dar máis de tres anos unha subvención a unha mesma entidade sen xustificalo e, de sermos estritos, a subvención directa é subsidiaria, mais tampouco hai que deixar de lado que o criterio na concorrencia competitiva é subxectivo; o que non quita que a partir do ciclo de tres anos haxa que cumprir os obxectivos, valorar se se xestionou correctamente a subvención e se o proxecto é viable. Aí é onde reside a lóxica das subvencións.

Por outra banda, está o patrocinio, que é un contrato bilateral con contraprestacións recíprocas no que Administración pública traballa e actúa como un privado, o promotor ten que cumprir coa finalidade da subvención e o que quere é que a publicidade se recolla porque o patrocinado colabora na publicidade do patrocinador. Cando se dá un patrocinio vai exixir un impacto coas pezas publicitarias nas que está a súa imaxe.

 

2018 04 17 Patricia Gabeiras (4)

 

Normativa de riscos laborais

 Máis un dos temas importantes no proceso de posta en marcha dun proxecto cultural é a normativa de riscos laborais, desde o punto de vista da responsabilidade e os requisitos, tanto na propia empresa como no equipo de profesionais e persoas subcontratadas. É moi relevante dispoñer da documentación e cumprir a normativa para non incorrer en responsabilidade penal.

 

Os seguros de responsabilidade civil

Canto aos seguros de responsabilidade civil hai que ter en conta o tipo e contía de seguros que se necesitan, entre os que están os do persoal directivo, administrador, o de actividade e cancelación. Ademais, hai que ter en conta que non debe traballar ninguén no recinto que non estea asegurado e que debe existir un seguro de responsabilidade civil para as persoas asistentes. Por outro lado, e no caso de que se contrate a carga e descarga a unha empresa esta debe ter seguro de responsabilidade civil e de existires persoas voluntarias tamén deben de estar cubertas.

 

Os dereitos de autor/a

 O tema das entidades de xestión dos dereitos de autor/a é un tema controvertido, mais en realidade son  necesarias e naceron como estruturas pseudosindicais para agrupar as persoas que precisan que os seus dereitos sexan tutelados, posto que non os poden xestionar de maneira individual. Isto non exime que haxa que analizar a traxectoria da SGAE e tentar reencamiñala como a ferramenta útil que debería ser para a protección dos dereitos de autor/a.

En primeiro lugar hai que ter en conta que hai dous titulares de dereitos, o/a autor/a da música e o/a autor/a da letra, que poden ou non ser a mesma persoa. En principio, o que se gañe pola obra repartiríase entre eles, mais como orixinariamente non tiñan a capacidade de facer as súas partituras e contrataban a alguén para a edición, o/a autor/a cedíalle ao editor eses dereitos e a posibilidade de que  os promovera para que levara unha porcentaxe dos dereitos de distribución. Logo dunha reforma lexislativa indícase que o contrato de cesión é unha reforma en exclusiva dos dereitos de cesión, esa modificación baleira de capacidade dos seus dereitos aos autores en beneficio o editor. No momento cronolóxico no que se produce esta reforma entran na SGAE os editores como socios.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*