Presentación e contraste dos proxectos con financiadores. Con Carme Casado (Cersia), José Luis Maestro (Turgalicia) e Iván Fernández (Galicia Calidade)
Por Pablo Pérez
O pasado mércores 11 de abril tivemos no salón de actos da facultade unha sesión de contraste de proxectos con posibles financiadores. A sesión dividiuse en dúas partes: na primeira parte tivo lugar unha mesa redonda na que os poñentes falaron sobre o patrocinio, cada un dende a súa modalidade, e unha segunda parte na que se desenvolveron as simulacións de entrevistas ante potenciais financiadores.
A mesa redonda estivo formada por diferentes profesionais: do sector público autonómico estivo José Luis Maestro, de Turismo de Galicia; do público local, Carme Casado, do Cersia, e do patrocinio privado, Iván Fernández, de Galicia Calidade. Carme foi a encargada de romper o xeo:
Carme Casado é economista vocacional e profesional, traballa no edificio do CERSIA Empresa, do Concello de Santiago de Compostela, sendo a responsable de promoción económica dentro da Concellería de Igualdade e Desenvolvemento Económico. Durante a súa exposición contounos o importante que é coñecer as estratexias válidas para achegarse ás administracións e a vía para coñecer que obxectivos perseguen as entidades públicas para, dese xeito, poder darlles a mellor reposta posible co noso proxecto, axustando a nosa planificación estratéxica aos obxectivos das entidades locais.
Recalcou a necesidade de levar sempre a unha primeira entrevista cun financiador unha definición do proxecto a presentar que estea en sintonía cos obxectivos que persegue, buscando sempre na medida do posible unha empatía nos valores entre proxecto e entidade. Fixo moito fincapé na importancia de “non ser tan xeneroso coas nosas ideas”, antes de que estas saian ó mercado, advertindo e suxerindo preservar os puntos chaves de proxectos innovadores, agardando primeiro e ver se hai interese e non “regalar” un traballo de creación propia.
José Luis Maestro foi o segundo en intervir. Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, traballa na Xunta de Galicia dende o 1993, onde comezou exercendo diversas responsabilidades na Consellería de Política Territorial e Obras Públicas. Actualmente é subdirector de ordenación, inspección e planificación turística na axencia Turismo de Galicia, onde é director de competitividade. José Luis leva asistindo catro anos consecutivos a esta mesma aula e achegando moitas das claves para que un proxecto cultural con dimensión turística teña éxito. Comezou a intervención facendo referencia e compartindo o que a súa compañeira Carme Casado dixera sobre a necesidade dos valores comúns que tiñan que existir entre o financiador e o proxecto, e engadiu ademais que os proxectos son avaliados por moitas persoas e en niveles diferentes, o que significa que non é un proceso fácil.
Na súa intervención destacou catro ámbitos de respaldo a proxectos turísticos desde a axencia Turismo de Galicia. Comezou falando das convocatorias de subvencións, indicando que contan cuns criterios moi obxectivos e destacando, de entre todas as liñas, a de cooperacións entre empresas, xa que é a que máis se aproxima ó ámbito cultural (sempre dende o turismo). Outra liña de axuda coas administracións a través dos xeodestinos e das agrupacións de destinos turísticos por concellos, por comarcas e por provincias, cos que a administración de Turismo de Galicia convenia, sendo eles mesmos os que fan propostas e financian proxectos culturais. Proxectos europeos, nos que existe unha participación activa de Turismo de Galicia, no que actualmente se están a desenvolver catro proxectos cunha compoñente cultural moi intensa. E por último a acción directa por parte de Turismo de Galicia a través da elaboración de produtos turísticos para a promoción do destino Galicia, no que o cultural ten un papel moi relevante.
Iván Fernández, licenciado en Xornalismo e Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago, é dende 2007 o responsable de marketing e comunicación de Galicia Calidade. Contounos que na actualidade o selo traballa con 104 empresas (de ámbito alimentario e turístico principalmente). En Galicia Calidade dedícanse por unha parte á certificación de marcas e por outra ao investimento en promoción da marca común. Invisten en patrocinio ou publicidade, ademais de patrocinaren o deporte, a cultura e o asociacionismo, entre outras. Iván anotou que lles chegaban un promedio de 2 proxectos por día e que resultaba imposible financiar tantas iniciativas, pero que en ocasións exercen de axentes mediadores das súas propias marcas socias e as poñen en contacto con proxectos que consideraban adecuados para elas.
Tralo descanso, xa na segunda parte, cada equipa tivo uns quince minutos para presentar os seus proxectos fronte aos posibles financiadores. As entrevistas desenvolvéronse de xeito simultáneo en tres espazos diferentes. O obxectivo desta práctica foi obter unha avaliación obxectiva e profesional dos dossieres de patrocinio que presentou cada equipa e obter unha información completa sobre as carencias e acertos no xeito de abordar a presentación.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!