Música e Artes Escénicas. Paulo Rodríguez e Belén Bermejo

Por: César No

O pasado 24 de febreiro tivemos o gusto de ter como docentes a Paulo Rodríguez e Belen Bermejo. Con eles quedou inaugurado o novo bloque de Programación e mediación cultural, onde se procura achegar estratexias, enfoques e experiencias no ámbito da programación cultural.

Paulo Rodríguez

Paulo Rodríguez, que actualmente é o director do teatro Rosalía de Castro e o presidente da RED (Rede Española de Teatros e Auditorios), foi o encargado de facer unha análise relacionada co ámbito das artes escénicas. Nunha época marcada polo consumo e onde día a día nos invaden novos termos que se configuran en multitude de novas siglas, Paulo recolle un destes para definir en que consiste o seu traballo como programador “O noso CRM consiste no acompañamento do público.” Isto fai que adquira e manteña a lealdade dos espectadores do Rosalía, un teatro de entidade pública que conta con case cincocentos abonados a teatro.

Tendo en conta esta primeira aproximación onde parece clave a relación entre o programador e os públicos, podemos destacar tamén aos creadores como último vértice dun triángulo que é formado polas figuras que interveñen nunha programación, a cal configura un proxecto artístico teatral.

Este proxecto, comenta Paulo, está dividido en tres niveis de afectación:

  • Político: desenvolvemento dun plan cultural para a comunidade que posibilite que se desenvolvan as accións sen ningún tipo de inferencia.
  • Estratéxico: que recolle o plano artístico, o desenvolvemento territorial (creación do contexto) e a produción.
  • Operativo: administración, recursos humanos, recursos materiais, marketing e comunicación.

Asemade, achéganos unhas palabras de Lluis Bonet e Joaquim Rius nas que afondan nos contratos programa e na gobernanza en equipamentos culturais. “É importante diferenciar entre os órganos de goberno e os órganos de dirección dunha organización cultural” (Bonet, 2010).

Podemos dicir, polo tanto, que existen dúas vertentes que interfiren nas labores dun programador: a artística e a administrativa, onde a administración toma decisións lentas e complexas convivindo ademais con demasiados vicios de inicio que confrontan e separan os distintos departamentos, o que ocasiona malas conexións e  demasiados problemas de burocratización.

 

Programador/curador

Pode parecer en ocasións que as programacións se configuran pola noite, nunha especie de actividade paranormal sen explicación racional aparente, a cal transforma milleiros de folletos e modifica numerosos espazos co fin de encher unha comunidade de distintas actividades, de distintos encontros máxicos. Pero si nos paramos e analizamos polo miúdo o que acontece, darémonos de conta de que existe a figura do programador, esa figura moitas veces case imperceptible que traballa e opera nas comunidades. O programador propicia o ecosistema que abriga o momento da representación onde se produce un diálogo entre o público e o creador que xera en moitas ocasións eses encontros máxicos.

Un programador sempre ten que traballar, como di Paulo, partindo do grado de excelencia. Ten que buscar poñer en valor a misión do organismo no que traballa, pero tendo en conta sempre a comunidade á que se dirixe, sendo quen de encaixar o desastre e tamén o éxito inesperado, e sendo tamén partícipe do mundo do que forma parte de maneira directa. O programador ten que saber que é o que o rodea asumindo a súa gran responsabilidade con xenerosidade.

Un termo que se vén usando para definir a figura do programador é o de curador (comisariados de exposicións, comisións…) termo latín que procede de curare e que tivo miles de acepcións. O obxectivo do programador é provocar unha experiencia artística conectada, facendo a arte visible ao público. Para iso debe idear un itinerario cultural onde se configure unha estética a través dunha intencionalidade na programación, existindo polo tanto unha filosofía propia. Dentro da estratexia curatorial debemos de ter en conta:

  • O xénero artístico
  • O enfoque histórico
  • O enfoque xeográfico
  • A liña temática

Outros termos asociados a figura do programador son: cartógrafo como deseñador da cartografía do itinerario da programación, educador como xerador de actividades de contextualización que involucren á comunidade, narrador como creador dun discurso, provocador dende a propia experiencia… Son moitos os adxectivos que podemos nomear, pero o que debemos de ter claro e que é unha figura importantísima na creación de públicos, na creación de contextos e na difusión e achegamento das diferentes culturas.

 

TRC Danza

TRC DanzaPaulo remata achegándonos o festival TRC Danza e explicándonos o proxecto de  Programación Expandida do mesmo.

É evidente a necesidade da creación dun mellor contexto para a danza en Galicia, polo que estas accións expandidas traballan da man desa rica programación que nos ofrece cada ano o TRC Danza, establecendo relación directa entre os artistas e o espazo, entre os artistas e o territorio, entre os artistas e os espectadores, entre os espectadores e o espazo, entre os espectadores e o territorio… unha relación directa que xera novas alianzas que durarán para sempre.

 

 

Belén Bermejo

Na segunda parte da sesión escoitamos a Belén Bermejo. Belén é a directora xerente de Sirgo Torcendo S.L. así como a directora artística de proxectos como Espazos Sonoros entre outros. No ano 2003 deixou a súa labor coma docente e iniciou a súa aventura empresarial, nunha loita constante contra todas as dificultades que se lle presentan no camiño, xa que para ela “O amor axuda a vencer todas as adversidades.”

Belén preséntanos os fundamentos para a construción dunha programación musical, co obxectivo de subministrar unha serie de liñas básicas e de criterios xerais que nos familiaricen cos procesos de dirección artística e produción. Cóntanos que para desenvolver unha programación musical a selección dos espazos toma un valor fundamental, xa que deberemos analizar as cuestións sonoras, as cesión dos mesmos, as incomodidades que se poidan dar aos cesantes e calquera outro tipo de situacións. Pero, ademais do espazo existen moitos outros factores que inflúen na configuración dunha programación, polo tanto imos facernos a seguinte pregunta: Como botamos a andar unha programación musical?

  • O primeiro punto é o de resolver unha pregunta clave: de que medios dispoñemos ou podemos dispoñer? Onde entrarán cuestións orzamentarias, de espazo, de recursos materiais…
  • O segundo punto consiste na análise e na definición de todos os suxeitos implicados: promotor, programadores e produtores, artistas, públicos, patrocinadores, medios…
  • O terceiro punto recolle os elementos para a construción dunha programación: deseño da programación, produción, comunicación, xestións do proxecto…

É interesante destacar que á hora de deseñar unha programación temos que establecer uns obxectivos e analizar os nosos destinatarios. Unha vez teñamos este apartado, resultará máis sinxelo levalo a bo porto na fase de produción. Polo tanto  debemos de continuar facéndonos e respondendo diversas cuestións:

  • Que tipo de programación queremos?
  • Que obxectivos perseguimos?
  • A quen vai dirixida?
  • Con que medios contamos?

Comenta Belén que nun ideal o deseño da programación debería de facelo unha persoa diferenciada do resto dos participantes, desta maneira non será o promotor nin os patrocinadores os que tomen este tipo de decisións. Polo tanto, conséguese que un ciclo teña personalidade, algo que os públicos perciben e co que normalmente se identifican. O director artístico será quen defina un concepto e marque uns obxectivos xerais e específicos tendo en conta os seus destinatarios.

Por outra banda, a produción. Entendemos como produción á sucesión de procesos que teñen como finalidade facer realidade esa programación, para iso configúranse os distintos equipos: produción técnica, produción artística, comunicación. Todos traballan baixo a supervisión do coordinador xeral do proxecto, que ben pode ser o director artístico ou ben pode ser outra persoa asignada, quen será o encargado e o responsable de ir unindo e atando todos os cables que van quedando soltos dende o comezo do proxecto ata a consecución do mesmo. Dentro das súas tarefas non é menos importante a preprodución, que tamén ten como fin a consecución dunha programación, aínda que este apartado se refire a todos os procesos preparativos e anteriores ao comezo da programación (selección de espazos, contacto cos espazos, elaboración dun cadro de necesidades, establecemento dun calendario…).

Espazos sonoros

Belén fálanos de dúas liñas de programación diferenciadas:

  • Liña máis conservadora: existe en boa medida unha falta de criterio nas seleccións, aglutina contidos sen ter uns obxectivos claros, non adoita existir unha programación expandida, o público soe ter unha labor pasiva como mero receptor, non existe preocupación pola captación de novos públicos…
  • Liña de corte non convencional: establece conexións temáticas ou cun determinado fío condutor, adoita estar acompañada dunha programación expandida ou paralela, existen localizacións alternativas, preocupación pola captación de novos públicos, públicos activos que participan e cos que se busca crear diferentes sinerxias cos produtores e/ou artistas…

Para finalizar, do mesmo xeito que Paulo, Belén explícanos que tamén existen numerosas dificultades na conxunción entre as xestións administrativas e as xestións orzamentarias dos proxectos. Parece, polo tanto, que nunha sociedade totalmente burocratizada, os artistas, os programadores, os públicos e toda a comunidade que establecen deben continuar loitando (e cada vez máis) contra papeis que non son os que conforman un pentagrama, nin son tampouco as letras dunha canción, senón que a melodía que estes desprenden resulta incómoda e desagradable.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*