Historia, actualidade e perspectivas das políticas culturais. Lluís Bonet
Por Adela Pita.
Esta segunda sesión do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural foi do máis interesante, pois achegounos unha chea de datos curiosos que de seguro retomaremos ao longo dos vindeiros meses.
Nesta ocasión tivemos o pracer de contar coa presenza de Lluís Bonet, un dos maiores especialistas internacionais en Economía, Xestión e Políticas da Cultura. Este profesor da Universidade de Barcelona e director da súa área de posgraos en xestión cultural, falounos dunha maneira moi ilustrativa da evolución histórica e da tipoloxía das políticas culturais en Europa, facendo especial fincapé no caso español.
De toda a exposición sobre este tema, foron dúas as ideas que máis espertaron o meu interese. A primeira é a seguinte: “A cultura pode ser unha terrible ferramenta de dominio da sociedade”. Lluís Bonet explicounos que xa no Antigo Réxime a cultura nace con motivos instrumentais para aumentar o prestixio, a magnificencia e a dominación dos poderes da época. Posteriormente, co Estado moderno, o dominio articúlase a través do concepto Nación, que se impón a través de símbolos e valores como o idioma, a bandeira, o himno ou a interpretación da historia dende institucións como a escola, a milicia, a igrexa… sempre tratando de desprestixiar ou de acabar con calquera manifestación autóctona ou rexional. Na etapa dos anos 30, o fascismo e o comunismo utilizan a política cultural como ferramenta para impoñer a súa visión única do mundo. A cultura convértese unicamente en propaganda ideolóxica para controlar a sociedade. Aséntanse a censura e o control ríxido da capacidade crítica. Será a partir do remate da 2ª Guerra Mundial cando se vaia dando paulatinamente unha apertura nas políticas culturais permitindo a redución da censura e o aumento da liberdade de expresión, a calidade e a creatividade cultural.
O caso español non é diferente do que acabamos de comentar. Un exemplo claro é a época do réxime franquista, na que a cultura é unha arma que emprega a censura, a propaganda ideolóxica ou a inhibición da capacidade crítica para someter a sociedade. Aínda que esta situación mellorou coa caída do réxime, e comezan a abundar institucións, empresas, infraestruturas, proxectos e profesionais do mundo da cultura, temos que destacar o escaso hábito da planificación e a irrupción da crise do Estado de Benestar. Os políticos seguen a dominar a sociedade, xa non a través da censura, senón a través dos recortes. Ademais, a ausencia de debate cidadán no que respecta á política cultural, facilítalles o traballo á hora de recortar en políticas culturais, pois ninguén protesta.
.
A segunda das ideas que máis me cativaron está relacionada coa crise do Estado de Benestar e é que: “As grandes crises abren fiestras de oportunidade inimaxinables”. Xunto coa palabra crise deberían sempre poñerse palabras como oportunidade, emprendemento, creatividade, orixinalidade, innovación, valor, necesidade, optimismo… De sempre as épocas de crise axudaron ao progreso, e isto podémolo aplicar a calquera aspecto da vida e, claro está, tamén ao ámbito da cultura. De feito estamos a ver que comezan a aparecer modelos de negocio ou formas participativas innovadoras e non importadas.
E xa para rematar, gustaríame agradecerlle a Lluís Bonet que compartise con todos e todas nós o seu tempo e lembrarvos que para a semana que vén seguimos con máis formación en xestión cultural, esta vez da man de Vanesa Castro e Iñaki López (Fur Alle Falle) coa súa exposición “Técnicas para o traballo en equipo. Ferramentas colaborativas”.
Trackbacks & Pingbacks
[…] fíxome lembrar por un instante a excelente lectura previa á primeira clase do curso recomendada polo profesor Bonet, titulada Dimensión sectorial de las políticas culturales en […]
[…] achéganos unhas palabras de Lluis Bonet e Joaquim Rius nas que afondan nos contratos programa e na gobernanza en equipamentos culturais. […]
[…] O pasado día 4 de novembro, tivemos a nosa 5º sesión formativa con Alberto García. Comezou a súa sesión comentándonos que a súa forma de traballar basease nas teorías do desenvolvemento comunitario adaptadas ao novo paradigma no que se atopa actualmente a xestión cultural, que xa vimos na sesión de Lluís Bonet: […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!