Canto nos custan as ideas? Bases para o deseño orzamentario. Miguel Martín.
Por Fernando Rei Maio.
Os prolegómenos á clase de hoxe resultaron obvios e inevitables. Coas melodías copleiras aínda latexando nalgúns corazóns nocturnos, o transvase de información sobre: baixas, danos colaterais, carteiras adelgazadas, inxesta de armas químicas no día despois (paracetamol ou derivados), prensa de guerra, etc., era normal que esas ansias de transmisión sobre datos guerreiro-festeiros coparan a charla do xa tradicional 1º café. Máis centrémonos realmente no importante.
Comezou a clase co anuncio de Marcos sobre a vindeira presentación que cada grupo terá que realizar na segunda parte da clase do 8 de abril. Teremos que presentar todo o que se leva feito do proxecto até ese día. Inmediatamente Miguel Martín tomou o mando da tarde para dar comezo á segunda parte do apartado “Xestión económica”, concretamente afondou na valoración de canto custan as ideas e nas bases para o deseño orzamentario.
Na primeira parte da clase fíxose unha lembranza do exposto na aula do 11 de decembro. Para iso realizouse unha serie de exercicios que nos refrescaron o dado con anterioridade. (Cálculo do IRPF, IVE, Seg. Social, Cota de autónomas/os, etc.)
Na segunda parte da clase, Miguel explicounos unha sinxela fórmula para estudar os orzamentos naqueles que teñan uns custes de produción iniciais e logo se vaia distribuír un ben ou servizo.
1º) Hai uns custos fixos, independentemente da cantidade de unidades comercializadas.
2º) Hai uns gastos variables, que van ir medrando a medida que aumentan as unidades.
3º) Hai uns ingresos, que a medida que imos comercializando van ir aliviando e superando os custos.
O punto morto é a situación onde a contía de custos e ingresos é igual a cero. A partires de aí todo son ingresos e o proxecto vólvese rendible desde o punto de vista económico.
O exemplo foi o seguinte:
Montamos unha produción teatral que ten un custo fixo de 25.000 €. Cada vez que representamos dita obra, suponnos un custo variable de 4.000 €. Nós queremos cobrarlle a un concello por cada representación 5.000 €.
De aquí sacamos o seguinte dato: para que saia rendible economicamente este proxecto necesitamos realizar máis de 25 funcións, pois con tan só 25 quedamos nun punto morto. A partires disto un pode xogar co prezo dependendo dos seus intereses profesionais ou/e persoais.
Rematou a aula falando do segundo exemplo. “Os orzamentos de tesourería” son os que determinan os custos e os gastos no tempo. É dicir, un debe ter presente que nun proxecto, cando vexamos os primeiros ingresos, pode acontecer que transcorran varios meses onde só tiveramos custos. Se non temos un fondo inicial, a medida que máis tardemos en cobrar unha representación, os problemas van ir en aumento, debendo botar man, con toda seguridade, de créditos bancarios para seguir pagando aos traballadores/as, alugueres, etc.
Con este tema abriuse un pequeno debate sobre a dispoñibilidade de pedir anticipos. Miguel deixou claro que hoxe en día, isto vai ser practicamente imposible no eido da administración pública. Só se podería aspirar a unha subvención.
Remato cun proverbio moi ao caso de Benjamin Franklin: “Coida dos pequenos gastos; un pequeno buraco afunde un barco”.
@fernandoreimaio
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!