Fuco Sanjiao e a teoría económica da cultura

O pasado venres visitounos Fuco Sanjiao, profesor do departamento de Economía Aplicada da USC e actual secretario do Museo do Pobo Galego. A súa exposición estivo centrada na teoría económica, e no seu emprego no estudo da esfera cultural. Para mostrar con integridade este enfoque, comezou lembrando os fundamentos da análise económica, a saber: o individualismo metodolóxico, a maximizaxión da utilidade e a elección racional. E a continuación indicou algúns problemas e límites na aplicación deste modelo teórico, como poden ser a información incompleta, a intervención das institucións, as restricións políticas e morais ou a necesidade de acadar a máxima eficacia e eficiencia.

Antes de proseguir coa presentación, Fuco detívose nun aspecto ao seu xuízo determinante para comprender o resto da clase: a diferenciación entre os aspectos positivos (a descrición do que existe) e os aspectos normativos (as valoracións que nos merece o que existe). Esta distinción estaría presente ao longo de toda a tarde.

Retomando o fío, Fuco explicou como as artes son un obxecto de análise económica dotado dunha serie de riscos definitorios. A cultura é un ecosistema onde conviven múltiples institucións e grupos de presión, no que se manexa unha información limitada, con frecuencia mesturando valoracións económicas (positivas) e artísticas (normativas), no que os incentivos dos axentes son incertos, no que predomina unha consideración da cultura como un interese superior (similar á alusión ao “buonismo” feita por Pau Rausell) e onde se alternan motivos intrínsecos (que é o que realmente me gusta) con motivos extrínsecos (que digo que me gusta ou que me debera gustar).

2015 01 23 fuco sanjiao3editNun seguinte apartado da exposición, Fuco Sanjiao mostrounos os principais axentes que operan no mercado cultural, distinguindo entre produtores, demandantes (finais, interpostos e cualificados), reguladores (normas, Estado), empresas e industria cultural, fundacións e asociacións. Desde a óptica económica, a finalidade última do mercado cultural sería a satisfacción de necesidades culturales. Chegados a este punto, Fuco expuxo algúns dilemas que suscitaron un vivo debate na aula, como o da concepción da cultura como lecer ou como servizo público, ou a afirmación de que a cultura é fundamentalmente un ben privado. No medio do debate advertiunos sobre os perigos da gratuidade da cultura, que conduciría á súa desvalorización.

No que atinxe á xestión cultural, sinalou que o seu fin último é “organizar actividades” e que os xestores do ramo son basicamente mediadores entre os produtores e os demandantes. Tamén fixo mención á dobre crise da cultura que vimos explicando ao longo do Curso, pero neste caso engadindo un terceiro factor: a crise do produto cultural en si, ou a maior desconsideración (ou menor aprecio) coa que se percibe a cultura no conxunto da sociedade (a tamén denominada “banalización da cultura”).

Noutro momento da clase, Fuco analizou os custes nos que incorre o consumidor á hora de acceder a bens ou servizos culturais (monetarios, de tempo, de información, de comprensión…) e e as variables que inflúen en maior medida no consumo, como a renda dispoñible, o custe de oportunidade, os niveis formativos e o rango de idades.

A aula rematou cun repaso en detalle das vías para a mellora do financiamento dun proxecto cultural, como por exemplo extremar o control sobre os gastos, identificar consumidores potenciais e axustarse ás súas necesidades, xerar contidos patrocinables, próximos aos obxectivos dos financiadores, buscar reducións impositivas, explorar as canles do financiamento en masa, ou deseñar accións encamiñadas a incrementar o gasto per capita do consumidor, como implantar un sistema de entradas a prezos populares ou dispor dunha liña de produtos asociados (merchandising).

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará


*