Traballo en equipo, orzamento e planificación. Con Mariela Villar e Miguel Martín

O pasado venres tivemos unha sesión con dúas partes ben diferenciadas. Na primeira metade, Mariela Villar, directora da empresa CCAMINA, falounos do desenvolvemento persoal e das chaves para un correcto desenvolvemento do traballo en equipo. Na segunda, Miguel Martín, xefe do Departamento de Promoción Cultural do Concello da Coruña, explicounos os fundamentos da elaboración de orzamentos, máis como ferramenta de planificación e control que como instrumento comercial.

 

2014-11-07-Mariela-2Mariela comezou a súa exposición preguntándonos que significaba para cada un / unha de nós as expresións “desenvolvemento persoal” e “traballo en equipo”. Xurdiron palabras como crecemento, confianza, evolución, adaptación á contorna, desafío ou intercambio de experiencias. Para Mariela, desenvolvemento persoal implica necesariamente cambio e aprendizaxe.

A continuación, indicou unha serie de características que definen a un equipo e o diferencian dun grupo. A saber: obxectivos comúns, obriga de participar para os seus membros, elevado compromiso, valores compartidos, reparto de tarefas segundo habilidades e capacidades, interdependencia dos membros, existencia dun líder ou responsable, autoavaliación constante e resultados colectivos. Os equipos deben buscar a forma de estimular aos individuos, pero estes tamén son responsables da súa propia motivación.

Así mesmo, transmitiu unha serie de pautas para garantir o bo aproveitamento das xuntanzas de equipo, como por exemplo: marcar unha orde do día clara, fixar os tempos para cada punto a tratar, plasmar os principais argumentos nunha acta, dispor dun moderador / condutor da xuntanza que a encamiñe a lograr conclusións prácticas e aplicables, así como fomentar a participación de tod*s *s asistentes.

Para rematar, remarcou a importancia de dedicar tempo a conversar sobre o propio funcionamento do equipo e a idoneidade dos seus procedementos. A exposición de Mariela finalizou cunha alusión á teoría dos seis sombreiros, de Edward de Bono.

 

2014-11-07-MiguelPola súa parte, Miguel Martín abordou aqueles aspectos da elaboración e análise de orzamentos máis relevantes para un/unha xestor/a cultural. En primeiro lugar mostrou a estrutura dos orzamentos públicos, explicando cada un dos seus capítulos e deténdose particularmente en tres deles: o capítulo 6, de investimentos reais (activos que adquire unha administración para darlle uso durante máis de un ano), o capitulo 4, de transferencias correntes (p.e., unha subvención ou unha bolsa para estudantes ou artistas) e o capítulo 2, de gastos correntes (alugueres, servizos de empresas externas, etcétera).

Deseguido, detallou a composición dos custes de persoal, diferenciando entre salario bruto e neto e explicando o cálculo de ambos para unha retribución anual, así como a aplicación do IVE e das retencións de IRPF no caso de artistas contratados (que emiten factura ou recibo segundo coticen en réxime de autónomos ou non).

Noutras orde, fixo mención ás amortizacións e á necesidade de imputar os gastos xerais (os custes de estrutura da organización que presta o servizo) a cada proxecto realizado, de forma proporcional. E a continuación expuxo un orzamento dinámico (coa evolución de ingresos e gastos no tempo) para ilustrar as tensións de tesourería que adoitan acontecer nos proxectos e empresas culturais. Segundo Miguel, boa parte da mortandade de empresas culturais non é debida á falta de rendibilidade dos negocios, senón a problemas de liquidez.

A sesión concluíu coa explicación do chamado “punto morto”, é dicir, o punto de equilibrio entre ingresos e gastos naqueles proxectos culturais con custes fixos e variables, como por exemplo unha obra de teatro, na que temos custes derivados da propia montaxe e outros asociados a cada unha das representacións. O “punto morto” sería o número de funcións, e o prezo por cada unha delas, para que a compañía de teatro non presente perdas.

Por último, amosou algunha ferramenta de planificación de tempos e tarefas, como o método PERT e os diagramas de Gantt.

 

* Fotografías realizadas pola nosa compañeira Alicia Padín

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*