E arrancamos cos proxectos…

O pasado venres (24 – out) foron os titores do Curso, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, os encargados de conducir a sesión. Como xa é habitual, iniciamos a clase repasando o aprendido na semana anterior, resolvendo dúbidas e avaliando o funcionamento do Curso.  A continuación Sergio e Marcos mostraron nun pantallazo a estrutura do proxecto que debemos elaborar no Curso, explicando o sentido de cada un dos seus apartados.

000-estrutura-base-proxectoO proxecto tipo foi dividido en dous grandes bloques, un descritivo, no que se atopan a Introdución, a Fundamentación, os Obxectivos, os Destinatarios e as Entidades Colaboradoras, e outro bloque operativo, do que forman parte os apartados de Metodoloxía, Accións, Resultados Agardados, o Calendario, a Localización, Recursos, Orzamento, Avaliación e Seguintes Pasos a Dar. Ademais, mencionáronse unha serie de documentos internos (que non é preciso compartir con clientes ou destinatarios) de gran importancia á hora de definir o proxecto, como son o Diagnóstico, a Estrutura Organizativa, o Plan de Produción, o Plan de Financiamento e os plans de Marketing, Comunicación e Medios.

Posteriormente, cada equipo desenvolveu unha choiva de ideas para comezar a definir a temática sobre a que se traballará ao longo do Curso. As ideas preliminares foron expostas e recollidas na pizarra, como podemos apreciar na seguinte imaxe.

Aula 24.10.14

Logo do descanso, Sergio e Marcos explicaron algúns proxectos “reais”, aprobados e executados. Non tanto como plantillas ou receitas a seguir ao pé da letra (a natureza dos temas que abordan e o perfil dos clientes aos que se dirixen fan de cada proxecto algo único), senón para mostrar diferentes opcións que poidan inspirar á aula. En concreto, Sergio expuxo algúns elementos sobre as orixes e as chaves de funcionamento do Culturgal, a feira galega das industrias culturais, da que foi director. Así mesmo, explicou someramente o proxecto Fábrica de Sel, en Muros, ligado á cultura mariñeira e ao patrimonio industrial das conserveiras.

Pola súa banda, Marcos centrouse na fase de conceptualización do FIOU, o Festival Internacional de Orquestras de Galicia, unha iniciativa a medio camiño entre a verbena tradicional e un macrofestival de pop-rock. O FIOU celebrouse en Cea (Ourense) en 2010, no marco do Xacobeo, e perseguía dignificar a festa e a cultura popular, así como servir de oportunidade de desenvolvemento local e visibilización da Galicia interior.

Para rematar a sesión, os equipos xuntáronse de novo para planificar a busca de información esencial (datos, documentación, ideas…) para cada un dos seus proxectos, con vistas á elaboración do Diagnóstico. Esta dinámica de traballo continuará o venres, 31 de outubro. Estamos pois dando os primeiros pasos, os equipos comezan a rodarse e os proxectos a coller corpo.

(* Foto destacada de Raúl Marín, compañeiro da aula) 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*