Crónica do Porto: tecendo lazos culturais

A pasada fin de semana un grupo de estudantes e profesores do Curso, xunto coas compañeiras de O Cable Inglés e Vamos Scotland, viaxamos ao Porto para coñecer de primeira man as mellores prácticas en xestión cultural do Norte de Portugal e os seus profesionais de referencia. Foron tres días ben intensos, nos que puidemos tirar aprendizaxes moi valiosas e iniciar novos vínculos profesionais que agardamos sexan longos e frutíferos.

A primeira parada fixémola en Guimarães, no CIAJG – Centro Internacional de Arte “José de Guimarães”. Na primeira parte da visita puidemos gozar coas exposicións permanentes de arte chinesa, precolombiana e africana (abraiante a colección de máscaras). A continuación, o concelleiro de cultura, José Bastos, ofreceunos unha explicación detallada sobre as claves da política cultural municipal das últimas décadas, que levaron a esta cidade a ser Capital Europea da Cultura en 2012.

Segundo José Bastos, non hai receitas máxicas e “os procesos non son replicables”, pero é posible que incidise positivamente a estabilidade política (máis de vinte anos ininterrompidos de goberno do mesmo alcalde), a rehabilitación a fondo do casco histórico con estratexias para evitar procesos de xentrificación, e a capacidade para “ir reaxindo”. Porén, durante a súa intervención tamén nos trasladou a necesidade de fomentar o desenvolvemento desde os valores intrínsecos de cada lugar, de contemplar a cultura – o patrimonio – o turismo como un todo, e de facer énfase na participación cidadá e na dinamización do tecido asociativo, cuestións todas elas que xa denotan uns enfoques e prioridades sostidos no tempo de forma coherente.

Por último, e ante a nosa petición, explicounos o particular modelo de Régie-Cooperativa no que se sustenta A Oficina, a empresa que xestiona case a totalidade do orzamento municipal en cultura. Aínda que a Câmara de Guimarães conta coa maioría de accionariado, tamén participan particulares, empresas e outras entidades, tanto públicas como privadas.

Exposición "Arte Bruta". No núcleo de arte da Oliva Creative Factory, en São João da Madeira

Exposición “Arte Bruta”. No núcleo de arte da Oliva Creative Factory, en São João da Madeira

Unha vez concluída a visita a Guimarães, encamiñámonos ao Porto, onde nos agardaba unha delegación de alumn*s do Mestrado em Gestão de Indústrias Criativas, da Universidade Católica Portuguesa, á que se sumou o seu director, Luís Teixeira. Cea, conversa agradable, un brinde e a descansar para afrontar a longa xornada do sábado.

A mañá seguinte discorreu no edificio da empresa municipal Porto Lazer, en plena Avenida dos Aliados. Un dos seus traballadores, Daniel Ramos, realizounos un percorrido sobre as actividades que programan e os seus proxectos estrela. Un dos máis emblemáticos foi a rehabilitación e uso cultural do céntrico edificio AXA, no que se incluíu bar, auditorio, espazos expositivos e andares para residencias artísticas. Outro proxecto de gran dimensión foi o chamado Locomotiva, que implicou a rehabilitación da zona circundante á estación de trens de São Bento, cunha clara finalidade turística. E por último, mostrounos un vídeo sobre o vindeiro desafío cultural da cidade do Porto: a rehabilitación en chave cultural e creativa do antigo matadoiro, sito na freguesía de Campanhã.

Descanso para un café e continuamos no mesmo lugar, nesta ocasión para escoitar a Bruno Costa, director do festival internacional de teatro de rúa imaginarius. O imaginarius nace en 2001, como unha iniciativa da Cámara Municipal de Santa Maria de Feira, por entón liderada na súa área cultural por Carlos Martins (quen nos acompañou horas despois). Nos seus inicios procuraba atraer públicos e media, para así lograr un impacto de visibilidade para o municipio. Desde 2013 as prioridades mudaron e agora persegue outros obxectivos, entre os que se encontran: capacitar aos artistas e ás audiencias; impulsar proxectos innovadores, con independencia do seu tamaño; inserirse en redes internacionais (p.e. teñen un acordo de colaboración coa Fira de Tárrega); traballar toda a cadea de valor dos espectáculos de rúa, e non só a exhibición; e mesturar os públicos para lles facilitar experiencias sorprendentes. Unha vez descrito o marco xeral, Bruno Costa pasou a mostrarnos algunhas programacións inscritas no festival, como a mais, de colaboración con outros festivais, a imaginarius infantil, vinculada cos centros escolares, o mercado urbano ou o espazo off (programación sen curadoría). O imaginarius é producido pola empresa municipal Feira Viva.

E despois da estupenda charla de Bruno Costa e da comida de mediodía, collemos rumbo a São João da Madeira para coñecer a Oliva Creative Factory.

Esta entidade está situada nunha antiga metalurxia restaurada e combina a dimensión meramente artística do seu Núcleo de Arte, con outra función de impulso ao emprendemento no sector cultural e creativo. De entrada visitamos as salas dedicadas a expor parte das coleccións Norlinda e José Lima, con pezas de arte contemporánea, e Treger/Saint Silvestre, cunha fascinante selección de pezas de arte bruta. Exerceu como anfitrioa Raquel Guerra, a directora do Núcleo de Arte. Posteriormente, Carla Relva amosounos os espazos e servizos que se inclúen nesa dimensión máis emprendedora da Oliva: a Incubadora, para proxectos empresariais en fase inicial (primeiros tres anos), o Business Centre, para empresas máis maduras e consolidadas, e as Lojas Comerciais e Pop Up, tendas permanentes ou ben provisionais para sondar a resposta dos potenciais clientes. Tamén unha gran empresa como a ERT, dedicada á xeración de materiais téxtiles, decidiu localizar na Oliva o seu Centro de Innovación Creativa, aproveitando a infraestrutura e o talento que alí se atopa.

A proposta da Oliva Creative Factory complétase, entroutras, cunha Escola de Danza e un programa de residencias artísticas.  

De novo no Porto asistimos á derradeira actividade do sábado, unha mesa redonda sobre proxectos de cooperación cultural internacional, con tres das principais figuras da xestión cultural de Portugal: Susana Marques, Cristina Farinha e Carlos Martins. No mítico local do Maus Hábitos acondicionáronnos a Sala de Espectáculos para este fin e alí nos acomodamos unhas 30 persoas.

Mesa redonda no Maus Hábitos

Mesa redonda no Maus Hábitos

Susana Marques presentou tres proxectos: un de natureza 100% comercial, de colaboración entre o municipio industrial de Paredes e Beijing (China), outro europeo, sobre o patrimonio arquitectónico do Renacemento, e un terceiro de teatro e comunidade que conecta a UE con Xeorxia e Marrocos. Carlos Martins centrouse nunha iniciativa xurdida á calor da capitalidade europea da cultura de Guimarães, de cooperación entre Xapón e Europa, utilizando a cultura como embaixadora de negocios, e baixo o financiamento de grandes multinacionais niponas. A terceira intervención, de Cristina Farinha, dedicouse a analizar as posibilidades de cooperación entre Galiza e o Norte de Portugal.

Durante o coloquio houbo unha reflexión crítica sobre o escaso aproveitamento dos fondos europeos para intensificar a alianza cultural entre ambos territorios, e fomos identificando liñas de interese en común, como o intercambio de formación e coñecemento,  a ampliación de públicos, a colaboración coas diásporas xoves e cualificadas, paquetes de turismo cultural conxuntos, creatividade e innovación en sectores produtivos tradicionais, estratexias culturais para territorios con poboación dispersa e envellecida,  etc. Tamén convimos en que moitos deses posibles ámbitos de cooperación dependen dunha variable previa: que haxa un suficiente coñecemento mutuo e espazos de encontro que faciliten o xurdimento de ideas útiles para ambos (e parcerías). Quizás o Eixo Atlántico ou o Memorandum Paz Andrade poderían axudar nese propósito.

Ao remate da mesa redonda ficamos na propia Sala de Espectáculos, onde ceamos, celebramos e o dono do local, Daniel Pires, se achegou a dirixirnos un saúdo e unhas palabras explicando o modelo cultural e de negocio do Maus Hábitos.

O domingo pola mañá fixemos unha pequena visita á Fundación Serralves e emprendemos a volta á casa, con parada en Viana do Castelo para avituallamento. En conxunto foi unha finde estimulante, de cargar pilas, con proxectos dos que vale moito a pena tomar nota, e de convivencia entre amig*s dun lado e doutro da raia que agardamos teña continuidade e sirva para dar novos pasos cooperativos.

Marcos Lorenzo

 

 

6 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] Quen quixera ampliar información do festival, alén de visitar a súa web, pode ler a crónica da viaxe do Curso en 2016. […]

  2. […] Ya está disponible en el blog del Curso la crónica de esta experiencia tan inspiradora: http://edu.xestioncultural.com/2016/05/cronica-do-porto/ […]

  3. […] Xa está dispoñible no blog do Curso a crónica desta experiencia tan inspiradora: http://edu.xestioncultural.com/2016/05/cronica-do-porto/ […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*