A imaxe, recollida por unha alumna do Curso, ofrécenos en primeiro plano aos docentes Xulio Vázquez e María Yáñez, especialistas en cultura dixital. A imaxe nolos ensina de pé e sorrindo a cámara. Detrás deles, na mesa do profesor, vemos aos titores Sergio Lago e Diego V. Meizoso consultando algo no ordenador da aula

A cultura no contexto dixital: unha perspectiva dende Galicia. Con María Yáñez e Xulio Vázquez

Por Matías Daporta

O xoves 1 de decembro visitáronnos María Yáñez e Xulio Vázquez. Dúas persoas especializadas no estudo e traballo no eido da cultura dixital, invitadas a expoñer como é operar ou relacionarse co contexto dixital dende a xestión cultural. Mais, que é a cultura dixital? Con esta pregunta comezou a presentación Xulio Vázquez. Segundo el, malia ter traballado creando contextos e xestionando proxectos en contornas dixitais, as comunidades online e as novas tecnoloxías, é unha pregunta que aínda non consegue responder. 

Dende a crise da covid-19 a presenza das tecnoloxías na nosa vida acelerouse, en parte porque fixo que as reticencias que moitas persoas tiñan co mundo online se diluíran. Agora ben, as tecnoloxías que usamos xa non son únicamente dispositivos de mediación, senón que son un contexto cultural análogo ao tanxible, un espazo máis dentro da realidade máis inmediata. Entendendo esta desxerarquización da cultura dixital fronte a cultura tanxible, somos a comunidade cultural profesional quen ten que facer o labor de recoñecer e incluír estes contextos no día a día das nosas prácticas.

 

Na procura da definición

A importancia de traballar sobre a definición de cultura dixital convértese nunha cuestión política; unha acción de confrontación contra a dominación do discurso sobre o dixital empresarial e industrial. Xulio demostrounos mediante un xogo sinxelo, que remitía aos “quizs” de Internet, que a día de hoxe é case imposible distinguir o discurso en materia de transición dixital do ninistro de Cultura de España do do presidente de Telefónica, ou de Endesa ou entre o do MediaLAB Matadero Madrid, MediaSET ou o PSOE. Cal e a nosa definición de cultura do dixital?

É cultura dixital todo aquilo mediado por unha tecnoloxía dixital? É cultura un post en Facebook? Debemos ter en conta que a sociedade que vén, a chamada post-alfabética, é unha xeración que xa non aprende (somente) co libro e do texto, senón que aprende a través das pantallas e mediado por imaxes e vídeos. Isto supón un cambio radical na maneira de participar e achegarse á cultura. O mundo dixital obríganos a repensar o concepto de precariedade, dado que Internet fomenta a produción de contigo pseudo-profesional gratuíto; a fixarnos nos novos límites da atención, o noso ollo xa non aguanta a imaxen fixa como antes; os dereitos culturais, onde se inclúan tamén os dixitais, etc. A cultura ten moito que dicir aínda.

María Yáñez irrumpiu na conversa afirmando que sabe como definir cultura dixital: o é todo. Esta xornalista leva anos traballando e estudando a presencia da cultura galega en Internet. Para coñecer máis sobre a súa traxectoria pódese ver este pequeno documental que fixo para a sua revista, VINTE: https://vinte.praza.gal/multimedia/o-outro-lado-da-pantalla-unha-historia-underground-da-internet-galega

VINTE é o seu último proxecto, unha revista de concepto, unha revista en Internet de actualidade. O obxectivo principal é crear un espazo de visibilidade para creadoras de contidos e organizacións culturais da xeración millenial e Z. A revista pénsase como un voceiro para unha xeración que está realmente desatendida polos medios principais. É un reto para unha revista como esta competir con todo o contido que xa se está producindo. Por iso, a redacción de VINTE ten que poñer moito coidado en que historias contar e como contalas. Aí é onde atopan a diferenciación entre os contidos rápidos das redes sociais.

 

A relación de Galiza coa contorna dixital

María declara que en Galiza é imposible manterse cun proxecto independente en Internet. Non hai suficiente apoio de financiamiento e tampouco un gran público, e moito menos se o contido é en galego. Dende VINTE, este tipo de creadoras vense dignificadas.

En relación ao contexto galego, Xulio ainda ve con sorpresa que en Galiza somente exista un único evento/festival estable, o Carballo Interplay: un festival adicado ás webseries e ás creadoras de contido dixital (youtubers, podcasts, streamers…). En comparación con outros territorios españois, indicou que Galiza avanza moi despacio. Nesta cuestión, o que escribe fixo unha aportación, ou crítica, defendendo a relación de Galiza co dixital como unha potencia, en positivo.

Creo que Galiza destaca pola sua diversificación da cultura no territorio, sobre todo na presenza de proxectos culturais no rural. É grazas ao uso de Internet que fan estes proxectos no rural que é posible que funcionen. Galiza está propoñendo unha mirada ao dixital diferente, dende un posicionamento non tecnicista, pero si social.

Sobre isto, María aportou unha anécdota da revista que ten que ver cun contido sobre o rural que acabou sendo o máis visto. Fala dun vídeo que produciron sobre un festival en Pozomouro, en Moimenta, unha vila pequena. O festival acontece nunha macrodiscoteca do ano 75. O éxito do video demostra o interese por este tipo de iniciativas e a necesidade do entorno dixital para a súa difusión e lexitimación.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*