Produción cultural: o eido expositivo. Con Bea García
Por Verónica del Río
Bea García é licenciada en Historia da Arte, maxíster en Museografía e Exposicións e experta universitaria en Conservación de Museos: Museoloxía e Cultura Contemporánea. Participou en numerosos proxectos de museoloxía. Tras cursar Masteryourself, forma parte da comunidade Teamlabs, desde onde traballa a evolución desde a curación de programas formativos á co-creación de comunidades de equipos de aprendizaxe.
Durante a súa clase puidemos afondar no coñecemento das exposicións museísticas, tanto desde o plano teórico da organización e creación do discurso expositivo; como desde o plano práctico coa plasmación real do proceso de produción e montaxe. Para que unha exposición chegue a termo son moitos os traballos previos nos que se debe concentrar o comisario ou comisaria e o equipo de montaxe e difusión.
Un concepto sobresaíu sobre os demais: «a exposición é o medio de comunicación que o museo ten coa sociedade» e, segundo a estratexia que siga, esta comunicación poderá ser máis ou menos efectiva, para cumprir cos obxectivos marcados polo museo.
Á hora de enfrontarse ao proceso de creación dun proxecto expositivo temos que partir de tres cuestións claves:
- Que queremos contar
- Como o queremos contar (os soportes do relato no espazo)
- Como se vai a poñer en marcha ese relato (a produción)
Todo este plan teórico persegue unha finalidade que é xerar un impacto positivo no público consumidor destes produtos. Para isto non hai outro camiño que ter unha vinculación real coa comunidade onde se vaia a implantar ese proxecto, poñer as persoas no centro. Se ben os comezos de aplicación desta «técnica expositiva comunitaria» non foron fáciles, chegar a esta realidade foi posible a través do patrimonio natural. Neste medio foi posible facilitar experiencias de aprendizaxe. Estamos falando de espazos no que a xente dedica o seu tempo de lecer, polo tanto débense crear e proporcionar experiencias, xa que están invertindo o seu tempo de ocio nestas actividades.
Antes de comezar a clase, Bea preguntounos que entendiamos nós por exposición, de aí xurdiron ideas moi interesantes, que ao fin e o cabo, están todas conectadas coas definicións máis académicas do termo, pero neste caso desde diversas ópticas e experiencias persoais e laborais:
- “Unha exposición é unha exhibición moi variada de obxectos, cousas…”
- “Unha exposición debe ter un nexo, un fío condutor”
- “Unha exposición ten un fío argumental que fai que buscar transmitir unha mensaxe ao visitante”
- “Unha exposición debe transmitir emocións”
Non hai unha resposta única posto que unha exposición é moitísimas cousas, a RAE inclúe até dez definicións distintas deste termo. Neste momento, partimos do punto que a exposición é un medio de comunicación. Interpretar o significado dos obxectos a través da súa codificación científica, isto é a labor de tradución, de mediación da exposición para facer accesibles a toda a sociedade o significado dos obxectos, bens artísticos ou conceptos expostos. A exposición non é un fin en si mesmo, é unha labor de comunicación para comprender o significado de certos obxectos e a interpretación que se fai delas.
Neste punto atopamos unha dualidade, podemos atopar exposicións de obxectos e exposicións de ideas. As «exposicións de obxectos» son aquelas nas que os recursos artísticos ou culturais xa forman un discurso en si mesmos. Este tipo de exposicións en moitas ocasións están pensadas para o público experto e non teñen unha comunicación efectiva co resto da sociedade. A exposición de ideas, ten na súa base crear un fío argumental co que acompañar ao visitante durante todo o percorrido da mostra.
Modelos de exposición e os seus medios de comunicación:
- O modelo informativo, proporciona información e datos obxectivos. Un exemplo son as follas de sala coas que o público xestiona a súa visita e a información recibida.
- O modelo pedagóxico, emprega ferramentas didácticas e pretende facer comprensibles procesos complexos. Exemplos disto, os museos científicos. Un exemplo máis concreto, o Museo do Viño en Galicia.
- O modelo relato, busca xerar vínculos emocionais e invitar á reflexión. Entende a exposición como un relato, é transmedia e parte do relato cédese ao visitante. As ideas importan máis que os obxectos e as persoas máis que as ideas. O fundamental neste modelo é crear comunidade entorno a un tema e compartir, escoitar e ser escoitadas. Este non é un modelo novo, xa se ven falando del desde 1972 en EEUU. Exemplos: colectivo cadelas verdes con Spanish dream, Centro – centro con Madrid a medias.
Coa exposición deste modelo abriuse un pequeno debate no grupo sobre porque esta forma de traballar as exposicións non é o maioritario actualmente. As aportacións das compañeiras facían fincapé en cuestións academicistas, paternalismos por parte dos museos como centros depositarios do saber e da verdade, intereses políticos, a imposición da idea de turismo, o consumo de masas en cultura, etc.
Os inicios do proxecto expositivo
Calquera proxecto expositivo ten un punto de partida sempre en común que é a investigación. Os primeiros pasos son os de documentación, investigación e contidos con baleirados bibliográficos, observando a realidade, outras exposicións, outras experiencias en torno a temática, etc.
Unha vez temos recompilada toda a información, pasamos a definir as ideas principais, estruturación por temas e subtemas, que entra dentro da exposición e o que queda fóra, selección de pezas e obras, etc. A mellor forma de facer comprensible a mensaxe é ordenar, con ferramentas como mindmaps e visual thinking.
En canto ás temáticas, debemos partir ao comezo de temas universais. Partir do coñecido, conectar coa realidade do noso público, cos seus intereses reais. Esta é a clave para diferenciarse de outros proxectos e de ter éxito, entendido como que esta experiencia sexa relevante para a túa comunidade. Exemplos: Storywalker Usera nos anos 60, Kubik Fabrik.
O comisariado de exposicións
O termo comisario, deriva do termo anglosaxón curator, content curator. O comisario ou comisaria é a persoa coordinadora do proxecto o que lle da sentido e forma: investiga, busca contidos relevantes, a filtra a información, organiza os temas e xera conexións, unindo temas, textos, imaxes, persoas, procesos, anécdotas, etc. En definitiva crea un relato que da sentido a toda a información que se quere incluír na exposición.
De forma xeral neste tipo de produtos téndese sempre a buscar o público xeral, pero se queres chegar a todo o mundo corres o risco que o teu proxecto se converta en irrelevante para todo o mundo. Definir un público, un target, é esencial. Temos que conectar cos nosos usuarios e usuarias. Primeiro para adaptar a linguaxe, non podemos falar do mesmo xeito con nenos que con adultos, as nosas capacidades cognitivas e de comprensión son moi diversas e se empregamos a mesma linguaxe pode que non se estableza unha correcta comunicación.
Unha erramenta posible é o desing thinking. É unha metodoloxía para innovar, centrada nas persoas, pero para centrarte nas persoas tes que coñecelas. Neste proceso comunicativo co público a clave está na empatía. A través dela podemos xerar emocións e chegar a máis persoas. Xerar fichas de usuarios, buscar as persoas que lles interese, en fin, realizar unha diagnose. Para coñecer ás persoas reais, nada mellor que facer entrevistas e través delas realizar mapas de empatías.
Unha vez definido o público, reiniciamos o proxecto, volvemos atrás para axudar a cadralo. Unha boa ferramenta é facernos preguntas e testear a diario se estamos cumprindo os obxectivos marcados. Deste xeito queda pechado o círculo do proceso creativo da exposición. Outro enfoque do proceso pódese facer desde a teoría do relato, isto é, en lugar de facer “exposicións para”, facer “exposicións con”.
Do museo como emisor único á cultura da participación, con emisores múltiples, receptores múltiples. O público fará seu o relato e a experiencia. O museo deixa de ser o templo do saber e da verdade, para cederlle a comunidade a capacidade de xerar un relato compartido sen verdades absolutas, un proceso de creación continúo. Participar non é interactuar! Participar é que esta comunidade estea implicada desde o comezo do proxecto, no mesmo deseño e na creación. Este modelo é unha forma de traballo moi esixente que require moito tempo e esforzo para manter á xente enganchada e activa nun proxecto. Non todo o mundo sabe como participar, nin colaborar, tampouco como sociedade estamos adestrados para facelo. O teu usuario as veces nin está nin se lle espera porque non entende o proceso que se está elaborando alí.
Por que queremos contalo?
Para responder ao porqué temos que definir os obxectivos: porque queremos contar esa temática, os obxectivos específicos e a mensaxe diferencial que queremos lanzar. Cuestionarnos que aporta de novo, onde está o punto diferencial, que queremos provocar nos visitantes, cales son os valores da nosa exposición, etc. Para dar a coñecer, para mostrar, mobilizar, indignar, etc.
Temos que ter a man sempre unha serie de preguntas guías para saber se estamos cumprindo os nosos obxectivos, se lle interesa ao noso público a temática. Se as respostas a estas preguntas non son convincentes ou seguras debemos plantexarnos se debemos investigar e documentarnos máis para traballar de novo os contidos
Museografía
A exposición ten un onde, un lugar concreto na que se vai a facer tanxible (zonificación). Ter planificado o espazo é fundamental para distribuír o discurso e darlle coherencia. Ferramentas útiles que podemos usar neste momento de traballo son programas de edición sobre plano como o autocad. Polo habitual realízanse en planos de 1:1000. A partir de aquí elaboramos croques, distribuímos contidos e recursos. Unha vez definidos este punto do que queremos contar e onde elaboramos os percorridos.
Para realizar percorridos e itinerarios temos que ser coherentes co espazo. Os itinerarios é un tema moi estudado en museografía, a expografía, existindo diversos modelos:
- Percorrido libre: non segue unha secuencia establecida. Autodministración, cada persoa centra o interese no que lle convén. Vantaxe, a persoa séntese libre e cunha sensación de autoxestión. É aconsellable para exposicións sen liñas históricas ou procesuais.
- Percorrido estruturado: todo o itinerario está marcado. Vantaxe o relato vai a chegar ao público, pero co inconveniente do relato forzado, o museo como único emisor do mensaxe.
- Percorrido inducido: é un deseño de percorrido óptimo pero non se marcan tanto como o estruturado, a persoa séntese libre e o visitante ten opcións. Un recurso moi empregado é usar obxectos guía, este modelo ten en conta como nos desprazamos e coloca obxectos que chamen a atención para seguir o percorrido.
A distribución: como imos a contar o noso fío expositivo?
A distribución é o momento de decidir onde situamos os recursos expositivos no espazo dispoñible. Onde situamos os obxectos, as obras, os textos, as vitrinas, o mobiliario, as cartelas, etc. Este proceso implica onde e como vamos contar o discurso expositivo. Debemos xogar co espazo, para que pareza máis libre, ter recursos estrela, ter en conta o como nos desprazamos e colocar obxectos que chamen a atención para seguir o percorrido. Debemos regular os tempos e os espazos para non xerar problemas de capacidade e non crear tapóns nin colas.
Que son os recursos expositivos? Son mediadores comunicativos, todo aquelo que se emprega en exposicións, peañas e vitrinas fundamentalmente pero tamén poden ser dioramas ou outros recursos máis adaptados ás tecnoloxías actuais. Hai que ter en conta que á hora de contemplar o seu uso estean a unha altura axeitada para todos os públicos (aquí entrarían en xogo conceptos de adaptación para visitantes con diversidade funcional), que teñan un fácil mantemento e moi importante, os sistemas de fixación e de seguridade.
Os mediadores comunicativos son tamén os medios que serven de soporte para os mensaxes que queremos transmitir. É moi importante combinar diferentes mediadores para que a visita sexa amena. Os fíos condutores son unha boa estratexia para xerar continuidade.
- A gráfica da exposición é tamén un tipo de mediador comunicativo. A propia rotulación, que se debe traballar na preprodución a nivel gráfico. Debe ter coherencia con toda a exposición.
- Outro recurso moi útil son os paneis gráficos funcionan moi ben e son moi económicos. Pódense facer combinacións de debuxos, fotos, mapas, textos cortos e sen tecnicismos. Funcionan moi ben empregar chamadas de atención e facer provocacións aos visitantes.
- Os audiovisuais tradicionais son tamén moi eficaces, xa que permite transmitir moitos conceptos en pouco tempo. Facilita a transmisión de mensaxes complexos de forma sinxela.
- Os interactivos foron os recursos estrela no seu tempo. Ao igual que os audiovisuais permiten mostrar información ampliar e cada persoa pode escoller contido segundo o seu interese, ampliando e navegando. Non solo dixitais senón tamén de manipulación.
- As maquetas son representacións a escala dun elemento real que destacan conceptos que se queren mostrar.
- Os dioramas, elementos estrelas a día de hoxe, son representacións tridimensionais, orixinais ou réplicas, que reproducen escenas do pasado e do presente, e para Bea, tamén poderían contemplarse para a interpretación do futuro. Teñen moita potencia visual e son moi atractivos. En algúns casos os propios dioramas convértense en instalacións artísticas.
Consellos que demos ter en conta: que sexa lexible, que o medio non se converta nun fin. Os soportes sexan os soportes dun relato. A comodidade visual, que teña sempre unha comodidade visual aceptable.
O deseño expositivo
O deseño expositivo traballa co espazo, o deseño sempre vai a estar condicionado por este. Vai más alá do estilo e do gusto. O deseño expositivo fai máis fácil entender un ambiente concreto e xoga coas sensacións.
Como xa se falou na zonificación, temos que traballar sobre o espazo real, dispoñer de planos, documentación, maquetas, etc. Demos organizar o espazo con normas e principios de deseño que se adapten á diversidade cultural.
Para o deseño de exposicións debemos partir sempre da escala humana, para relacionar espazos e persoas. A escala humana xera respostas emocionais.
O equilibrio no deseño é fundamental. Ter un sistema de ordenación, por exemplo na nivelación de obras nas paredes, ter un equilibrio visual nivelar as obras sempre por arriba ou polo medio, nunca por abaixo. A cor, sempre lle vai a dar máis personalidade ao ambiente a resposta humana ante a cor é inmediata. Este é un concepto marcado pola traxectoria cultural e persoal de cada un. Igual que a cor, son moi importantes as texturas, os materiais, a forma, o mobiliario. Pero sempre desde o principio que o medio non se converta nun fin.
A creatividade na forma de comunicar
Comunicar de xeito diferente permítenos chegar mellor ao noso público. Isto require un traballo de reflexión e creación, innovar para crear novas ideas, saír da nosa zona de confort. Os consellos de Bea para adestrar a nosa creatividade en exposicións:
- Visitar toda a diversidade de mostras que poidamos. Visitar espazos museísticos, desenvolver a nosa capacidade creativa seguindo o traballo doutras persoas, pero tamén a través doutros campos afíns como a escenografía, o teatro, etc.
- Traballar continuamente e mostrar o noso traballo. Matar a perfección antes de que esta mate a nosa creatividade.
- A interacción con outros profesionais.
- Aprender, expoñerte, axudar a activar a mentalidade creativa.
- Non é necesario contar con grandes presupostos para crear grandes proxectos.
A produción: costes
Para abordar a produción do relato temos que ter en conta canto nos vai a costar, tanto en tempo como en recursos económicos. Demos contar con presupostos detallados de produción e execución. Antes de comezar a gastar cartos é necesario ter detallado todo o que imos precisar. Consello: seguir a secuencia lóxica da creación de exposición e facer a desagregación por áreas.
O tempo, moi importante, os tempos de montaxe, desmontaxe e mantemento. Para isto, antes de comezar, planificar, ter sempre unha boa folla de ruta, que contemple as accións e os tempos, é dicir, os cronogramas. Unha mala produción pode arruinar unha excelente exposición.
Ao longo da clase de Bea García puidemos coñecer o proceso de creación dunha exposición desde o comezo creativo á súa posta en práctica en espazo e tempo. Moitos destes mecanismos son comúns aos procesos que fomos estudando e descubrindo ao longo do curso, como a necesidade da diagnose para a creación de produtos culturais para, por e desde a comunidade para a que vai dirixida o proxecto; a necesidade de programar e os procesos de pre-produción asentados e reflexionados, con cronogramas, orzamentos detallados o máximo posible para non deixar cabos soltos e que a improvisación leve ao traste proxectos teóricos brillantes.
Durante a clase de Bea foron moitos os temas de debate e encontro: isto evidencia que o proceso de creación de exposicións e a museoloxía aínda está formándose e que é un campo aberto para adaptarse aos tempos e a sociedade que os consume.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!