Produción cultural: festivais e eventos. Con Xulio Cordeiro
Por Laura Villanueva
O pasado mércores 27 de febreiro recibimos no curso a Xulio Cordeiro, actual responsable de produción de eventos na Cidade da Cultura de Galicia, o cal conta cunha longuísima traxectoria adicada ao ámbito da produción técnica. Xulio foi o encargado de achegarnos todas as claves para saber en que consiste a produción dun festival ou dun gran evento. Para iso, adicamos esta última sesión a asentar as bases deste amplo e complexo proceso.
Durante a primeira parte da clase falamos sobre a pre-produción, momento clave no que facer a avaliación das necesidades do proxecto despois da toma de contacto co promotor. Aquí detectamos a información básica do evento, tendo en conta datos como lugar, data, aforo, se é gratuíto ou non, obxectivos, etc. Nesta fase inicial a localización é moi importante para saber como imos traballar no espazo. Analizalo e debuxalo é básico para evitar futuros problemas e vainos permitir saber que necesidades temos de accesos, valados, seguridade, servizos eléctricos ou persoal, entre outras. A isto hai que engadirlle as necesidades dos artistas, que nos proporcionan uns riders que podemos negociar.
A continuación tratamos cada un dos apartados sobre os que temos que presentar atención. Son, iluminación, vídeo, backline, escenarios, tarimas, valos, rigging, servizos eléctricos (no que un bo electricista será o noso mellor aliado), maquinaria, camerinos, baños, duchas, cámping, barras, comunicacións, controles de acceso e sinaléctica. A pesares de ter que pasar moi por riba destas cuestións, Xulio proporcionounos numerosos consellos prácticos e moi valiosos para poder abordar calquera tipo de produción.
Xa na segunda parte da clase, e despois de avaliar todas as necesidades do evento, centrámonos na elaboración do plan de produción. Este consiste en poñer en tempo todo o contemplado. Isto vai determinar realmente os custes, é dicir, o orzamento. Para facer a planificación cronolóxica debemos partir da data do evento cara atrás, calculando canto tempo nos vai levar cada tarefa. Durante esta etapa xérase múltiple documentación como follas de produción, de necesidades, de horarios de escenario, de ruta, etc.
Unha vez chegado a este punto, tendo listo o orzamento e a pre-produción, “só” queda unha cousa… poñelo todo en marcha. É aquí onde toca falar de permisos, seguros, plans de protección, seguridade, lexislación, e un longo etcétera. A produción será o momento de poñer a proba a nosa planificación. Se facemos unha intensa e correcta pre-produción estaremos mellor preparados para os posibles problemas que, de seguro, xurdirán. A capacidade de resolución é unha habilidade moi prezada!
Se algo quedou claro ao rematar o día é que a clase de Xulio é unha desas que deberían ser consideradas como imprescindibles para aquelas persoas que queiran levar a cabo calquera tipo de proxecto, xa que esta filosofía de traballo coida cada pequeno detalle dun importante abanico de tarefas. Unha actitude atenta, aberta e empática será determinante. Por este motivo, é aplicable a toda actividade que implique un mínimo de organización ou coordinación. E, como xestor*s, comprender a magnitude desta labor é fundamental.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!