No verán seguimos a #aprenderfacendo e a #aprendercompartindo

 

As aulas da cuarta edición do Curso de Exper* Universitari* en Xestión Cultural remataron o pasado mes de maio, pero iso non significa que o alumnado non seguira aprendendo todo este tempo. É o caso das persoas que optaron por realizar prácticas. Esta é unha opción que o Curso ofrece con carácter voluntario e que ten dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, serve para ter -en moitos casos por primeira vez- unha experiencia de perfil laboral no eido cultural que completa o aprendido nas sesións formativas e no desenvolvemento do proxecto cultural por equipos. Por outra, avanza nun dos obxectivos do Curso, como é tecer rede e crear comunidade. Neste caso, entre o alumnado e empresas, espazos e profesionais en activo, creando un grupo de aprendizaxe que, cada ano, incorpora a máis colaboradores.

Cada edición, as opcións que se lle ofrecen ao alumnado pasan por diferentes campos (artes escénicas, música, edición literaria, etc,…)

Sesión de traballo no festival Sinsal 2018

Sesión de traballo no festival Sinsal 2018

e por diferentes empresas e institucións, tanto do ámbito público como privado. A escolla ten que ver cos gustos ou coas aspiracións de cada persoa e as solicitudes tramítanse desde a Universidade de Santiago. Nesta cuarta edición do curso, unha ducia de persoas -case a metade do alumnado- puido facer prácticas noutras tantas empresas e entidades .

 

Vari*s alumn*s optaron pola xestión de actividades e propostas relacionadas coa música, desde diferentes perspectivas. Por exemplo, María Luisa decidiu achegarse á xestión cultural na Real Filharmonía de Galicia, mentres que Inés o fixo en Sinsalaudio, ao fío da organización do festival Sinsal, que se desenvolve na illa de San Simón, e Pablo desde Esmerarte, organizadores, entre outras propostas, do festival PortAmérica.

Miguel e Rubén decidiron facer prácticas no ámbito das artes escénicas, no Centro Dramático Galego e na compañía Redrum Teatro, respectivamente. As practicas de Miguel no CDG coincidiron co espectáculo Divinas Palabras Revolution, que contou cunha sesión inclusiva (isto é, con autodescrición e linguaxe de signos), e as de Rubén con Redrum coa xira por Galicia da comedia Estas aí?.

Pola súa parte, Juan decidiu achegarse á xestión cultural da man dun referente do cooperativismo galego neste ámbito, como é a viguesa O Cable Inglés, mentres que Sabela o facía en Artestudio Xestión Cultural e na consultora especializada Deloga. Jaime optou pola Cidade da Cultura como experiencia para as súas prácticas, onde coincidiu coas sesións do Verán no Gaiás ou Cidade Imaxinaria, entre outros eventos, e Sofía decantouse polo Auditorio de Galicia, onde se desenvolven os ensaios e boa parte dos concertos da Real Filharmonía, xunto con outras actividades e a xestión do espacio expositivo.

 

A exposición que se pode visitar no Auditorio e na que, durante o Curso, puidemos desenvolver parte dunha sesión

A exposición que se pode visitar no Auditorio e na que, durante o Curso, puidemos desenvolver parte dunha sesión

Neste espazo pódese visitar unha exposición fotográfica, Catalá-Roca en Galicia, que, curiosamente, foi inaugurada o mesmo día que remataron as aulas do curso e na que o alumnado puido desenvolver, con anterioridade, parte dunha sesión sobre produción cultural no eido expositivo, impartida por Agar Ledo, que nesa parte práctica contou coa presenza do comisario da mostra, Anxo Rabuñal.

 

Comunidade de aprendizaxe en expansión

Pero, se ben moitas das alternativas para facer prácticas son galegas, hai tamén opcións máis alá das nosas fronteiras, en relación coa vontade do Curso de tecer rede cos profesionais, colectivos e iniciativas da contorna ibérica. Especialmente próxima é a relación cos veciños portugueses, cos que Marta decidiu rematar a súa formación. Neste caso, na empresa Opium, con sede na cidade de Porto, que coñeceu a través de Carlos Martins, experto en turismo cultural que nos acompañou como docente nesta edición do Curso. Poucos días despois de iniciar alí Marta a súa estadía, Débora fixo as maletas e viaxou a Murcia, onde desenvolveu as súas prácticas, concretamente no festival de música antiga ECOS.

As prácticas pódense desenvolver ata o 30 de setembro, que é cando, de maneira oficial, remata a edición en vigor do Curso. Teñen unha duración de 120 horas como mínimo e un máximo de 350 e supoñen unha maneira realista e completa de achegarse ao día a día, e por tanto ás dificultades e aos éxitos, da xestión cultural. E dun xeito que é o que a nós e ao noso alumnado nos gusta: #aprendercompartindo #aprenderfacendo.

 

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*