Deseño integral: avaliación e continuidade dos proxectos

As últimas semanas do curso teñen sido de moito traballo para os seis equipos do curso. Hoxe, trala sesión do pasado 21 de decembro, na que por primeira vez esbozaron os seus proxectos, chegou o momento de amosar a proposta, en teoría definitiva, xa concretada e mesmo orzamentada de cada grupo. Este segundo aspecto, e polo tanto nalgún caso o enfoque do propio proxecto ou dalgunha parte do mesmo, podería sufrir modificacións nas vindeiras sesións, nas que se inicia o bloque formativo dedicado ao financiamento cultural. Pero, polo de agora, estes son os proxectos:

 

Equipo 1. PalpitArteixo

2018 03 01 presentacion equipos 12Baixo a forma dunha fundación (concretamente a fundación ArtEixo) o Equipo 1 propón a elaboración dun mapa emocional que nos permita acceder ao Arteixo de onte e ao Arteixo de hoxe. Ao de onte, a través de audiorroteiros, vinculados á memoria industrial do concello, tamén desde a perspectiva de xénero; ao de hoxe, coa música da banda e da escola municipais previamente xeolocalizadas, un percorrido polas zonas industrias e a posibilidade de escoitar unha radionovela, previamente elaborada pola mocidade nun obradoiro, contando tamén coa participación de artistas locais deste mapeado, que responderá a un proceso de investigación-acción.

Con PalpitArteixo o equipo quere apostar polo Arteixo do futuro, poñendo en valor a historia e a cultura do concello, focalizar a diversidade cultural que actualmente convive nel e xerar ferramentas de construción compartidas por esta cidadanía diversa e que se pretende que sexa tamén activa.

O custe total da actividade sería, segundo o orzamento actual do proxecto, de 24.835 €.

 

Equipo 2. Tapia Cultural

No caso do Equipo 2 temos a cinco autónomos asociados 2018 03 01 presentacion equipos 10baixo a marca Como tapias co obxectivo de desenvolver, desde un punto de vista cultural e social, a contorna natural da praia fluvial de Tapia. Baixo as premisas de traballar cunha veciñanza activa e con criterios medioambientais e de posta en valor da zona, esta asociación profesional propón unha semana de actividades no que, cada día, responde a un eixo temático: desde as actividades estritamente locais á cultura urbana, artes escénicas ou danza en forma de obradoiros, concertos, espectáculos de medio formato e de pequeno aforo ou rutas teatralizadas.

Para esta semana, que transcorrerá na primeira semana de xullo, o Equipo 2 ten xa desglosadas as necesidades humanas e materiais e elaborados os plans de seguridade e riscos laborais.

Calculan que para desenvolver este programa de actividades precisarán traballar durante dous meses a media xornada. As súas retribucións sumadas aos custos do desenvolvemento das actividades dan como resultado un orzamento de 24.551€

 

Equipo 3. Os sons das pedras

O Equipo 3, baixo a forma dunha empresa (una sociedade limitada) traballará en Cuntis coa cantería, típica da zona, como eixo fundamental para percorrer a memoria patrimonial e histórica da vila. A súa proposta consiste nun festival, que se levará a cabo o 7 de xullo (de 10:00 a 02:30) no lugar de Castrolandín, dirixido por unha banda a un público familiar e xuvenil e, por outra, a un público especializado, relacionado co eido da cantería. O festival desenvolverase nun recinto acotado ao que se accederá con entradas con prezos escalados que oscilarán entre os 8 e os 13 euros.

2018 03 01 presentacion equipos 8As propostas da xornada van desde unha exposición canteira, con explicacións en vivo do oficio, un concurso de cantería e unha visita teatralizada ao castro até actividades infantís (contacontos sobre cantería, obradoiros de cantería para nen@s,…) ou dirixidas ao público adulto (obradoiro de gravado en pedra). Haberá tamén tempo e espazo para a sesión vermú e para a comida, así como, dirixido ao público de perfil xuvenil, monólogos (Pedra, pico e pala, con Luis Piedrahita), percusión con pedras e un espectáculo musical dirixido por Xurxo Souto.

O equipo calcula o orzamento do festival en 69.500€

 

Equipo 4. Arrepola Betanzos

No Equipo 4 agrúpanse cinco técnicos municipais de cultura cun obxectivo claro: dinamizar socioculturalmente a zona histórica betanceira para, e sobre todo con, a veciñanza, traballando a identidade local, valorizando a cultura e as vivencias populares e facilitando novos espazos para a participación cidadá. Trátase dun proxecto a desenvolver en varios meses e que consta de varias fases.

Nunha primeira, de carácter máis ben interno, 2018 03 01 presentacion equipos betanzosestableceranse os oportunos contactos dentro do propio Concello para establecer liñas de actuación e coñecer os protocolos e normativas que poden influír no desenvolvemento do proxecto. Na segunda, comezarase unha pequena estratexia de márketing de rúa, coa colocación de pequenos repolos en xardíns da cidade, para dar paso a unha terceira: Amizade co repolo, que consiste en buscar a participación de veciñanza e comercio na elaboración do logo, e que se complementa con Correos en verso e prosa, para que as persoas que o desexen deixen en caixas do correo feitas por escolas infantís para esta actividade as súas vivencias e lembranzas betanceiras, e cunha serie de coloquios. Na cuarta fase, trala recollida de datos pertinente, celebrarase unha semana de festival na que haberá actividades variadas (entre elas, a ocupación de escaparates baleiros con distintas expresións artísticas) e a Repogala, cun xantar popular teatralizado e música.

O equipo contempla unha quinta fase de avaliación que determinará se o programa ten ou non continuidade, se a ten totalmente ou de xeito modular e con que frecuencia. O orzamento desta actividade é de 123.160€, incluíndo os salarios dos cinco técnicos municipais nas contas. Agardan poder financialo con fondos municipais, subvencións e patrocinios.

 

Equipo 5. Arte Brava

2018 03 01 presentacion equipos 4O Equipo 5 chegou á conclusión de que na Illa de Arousa falta oferta cultural e lúdica para a mocidade, técnicos especializados e mesmo unha política definida ao respecto. Por iso, a súa proposta pasa por xerar un proceso participativo no que a propia mocidade decida e xestione a oferta cultural da Illa.

Para iso, primeiro contactarán cos axentes locais relacionados coa mocidade coa idea de, despois, constituír un grupo promotor con intereses culturais. O seguinte paso será, da man de profesionais, facilitar e potenciar que a mocidade deseñe as actividades. O proxecto desenvolverase nun prazo amplo de tempo, non menor a un ano, que tería as seguintes fases:

  1. Diagnose
  2. Deseño e elaboración do proceso participativo e plan de comunicación
  3. Desenvolvemento e posta en práctica do proceso participativo
  4. Xestión e programación cultural colectiva
  5. Desenvolvemento do programa cultural
  6. Avaliación e redefinición, se procede, de cara á continuidade

O proxecto arrancará no mes de maio cunha toma de contacto co Concello e coa mocidade, con vistas a, xa no 2019, comezar a fase 5 cun concurso, obradoiros e un festival sobre os que a mocidade traballará para definir os seus contidos.

 

Equipo 6. Arzúa flúe

O Equipo 6, constituído como cooperativa, decidiu poñer en marcha en Arzúa unha rede de axentes de cambio: cidadáns comprometidos co seu lugar, que participan activamente da vida na súa contorna e que toman decisións, formando parte do tecido social 2018 03 01 presentacion equipos 1e traballando no beneficio común. O obxectivo é poñer en valor a contorna natural e patrimonial de Arzúa adquirindo conciencia sobre o propio territorio, a través do traballo cun colectivo de vinte persoas facilitados polo IES Arzúa e as asociacións máis activas da comarca: dez de entre 15 e 30 anos e outros dez de máis de 60, favorecendo a interacción e a aprendizaxe mutua entre os dous equipos.

Así, mediante distintas actividades formadoras, inculcaranse e xeraranse nocións que constrúan comunidade. Serían Miramos distinto a Arzúa (un obradoiro de fotografía e vídeo sobre lugares emblemáticos da contorna), Conciencia dos produtos (sobre economía circular) e un programa de radio en Radio Arzúa.

O orzamento desta actividade supera levemente os 9.000€

 

 

A importancia da avaliación dos proxectos

A primeira parte da sesión foi para a presentación dos proxectos e a segunda para varias cousas. Por unha banda, despedímonos de Diego Parajó como titor do curso e, por outra, démoslle a benvida a Sonia Díaz, que será, ademais de docente nalgunhas sesións, a nova titora, xunto con Sergio Lago e Marcos Lorenzo, dos proxectos, dende agora até a finalización do curso.

Con Marcos, precisamente, dedicamos os últimos minutos da aula a falar sobre a avaliación dos proxectos. Só catro persoas na aula fixeran avaliacións dos proxectos nos que traballaran, e normalmente por iniciativa persoal, polo que estas quedaran reducidas a un ámbito interno de utilidade para 2018 03 01 presentacion equipos 6a propia persoa, pero non para a institución ou organización promotora ou organizadora da actividade. Neste sentido, Marcos explicounos que a avaliación “é a ferramenta que temos para capitalizarnos como organización”. Porque, sen ela, é probable que nos seguintes anos se repitan os erros ou que non se saiban aproveitar os acertos. O desexable, segundo nos explicou, sería que houbera unha persoa cunha asignación de horas para esta tarefa en exclusiva, pero, como xa sabemos, o desexable non adoita ser a realidade do traballo cotián.

Tamén falamos das ferramentas para avaliar e dos criterios. Neste sentido, debatemos unha vez máis do que é o éxito dunha actividade: os números ou os obxectivos acadados? Porque, pode ser que unha actividade rexistre un gran número de usuarios e que, ao mesmo tempo, non cumpra obxectivos? E, neste caso, poderiamos considerar que foi unha boa actividade? E, sobre todo, ten a Administración ferramentas -e interese- para valorar estes matices?…

Con esas preguntas e as súas respostas rematamos a sesión, unha das máis importantes, en canto á materialización dos proxectos. A vindeira posta en común será o 11 de abril, pero xa non consistirá nunha presentación: nesa sesión, cada equipo terá que defender a súa proposta ante un patrocinador real, rematando así o ciclo de financiamento cultural que comeza hoxe.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*