Achegámonos un ano máis ao festival Escenas do Cambio
Nesta edición do curso tivemos de novo a sorte de recibir o convite da Cidade da Cultura para coñecer dende dentro o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción Escenas do Cambio, que este ano acada a súa cuarta edición.
O festival, vinculado nun principio a espazos do Gaiás, avanza este ano na proposta iniciada na pasada edición de levalo a outros lugares da cidade. Así, podemos atopalo en máis escenarios composteláns, como son o Salón Teatro, o Principal, o CGAG e a sala Agustín Magán, no centro sociocultural do barrio de Santa Marta.
Precisamente neste último tivo lugar a nosa cita con Pablo Fidalgo, que é o director artístico do festival, e con María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura. Con eles falamos da organización e deseño do certame, unha hora antes de poder gozar da posta en escena do coreógrafo portugués Miguel Pereira, que participa en Escenas do Cambio con Miguel meets Karima.
O convite incluía quedarnos trala posta en escena para poder intercambiar impresións co autor, ademais da posibilidade de asistir a unha segunda proposta, desta volta no Teatro Principal: Light Years Away, da artista Edurne Rubio.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!