Marketing dixital e medios sociais. José Ramón Porto
Por: Jose Abelairas “Lemur”
Unha das razóns principais para enrolarme neste curso foi aprender a vender unha idea e chegar ao público potencial neste globalizado e sobreinformado ecosistema cultural. A pesar de estar baixo o paraugas da Facultade de Ciencias Económicas, no noso microcosmos cultural temos certa alerxia a mercantilizar os nosos proxectos. Nas sesións anteriores de Marketing e comunicación cultural con Beatriz Fontán e Sonia Díaz fomos xa traballando sobre isto e desbotando prexuízos, e na terceira parte con José Ramón Porto entramos de cheo no medio dixital. A súa presenza no curso estaba programada para o 28 de abril pero foi intercambiada pola de Cristina Farinha. Tocoulle pois a el pechar como poñente o noso curso.
Contounos que viña relaxado pero outra cousa foi a súa dinámica clase, puro nervio. José R. é profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, onde dirixe o Máster en Marketing Dixital. A enerxía que rebosa permítelle ocuparse tamén do Máster en Xestión de Proxectos de Medio Ambiente e Responsabilidade Social Corporativa da USC, na Escola de Negocios AFundación, no Centro Superior de Hostelería de Galicia, na IE Business School Madrid, así como na Escola Galega de Administración Pública. Por se fora pouco currículum foi Director Xeral de Marketing de Microsoft España e actualmente é Director Xeral de Pe-Marketing.
Fixemos con el un percorrido desde os antigos escritorios con axendas, ficheiros e postites ata Facebook, LinkedIn, Instagram, Foursquare, reddit, Skype, WordPress ou Twitter. Os vertixinosos cambios nas redes sociais e a necesidade de estar conectados fan que teñamos que adaptarnos continuamente ao noso público obxectivo.
Outros datos a ter en conta:
- A forma en que nos conectamos é maioritariamente a través dos smartphones, o 70% en España
- 29 millóns de internautas ao mes en España (68%)
- 19 millóns utilizan internet diariamente
- 98% entre 16 a 24 anos acceden a diario (de entre 65-75 anos o 25%)
- Correo (93%), novas (77%), información sobre produtos e as redes sociais son os usos máis habituais
- O 89% compra habitualmente en Internet
- 98% empresas conectadas a internet e con correo electrónico
- Galicia sitúase no segundo posto en compras a través de Internet de bens para o fogar no 2015
Datos obtidos da ONTSI: Observatorio Nacional de las Telecomunicaciones y de la Sociedad de la Información
BIG DATA
A tendencia é a Internet das Cousas, a interconexión entre obxectos e a rede, un escenario moi Black Mirror que fai pensar en como usamos as ferramentas dixitais. Ao mesmo tempo, os nosos hábitos de consumo mudan e comezamos a consumir baixo estímulos inmediatos. Para ilustrar esta idea, José R. mostrounos un beacon, un aparello similar a un usb que transmite por Bluetooth e Wifi a 50m. Ideal para facer ofertas ao pasar diante dunha tenda xa que chegan directamente ao móbil, de xeito totalmente personalizado.
A especialización nas RR.SS. tamén é necesaria ante a saturación na que estamos somerxidos constantemente. Os usuarios incorpóranas na súa vida cotiá rapidamente, non só a xente máis nova como poderíamos pensar. Este feito é constatable botando a vista atrás no tempo máis inmediato cando non tiñamos Whatsapp ou Instagram.
Para chegar ao noso público precisamos conseguir información xa que existe “gran cantidade de datos e dificultade para entendelos”. Con ferramentas como Google Analytics, para pescudar no tráfico dirixido á nosa web preguntándolle de onde veñen: emails, facebook, twitter, youtube… , e así saber en que canle investir esforzos para a promoción, ou potenciar alí onde non chegamos por zonas específicas.
Podemos analizar a competencia, aínda que “o máis difícil é saber quen é a túa competencia”, usando Semrush (de pago pero, segundo o noso invitado, a máis efectiva).
José Ramón Porto xa anunciara que ía facernos participar activamente durante a súa clase e sacou á pizarra a nosa compañeira Ruth para explicar o uso das taboas dinámicas, facilidade para bucear nos excels cheos de datos e etiquetas. Foi como descubrir a pedra Rosetta da análise de datos dixitalizados volcados en excel. Como defensor da análise rigorosa e científica alentounos a “investigar para coñecer a realidade e non dar nada por sentado” porque “non sabes nada do consumidor ata que non o investigas”.
Plan de Marketing Dixital ou a importancia de ter un plan
É importante seguir un DAFO totalmente real, onde non falseemos datos, facendo análise do mercado tanto interno como externo e monitorizado para acadar os nosos obxectivos sabendo que “non se pode facer un plan sen obxectivos” e que “os obxectivos saen do DAFO”. Este camiño levaranos a cumprir unha estratexia segmentando, diferenciando e posicionando para chegar ao imprescindible Plan de Marketing.
A análise é clave: “canto máis analices menos erros cometes”. Temos que ter en conta que actualmente pasamos da segmentación ao “one to one”, á oferta personalizada para cada cliente e decatarnos que non podemos satisfacer a todo o mundo. Tocoulle á compañeira Sandra saír á palestra mentres José R. explicaba como acadar un bo posicionamento e cal é a estratexia de venda. Na implementación do plan de marketing é importante ter un único responsable para cada acción.
Comparamos, como exercicio práctico, o Festival de Ortigueira co de Cans. Coas gráficas sinxelas de Google Analytics comprobamos en que días son máis citadas nas redes a través das buscas. “Canto mellor coñezas o teu público obxectivo mellor o vas a entender”. Pedindo voluntarios tocoulle a Agustín saír. Coñecemos a Avinash Kaushik, o máis reputado analizador de webs que ten en España a unha discípula: Gemma Muñoz.
Navegamos rapidamente por conceptos xa visitados xunto a Beatriz Fontán para ver a importancia da Diferenciación, xa que o noso produto debe ser percibido como único (o exemplo dun calzado como Geox).
SEO e SEM
Precisamos ter un bo posicionamento en buscadores, especialmente en Google. O ideal é saír o primeiro cando o usuario busca o noso produto.
Como seleccionar palabras clave?
- Con que palabras clave captamos actualmente
- Que sexan interesantes para a túa empresa
- Que teñan un volume importante de buscas
- Que non teñan moita competencia
Precisamos investir en Marketing en motores de busca, ou SEM (Search Engine Marketing), para que os nosos clientes nos atopen, xa que o 88% dos usuarios utilizan os buscadores como ferramenta de busca da información e 5 de cada 10 persoas que consultan a través de Internet información sobre produtos/servizos rematan realizando a súa compra.
Características dunha campaña SEM
- Págase unicamente por clic
- Pódense segmentar os anuncios por país, rexión ou cidade (ademais de intereses e palabras clave)
- Podemos controlar o orzamento diario da campaña
- Os resultados pódense medir en tempo real
Uso do Móbil
En España o uso do móbil é superior a outros países. O comercio electrónico a través das tablets experimentou un crecemento nos últimos anos e o mobile-commerce crecerá un 48% este ano. A tendencia é o uso do smartphone para pagar e recibir ofertas personalizadas (por beacon).
- O 40% mira a pantalla máis de 50 veces ao día
- O 70% mira o seu teléfono durante a primeira media hora despois de terse espertado
- O uso do móbil para a realización de chamadas e para envíos de SMS descendeu. O envío de mensaxes instantáneas, pola súa banda, continua en aumento
- O 77% dos españois usa o servizo de mensaxería instantánea polo menos unha vez á semana. É a taxa máis alta entre os países desenvolvidos
Apps
- O 90% do tempo de conexión destínase ao uso de aplicacións
- Cada mes lánzanse 40.000 novas aplicacións ao mercado do móbil
- Os sistemas Google Play Store e Apple Store ofreceron en 2014 máis de 2 millóns de apps aos usuarios
- Os usuarios de smartphones prefiren usar aplicacións a navegar por Internet
A sesión de Jose R. Porto foi áxil e nada aburrida, chea de exemplos prácticos e implementables na realidade dixital, pero botei en falta que estivera máis dirixida a proxectos culturais. El deixou amablemente o seu correo (josera.porto@usc.es) para calquera consulta e ofreceuse a recibirnos na Facultade se quixeramos afondar en calquera dos temas falados.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!