Financiación cultural. Elaboración do dossier de patrocinio e mecenado. Técnicas de negociación. Beatriz Fontán
Por: Andrea Verdú
Para poder plantexarnos como desenvolver unha guía de patrocinio, primeiro temos que coñecer os aspectos xerais deste termo e o que implica para as empresas.
Sabemos que é o patrocinio?
Con respecto a este termo, temos outros que están moi relacionados, como é o mecenado, a filantropía, a responsabilidade social empresarial ou a acción social.
En canto á definición de patrocinio, podemos dicir que é un apoio financeiro ou material que alguén ofrece a outra persoa ou entidade co fin de obter una contrapartida por parte do beneficiario.
Un exemplo de patrocinio sería o “Naming”, como poden ser os Premios Martín Códax (Premios de música que levan o nome dunha adega) ou o Río Natura Monbus Obradoiro (equipo de baloncesto que leva o nome dos principais patrocinadores do equipo).
No libro “Las alianzas entre empresas e instituciones culturales”, faise una análise da tipoloxía de empresas que dalgún xeito apoian a cultura, entre outros tipos de datos. E resulta curioso ver como un sector que inverte de forma destacada en cultura é o sector da construción.
Cales son as principais motivacións para inverter en cultura destas empresas?
- Responsabilidade Social da empresa
- Reputación
- Crear Marca
Por outro lado tamén podemos observar diferentes barreiras que impiden a maior implicación de empresas e entidades en cultura, as cales son:
- A non coincidencia de públicos, non se estuda ben os públicos e prodúcense choques.
- O elevado custo.
- A escasa cota de retorno.
Aínda así, a cultura está en segundo posto como sector onde as empresas do ámbito privado inclinan as súas inversións.
Para captar fondos contamos con dúas vías posibles:
- A PORTA FRÍA, o cal implica facer: unha lista de posibles empresas sensibles ao noso proxecto e coñecer a súa traxectoria en canto a patrocinios e cales son os tempos do departamento para a busca de financiamento de proxectos. En segundo lugar, enviar unha carta co teu proxecto, “Gustaríame presentarvos a nosa proposta cunhas liñas de actuación relacionadas coa vosa empresa…”. E á semana do envío, facer unha chamada para marcar unha cita.
- SE XA ESTÁS DE VOLTA, é dicir, se xa traballaches/traballas con eles. Habería que solicitar unha cita para entregarlles a memoria do ano transcorrido e así aproveitar para renovar o patrocinio. Ademais de coñecer os seus obxectivos e o seu planning de datas.
Hai que ter moi en conta os seguintes aspectos:
- O feito de que teñamos un financiamento privado non ten que supoñer unha perda da nosa autonomía, sempre que nos ciñamos ás liñas acordadas. É dicir, eu podo ter dous patrocinadores, pero que abarquen dous aspectos diferentes do meu proxecto.
- A proposta da patrocinio ten que ser unha construción entre as dúas partes interesadas, para que todo o mundo poida obter beneficio desta colaboración.
- E MOI IMPORTANTE, os fondos solicítanse, non se rogan. Se un patrocinio non sae adiante, non pasa nada, podemos buscar por outras vías e incluso estudar mellor os públicos que compartimos, porque en moitas ocasións pódese caer en que os públicos de interese non son os mesmos, e é aí onde empeza e acaba a nosa colaboración.
- Outro aspecto a ter moi en conta é o de empregar a mesma linguaxe, e coñecer por onde se move a persoa coa que imos falar.
Hai que ter moi claro quen somos e porque somos “especiais” e de interese para que apoien o noso proxecto. E sobre todo, recalcar o que gañarían se nos apoian.
O primeiro que temos que preguntarnos é, ¿que podemos ofrecer ás marcas?. A resposta é moi sinxela, asociar a imaxe da empresa co noso proxecto e máis visibilidade. E tendo en conta cales son os medos das empresas, nós somos os responsables de plantexarlles unha lista de motivacións para que queiran patrocinarnos.
- Xéranse retornos (mellora da imaxe corporativa, mellora da reputación empresarial, o que ao final recae en retornos económicos).
- A competencia opta por medios máis tradicionais, polo que supón unha vantaxe.
- Aumento do valor da marca. Recoñecemento.
- Resulta máis económico ca unha campaña de comunicación.
- Produce unha asociación da marca con proxectos avalados por entidades oficiais.
- Conciencia territorial. Proximidade á comunidade.
- Aposta pola responsabilidade social corporativa.
Cabe destacar que hai que ter en conta que os plans de empresa elabóranse para 5 anos vista, mentres que os plans de marketing redúcense a 3 anos, polo que hai que intentar subirse a ese carro e presentar plans ás empresas coas que vexamos que o noso proxecto pode camiñar.
Consellos a ter en conta cando nos sentamos a falar co representante dunha empresa:
- Importante apoiarnos de soportes gráficos da empresa.
- Ter preparada sempre a tarxeta nosa, é recomendable sacala nada máis nos sentamos na mesa para negociar.
- Cando presentemos o noso plan, hai que coidar tamén o envoltorio, porque ao final todo conta, e se presentamos algo que sexa chamativo, mellor.
- Non podemos dispersarnos do noso obxectivo cando falemos, pero sobre todo temos que ESCOITAR o que nos din, porque así saberemos moi ben por onde tirar e como falar.
- O logotipo no noso proxecto non é unha proposta coa que negociar o patrocinio, xa que vai intrínseco no momento que alguén quere colaborar.
- Hai que ser conscientes de que temos un papel mediador entre a sociedade, as institucións e as empresas, para achegar máis á comunidade diferentes iniciativas, traballos , formas de traballar e de implicación social.
- Se conseguimos un patrocinio, é moi importante presentar unha MEMORIA de evaluación, xa sexa intermedia ou final, buscando a renovación do patrocinio.
- É moi importante ter sempre en conta que cando unha empresa quere colaborar con nós, desde ese momento forma parte do equipo, e todos temos que estar convencidos desa colaboración e dos valores que se comparten.
- Cando se fai un patrocinio, hai que ter en conta que sexa unha aparición amable, e non tan brusca como sucedeu cos Premios Goya e os vestidos de Adecco.
- É interesante saber que hai empresas que teñen acordadas X páxinas anuais nos medios escritos ou en webs, e pode ser unha ferramenta coa que negociar, xa que a nós nos interesa ter aparición en certos medios e así aforrar ese cartos.
En definitiva, para buscar un patrocinio hai que ser creativa/o, porque as empresas precisan deste tipo de accións que saian do común, queren máis visualización social e a nós interésanos traballar con eles para que poidan saír adiante os nosos proxectos. Sempre tendo en conta a consonancia mutua en canto a visión e valores compartidos.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!