Deseño operativo dos proxectos culturais. Marcos Lorenzo e Sergio Lago
Por: Uxía Castro Fondo
O pasado venres 13 de xaneiro deste recen estreado 2017 tivo lugar a sesión co título “Deseño operativo dos proxectos culturais” que, desta volta correu a cargo dos titores do curso Marcos Lorenzo e Sergio Lago.
No principio da clase, os nosos titores explicáronnos que viñamos de acabar unha etapa dos proxectos que engloba os apartados descritivos, é dicir, o anteproxecto e, polo tanto agora entramos nunha nova etapa, a dos apartados operativos.
A raíz disto, comentáronnos a que dedicaremos o segundo trimestre. Definiremos certos aspectos dos proxectos como son: o como?, é dicir, o itinerario que imos seguir ou as accións de traballo que levaremos a cabo; a través de que?, a programación cultural; cando?, desenvolver un plan de traballo interno para marcarmos os tempos das distintas fases da realización dos proxectos; onde?, porque o lugar de realización das actividades pode condicionar outros aspectos do traballo; con que?, é dicir, os recursos cos que contamos; con quen?, crear un equipo de colaboración contando cos profesionais que sexa necesario; canto?, definir a relación de custes e o orzamento; quen o financia?, definir un plan de financiamento; e por último a continuidade que se lle dará aos proxectos, se continuarán a medrar para o mellor cumprimento dos obxectivos…
Despois desta presentación da etapa, explicáronnos a que dedicaríamos a sesión: a facer unha planificación temporal dos proxectos, que nos levase dos anteproxectos (o punto en que estamos) á realidade para medir o que realmente nos queda por facer.
Para iso tivemos que definir unha liña do tempo de xeito que os principais fitos como poden ser a data de inicio, a data final e outros sucesos chave quedasen organizados cronoloxicamente. Como para realizar a tarefa tiñamos que ter en conta o tempo que nos levaría cada paso dos proxectos (preparación, difusión…) os titores dixéronnos que, se comezásemos pola data final e a partir de ese punto dividísemos as subtarefas que teríamos que ir facendo, nos resultaría máis doado xa que a data final é a que desencadea todo o proceso.
O obxectivo da sesión era realizarmos un plan de traballo que comprendese todos os procesos desde o anteproxecto á realidade para que, dese xeito, puidésemos ver se o que estamos a formular é ou non viable e, en caso negativo, que poderiamos facer para que o fose.
Como para ver a viabilidade dos proxectos tiñamos que ter en conta todos os aspectos, foi unha sesión interesante para podermos reflexionar sobre o que realmente propoñemos, por que o facemos desa maneira?, para que?, para quen?… e outros moitos interrogantes a ter en conta.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!