A “Global Service Jam” chega a Compostela: #CompostelaJAM

Durante a última fin de semana de febreiro tivo lugar a Global Service Jam, unha cita mundial co design thinking e cun reto común arredor do deseño de produtos e servizos centrados nas persoas.

Grazas á proposta do docente do noso Curso de Experto en Xestión Cultural e experto jammer, Diego Parajó, en BenCuriosa non quixemos deixar pasar a oportunidade de coorganizar a #CompostelaJAM xunto a el e a Chus Prol (Coworking Doutro Xeito). Así, alumnado das dúas promocións do Curso tiveron a oportunidade de traballar, compartir e prototipar ideas xunto a coworkers e profesionais do deseño de proxectos, como Marcos Saavedra (Designthinking.gal) e África Rodríguez (Espacio Arroelo).

O enfoque foi marcadamente lúdico e dinámico. Xurdiron desta intensa xornada proxectos sorprendentes, orixinais e imaxinativos, así como novas alianzas e moitísima diversión!

* Grazas tamén ao fotógrafo Xaime Cortizo polo video-resumo.

Xestión e coordinación de exposicións con Agar Ledo

Por Sol Álvarez Soto.

“Griegos, romanos, son todos humanos. Mientras vivieron columnas construyeron” Así comeza a canción HDA (Historia da Arte) de Las Bistecs. E esa é unha conclusión sinxela pero tremendamente complicada de acadar para unha antiga estudante de Belas Artes na Facultade de Pontevedra, como é o meu caso.

O pasado venres tivemos o pracer de aprender de Agar Ledo, responsable de exposicións do MARCO de Vigo. Leva 10 anos no museo, unha das institucións de Arte Contemporánea máis dinámicas de Galicia.

Nesta sesión, puidemos coñecer de primeira man o que acontece detrás dun proxecto expositivo. A idea, a aposta, o discurso. Pero tamén o orzamento, os papeleos, as especifcacións técnicas dunha obra, quen monta e desmonta, quen traslada e quen fai a chamada. Ese traballo humano, feito por moitas persoas, que por algunha razón estaba ausente no programa da carreira que educa a artistas “profesionais” en Galicia.

O MARCO é un deses moitísimos edificios que se construíron na época na que os obxetivos ou contido dos espazos non eran realistas, no caso de estaren plantexados.

Unha boa xestión hoxe deses espazos (coma no caso do MARCO) é o único xeito de amortizar tal cantidade de anos e tempo investidos.

Agar introduciunos na teoría e intencións detrás dunha exposición de arte e en como se plantexa a actividade e utilidade dos “servizos artísticos” dende moitos dos nosos territorios veciños, e dende a institución da que ela forma parte. A exposición plantéxase non só coma un conxunto de obras reunidas nunha sala para seren observadas polo público, senón coma unha articulación de varias pezas en base a un discurso. Na construcción deste discurso a peza clave é a figura do comisari@, a persoa que debe articular a tese detrás dunha selección de obras dun ou máis artistas.

O comisariado non é tarefa fácil: hai que ser investigador, educador, ser consciente dos públicos e da actualidade. Ten que ser narrador, fltro e mediador (sobre todo) entre a Arte e a Institución. En definitiva, unha Xestor/a cultural.

Hai tres tipos de exposicións segundo a maneira de producilas. As exposicións de produción propia son as que un centro “crea” de xeito integral, e os custos son asumidos enteiramente pola institución organizadora. Evidentemente, canto mellor dotado está un museo (tanto económica coma humanamente) máis e mellores exposicións pode producir individualmente.

2016 02 26 Agar Ledo - Fotos Nela (1)

“As mostras artísticas non poden ser ilustracións de teses, senón que teñen que ser unha tese en si mesmas. A exposición debería ser un medio, non un fin. Un medio para a investigación sobre diversos temas, que debería de ter continuidade”. Isto require unha programación expandida, investigacións, pedagoxía. En España non hai equipos curatoriais, (integrados por expertos e investigadores en diversos ámbitos) e os equipos humanos dos museos en Galicia son mínimos. Sendo ademais, a maioría técnicos, xerar contidos e coñecemento é moi difícil.

A forma de producir unha exposición que máis compensa hoxe en día é a coprodución. Os gastos son compartidos entre varios centros, os esforzos humanos duplícanse. Parece a forma máis intelixente de xestionar algo que non se pode asumir en solitario. Nas ensinanzas artísticas prima o individualismo, e o “mundo da Arte” creo que carece desa unión que fai a forza en case todos os outros mundos. Agar falou de como o crecemento do asociacionismo na arte está implicando que haxa máis manuais de boas prácticas e que estes sexan tidos en conta. Á reivindicación do traballo do artista, que é un humano que paga facturas, non se chega en solitario.

O terceiro tipo de exposición é a de produción externa. Requiren unha gran cantidade de cartos, recursos e tempo. Prepáranse durante anos e itineran por outros museos. Polas súas características, proveñen de grandes institucións e moven a artistas moi coñecidos (o mainstream do mundo da Arte).

Falouse tamén da orixe, de como chega un proxecto a un museo. Hai diversas vías, dende o encargo ad hoc a un comisario determinado ata convocatorias abertas. Todas implican uns gastos e nivel de dificultade diferentes. Xa que a forma de amortizar estas producións non é a venda, bótase de menos na institución artística pública máis promoción da arte local emerxente. En Galicia non hai lugares intermedios entre a academia e e os grandes Centros de Arte e Museos. Lugares refírese a canles de comunicación e transmisión interxeracional, de espazos, de programas e incluso de respecto e traballo digno.

A experiencia da exposición do MARCO (de produción propia) Veraneantes, evidencia este feito. A labor de comisariado fíxose difícil ante a falta de canles para facer unha selección de artistas galeg@s de nova xeración. A maioría deles estaba emigrada, nese lugar intermedio.

Durante a última parte da aula, Agar mostrounos moitos exemplos de documentos que se manexan nun museo: follas de préstamo de obras, fotografías de montaxe e desmontaxe, seguros, orzamentos de transporte ou as estrañas embalaxes das pezas. Tamén vimos as instruccións para facer unha performance, tres follas de indicacións para facer unha montaña de caramelos ou como unha obra de toneladas de terra mexicana pode quedar retida na aduana por ser material orgánico.

Esas cousas que lembran que o mundo da Arte é especial, e a súa xestión tamén.

picassoencamión (1)

Picasso viaxando en transporte combinado.

Por Sol Álvarez Soto.

 

Proceso de preprodución e produción de eventos. Xulio Cordeiro

Por Montse Cillero

O primeiro pensamento é inevitable:

De que maneira simplificaría o meu traballo se cando comecei coas miñas encomendas laborais relativas sobre todo ás festas tivera a oportunidade de recibir unha sesión tan completa e clara coma a que nos ocupa. Cantas veces os desaxustes económicos e tamén todo tipo de sorpresas organizativas e de última hora veñen provocados por unha mala planificación da produción.

O xeito de guiar a sesión de Xulio foi sumamente atinado para ter unha idea global do que temos que facer (e do que non)  ante a organización dun evento de calqueira calibre en canto a temas de produción:

O primeiro paso no proceso de produción levanos a unha avaliación das necesidades que á súa vez nos levará a elaborar un orzamento. Debemos analizar toda a información que nos dá o promotor: lugar, aforo, data, prezo da entrada ou gratuidade, portas, obxectivos… Polo tanto, o ENCONTRO CO PROMOTOR é fundamental para poder resolver.

E xa con estes datos pasamos á localización. Faremos unha inspección visual do lugar do evento. Aquí contamos con varias ferramentas para levar ó papel todo o que podemos ver alí: Autocad, Sketchup (deseño en 3D), Illustrator e Geogle Earth para facer os planos con ubicacións de tódolos servizos que despois nos servirá a todo o equipo (seguridade, policía, servizos preventivos, persoal de taquilla…) como guía fundamental do evento. A LOCALIZACION é, polo tanto, imprescindible. Ao mesmo tempo trátase dunha  inversión xa que un bó estudo da  localización determinará a boa marcha do proceso de produción.

2016 02 19 Xulio Cordeiro - fotos Montse (1) edit.Fundamental tamén o RIDER DO ARTISTA, a valoración das necesidades de todo tipo que deben de ser estudadas e negociadas para non levar sorpresas de última hora. Necesidades de escenario, son, iluminación, video, cameríns, backline, catering, transfers, hoteis…

2016 02 19 Xulio Cordeiro - fotos Montse (2) edit.O rider pode vir diferenciado entre rider técnico e de hospitalidade. O rider técnico é negociable. En xeral os artistas contan cun contrato “stándar” independentemente do lugar e as condicións en que sexan contratados. De feito, cando o concerto está enmarcado dentro da actividade dun festival tódolos artistas se deben acomodar á dotación que temos instalada de modo xenérico. Esta dotación moitas veces ven dictada polo grupo ou artista de referencia, o de “máis nivel”. O que está claro é que as cuestións relativas ó rider debemos pechalas antes da sinatura do contrato xa que despois é complicado.

Os listados de elementos de iluminación e son aparecen especificados con marcas e modelos concretas e xeralmente ofrecemos ó artista un CONTRARIDER, con marcas similares en calidade e prestacións que coinciden coa nosa dotacion técnica.

Algo que Xulio destacou é que debemos falar a misma linguaxe que os técnicos e técnicas, aínda que non na mesma medida e especialización, é importante en cada momento saber do que nos están falando. Por iso fomos “traducindo” termos comúns en son, iluminación, estruturas, video… Falando de escenarios, valos, especialistas en montaxes, resaltando a importancia dos servizos eléctricos, maquinaria máis utilizada, backline, plans de autoprotección, permisos, coordenación… E todo o que ten que ver cunha boa planificación da produción do evento que nos leva a plasmar tódalas necesidades, horarios e persoas en distintos documentos nos que queden reflectidos os timings e tarefas a realizar cos nomes e contactos de quen os realiza, sabendo quen é responsable de cada acción en cada momento.

Como organizadores dun evento, calquera que sexa o formato temos que primar a seguridade do público, en coordinación con tódolos servizos implicados e non escatimar recursos humanos nin económicos. Por iso o orzamento resultante, cando plasmemos o traballo en cifras, ten que ser de máximos e non de mínimos, para levar a cabo o espectáculo do mellor xeito e coas máximas garantías posibles.

Todo e máis está na documentación entregada pero o que permanece e nos transmitiu Xulio a través da súa nutrida experiencia é algo fundamental para o que nos temos que preparar:

Debemos saber e entender en todo momento o que está a pasar na nosa produción e así poder controlar o evento ó minuto, sen esquecer algo imprescindible neste e en calquer outro traballo que nos toque realizar: A EMPATÍA e o ENTENDEMENTO coas persoas involucradas no proceso de produción.

Grazas Xulio por esta sesión tan participativa na que realmente aprendimos compartindo.

Grazas Noa por cederme o resumo que eliximos as dúas nun principio e me interesa especialmente.

Ferramentas dixitais e creación colectiva, con María Yáñez

Por Noa Díaz

Na última aula do curso visitounos María Yáñez, especialista en contidos dixitais e en distribución e promoción audiovisual en internet, para falarnos da cultura dixital.

Comezou falándonos da cultura de converxencia e da participación cidadá. Antes consumiamos un contido determinado nun momento determinado, agora non só consumimos un contido senón que tamén participamos del a través dos medios dixitais. Pasamos da cultura broadcast (un emisor envía información a multitude de receptores) á cultura p2p (rede entre iguais)

Hoxe en día tod@s somos (en potencia) prosumidores/as, é dicir, produtores/as + consumidores/as. Tod@s temos a capacidade de producir cultura e, neste contexto, o concepto de autoría ponse en cuestión: aparece a cultura libre, o software libre, as licenzas libres (que non necesariamente de balde). Tod@s copiamos e transformamos constantemente contidos dixitais.

seis.licencias.creative.commons

Segundo María, apropiacionismo hóuboo sempre, facémolo todos os días, apropiámonos (en internet) de algo e automáticamente transformámolo e compartímolo. E neste punto pon como exemplo Canto ghalpón, un portal galego de memes.

Logo fálanos de comunidades participativas, onde o público é o creador, poñéndonos algúns exemplos como Galipedia, Panoramio, Wikiloc ou oque.gal . Fálanos tamén de economía colaborativa, de casos como os de Etsy, Goteo ou Patreon. E do consumo colaborativo: airbnb, eatwith, blablacar, nos juntamos, screenly .

2016 02 12 María Yáñez - Fotos Nela (1)Aquí María fai un pouco de historia da utilización dixital en Galicia, que se remonta ao Prestige e ao nacemento da plataforma Nunca Mais, momento no que se xenera a necesidade de informarse e compartir o que está acontecendo. Desta necesidade nacen propostas como “hai que botalos”, “a burla negra” ou “blogaliza”, exemplos de organización colectiva dende a base.

Despois falamos de colaboración e relato colectivo e coñecemos e analizamos un sinfín de exemplos interesantísimos, moitos deles galegos, de documentais e webs colaborativas como Are you happy?, eufalo.tv, o monte é noso, 18 days in Egypt, cartografías sensibles, fai rúa, living los sures, Riotorto no tempo, tesouros do tempo, fálame de San Sadurniño, proxecto socheo

Finalmente, na segunda parte da tarde, falamos e analizamos colectivamente na aula a parte dixital dalgúns dos proxectos que estamos a desenvolver o alumnado por equipos.

Programación e mediación cultural con Natalia Balseiro e Claudia Delso

Por Ana Pontón.

Natalia Balseiro e Claudia Delso transmiten a paixón que as une por facer da cultura un espazo común que xere comunidade. Advirten que non pretenden sentar cátedra, senón que simplemente nos transmiten “a súa práctica”. En palabras de Natalia Balseiro “non é o modelo, é o que nós facemos”. Na súa exposición queda claro que a aprendizaxe provén de “poñerse en cuestión” e sermos capaces de identificar que é o que nos interpela. Avogan por ter presente que, cando se usan recursos públicos, o obxectivo é mellorar a vida das persoas.

Contextualizan a súa metodoloxía nun cambio de paradigma social e económico, traballar situando ás persoas no centro de actuación. Defenden a participación real das persoas nos proxectos culturais que se deseñan e se levan á práctica. Por boca de Claudia, “a participación non pode converterse nun hashtag”.

comunidade

Cuestionan o concepto de xestión cultural, por non definir ben o seu papel. Gostan máis de nomear o seu oficio como “mediación cultural” ou “enxeñería cultural” porque non só xestionan, deseñan contidos, programas, conceptos, producen discursos. O reto é ser capaces de transmitir á sociedade o valor do que facemos, diferenciando o ocio da cultura e incluír na axenda política e social o valor da cultura.

Parten da necesidade de que as persoas que son mediadoras culturais -ou enxeñeiras culturais- realicen proxectos que teñan ética, coherencia e rigor. Os contextos sociais debe determinar o tipo de actuacións e programas, considerando fundamental abrir os espazos á participación dos axentes locais. Os afectos tamén forman parte dos proxectos. O afecto polo que se fai, o afecto co que se acolle a quen participa nun evento marca diferenzas e ten grande importancia para o seu desenvolvemento. Conclúen que “as redes que funcionan son as afectivas”.

DCIM100MEDIA

Comparten as técnicas e teorías que determinan o seu xeito de traballar. A metodoloxía de Claudia Días, creada inicialmente para compoñer pezas de danza, é empregada para tomar decisións colectivamente. Definir o que vemos a través dun consenso dos presentes. Facelo de xeito claro e sintético, pois a esencia está no meramente descritivo. O elefante como exemplo: “elefante gris de xoguete nun espazo valeiro delimitado no chan por catro liñas de celo”. Avanzan tamén noutros aspectos clave na súa labor como é a tecnoloxía do encontro que desenvolve Idoia Zabaleta.

Finalmente incítannos a coñecer e explorar en experiencias como o MOV_S Políticas del cuerpo: espazo de pensamiento y acción colectiva; a programación expandida do TRC Danza ou o Festival Zemos98.

alberte de boiro peq

PD: Agradecemento a Alberte de Boiro por compartir espazo e experiencia con nós.