Visitamos o Museo do Pobo Galego e falamos sobre políticas culturais no CGAC
Esta semana foi a primeira do Curso na que tivemos dobre sesión. O obxectivo dalgunhas destas segundas sesións é achegarnos a institucións culturais que pode ser que coñezamos como usuari*s, como público, pero que non tivemos nunca ocasión de coñecer como proxecto, desde dentro. Isto danos a oportunidade de aproximarnos a entidades e espazos doutro xeito, pero tamén de coñecer ás persoas que traballan neles e que desenvolven os proxectos culturais que coñecemos dende fóra.
A primeira visita desta edición do CEU en Xestión Cultural foi ao Museo do Pobo Galego, unha entidade que vén de cumprir o seu 41 aniversario e que alberga, para exposición, divulgación e investigación, o patrimonio histórico e antropolóxico de Galicia. O museo, que está no que foi o convento de Santo Domingos de Bonaval, ten varias salas e precisa dunha visita tranquila, pero nós tivemos a sorte de facer un pequeno percorrido con Ana Estévez.
Ana traballa no departamento de Educación e Acción Cultural, desenvolvendo os proxectos que nestes dous ámbitos se dirixen aos distintos públicos do Museo. Non se ocupan só de visitas dinamizadas como a que fixo con nós: tamén traballan en obradoiros, asesoramento, materiais de préstamo, colaboracións con diversos colectivos e moitas actividades que inclúen conferencias, música, producións audiovisuais e, en xeral, iniciativas que fomenten o uso do noso patrimonio etnográfico e do espazo do Museo por parte da cidadanía.
Como a visita consistía tamén en coñecer o proxecto da institución, o percorrido rematou con María Xosé F. Cerviño, que forma parte activa desde hai anos no Padroado do Museo, e Fuco Sanjiao, secretario do seu consello de goberno. Con eles puidemos, en primeiro lugar, coñecer a estrutura institucional e operativa do MPG, pero tamén comprender o importante papel d*s soci*s no seu funcionamento.
Convidámosvos a visitar a web do museo para coñecer de primeira man todas estas cuestións, pero, sobre todo, a achegarvos ao Museo e ás súas actividades.
Visita ao corazón da arte contemporánea en Galicia
Ao lado do Museo do Pobo Galego está, desde 1993 que remataron as obras do edificio proxectado por Álvaro Siza, o Centro Galego de Arte Contemporánea, inmerso no seu 25 aniversario. Aproveitando a proximidade entre estas dúas institucións referentes, visitamos de xeito libre tanto o espazo arquitectónico, que é unha obra de arte en si mesma, como as exposicións que nestes momentos están abertas ao público. No CGAC, ademais, tivemos ocasión de facer a segunda parte da sesión, concretamente no auditorio, onde Marcos Lorenzo tratou algúns aspectos relacionados coas políticas culturais.
Trackbacks & Pingbacks
[…] Galega, el Auditorio de Galicia, la fundación Didac , la cooperativa Urdime, Culturgal o el Museo do Pobo Galego y el Centro Galego de Arte Contemporánea, además de participar en conversaciones abiertas de distinta temática con profesionales del […]
[…] Cultura Galega, o Auditorio de Galicia, a fundación Didac , a cooperativa Urdime, Culturgal ou o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea, ademais de participar en conversas abertas de distinta temática con profesionais do sector, como […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!