Participación e cidadanía. Con Alberto García
Por Lidia Losada
A 5ª sesión formativa, que tivo lugar o 31 de outubro, foi impartida polo actual presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Alberto García. Ademais, tamén exerce como técnico de Cultura no Concello de Boiro e, precisamente, para enfocar os contidos da primeira parte da sesión, Alberto tomou como base o traballo que se está a realizar alí no centro social.
No centro social de Boiro hai un equipo de profesionais que apostan pola cultura participativa, na que os cidadáns non son simples consumidores dos servizos ofertados. O que buscan é o traballo coas diferentes persoas e que elas mesmas sexan as protagonistas do seu propio desenvolvemento social e persoal. Trabállase en comunidade, é dicir, os proxectos levados a cabo han de ser postos en marcha coa colaboración dos cidadáns. Todo funciona mellor cando se traballa coas persoas, non para elas, sendo así o propio colectivo o que emite a actividade. Para achegarnos un pouco máis ao traballo realizado en Boiro, Alberto proxectounos vídeos nos que algúns dos participantes habituais falan da súa gratificante experiencia.
Podemos afirmar que estamos ante unha visión sociocultural do traballo que intenta que as persoas como seres sociais se impliquen para avanzar na democratización cultural. A cidadanía, ademais de ter dereito de acceso á cultura, tamén ten dereito a facela. Así, a democracia cultural proporciona a individuos, grupos ou comunidades, os instrumentos para que con liberdade, responsabilidade e autonomía poidan desenvolver a súa vida cultural.
Seguidamente, Alberto ofreceunos unha contextualización da evolución da Xestión Cultural nos últimos 60 anos, pois é importante coñecer sempre os antecedentes do momento no que nos atopamos para poder chegar a comprendelo. Por exemplo, non se poden obviar acontecementos como a crise económica, nin a revolución dixital nin as revolucións políticas. Así, mencionou varias etapas diferenciadas:
- Malraux ’59. Por aquela época estábase intentando achegar a alta cultura aos habitantes en espazos xestionados polo Estado, como poden ser as Casas de Cultura. O problema é que se trata dun ecosistema no que os cidadáns non están implicados.
- Maio ’68. Estábase comezando a pensar que a cidadanía podía intervir na cultura a través da súa participación en distintas asociacións que desenvolvían a súa actividade en centros sociais.
- Wall Street ’87. A fascinación polo sistema de vida americano chega á cultura. Esta pasa a ser unha industria, motivo polo cal se viron implicadas moitas empresas.
- Revolución dixital ’00. Prodúcese un cambio na mentalidade e comézase a crer que todos aprendemos de todos, polo que nos atopamos ante comunidades de aprendizaxe. Desta forma, comezaron a reforzarse as alianzas socioculturais.
- Crise ’08. A cultura vólvese máis social. Prodúcese un cambio do grande ao pequeno e dos públicos ás comunidades.
- 15M ’11. A cidadanía quere participar, constituír ecosistemas culturais nos que poder xerar cultura.
- En xeral, estase volvendo á ideoloxía do ’87, posto que nos amosamos fascinados pola economía e polo turismo e temos en mente a creación de macroeventos. Sen embargo, a nosa misión como mediadores culturais ten que ser o desenvolvemento integral do entorno.
Na segunda parte da sesión, despois do descanso, levouse a cabo unha dinámica de grupos. Así ben, aproveitouse para traballar sobre as localizacións que cada equipo elixiu para realizar o proxecto do Curso, profundando desta maneira na fase de diagnose. Ao final da tarde, todos tivemos que saír a expoñer as conclusións ás que chegamos grazas á nova materia que se nos proporcionou durante a sesión.
Xa para finalizar, cabe destacar que foi unha sesión especialmente amena, na que teoría e práctica foron integradas á perfección. Alberto ofreceunos unha visión diferente e moi interesante da mediación cultural, na que se poñen en alza uns determinados valores e na que a colaboración cidadá actúa como protagonista.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!