Historia, actualidade e perspectivas das políticas culturais. Con Alfons Martinell
Por Laura García
Tras a asignación dos contextos reais definitivos sobre os que se traballará durante este trimestre por grupos na realización dun proxecto cultural, Alfons Martinell abriu os contidos do curso dun xeito moi interesante. Comezou dividindo en dous bloques a materia que explicaría ao longo da sesión: o primeiro deles abarcaría o que entendemos por xestión cultural e o segundo centraríase na importancia das políticas culturais.
No primeiro dos dous bloques fixo unha reflexión sobre a antigüidade da xestión cultural e a súa caracterización como coñecemento empírico nutrido de moitas disciplinas e con posibilidade de desaparecer debido a non ser retido por ninguén. Para situarnos neste contexto que envolve á Xestión Cultural comezou falando do Coliseo de Roma e da importancia que tiña no seu día a xestión dos eventos culturais que alí se levaban a cabo desde os inicios da súa actividade. Continuou comentando o gran problema que sofre a Xestión Cultural. O maior inconveniente da Xestión Cultural é que é un coñecemento que se pode aprender pero non se pode ensinar pois tanto a cultura, como as institucións e administracións así coma os medios e técnicas de xestión cambian co paso do tempo.
Martinell procedeu a continuación a argumentar a necesidade de xestión na sociedade, na vida cultural, na cultura, nas políticas culturais, no sector cultural e no sistema cultural para posteriormente citar no seu discurso o dereito lexítimo que temos todos a participar na vida cultural. Esta vén dada a través do encargo social do Estado, dos grupos sociais dominantes, da comunidade, do mercado e do privado para dar resposta e adaptación a novas realidades como son: canalizar o traballo en grupo, as complexidades técnicas, as esixencias de calidade, o cambio de formatos, a mellora da comunicación, a especialización ou o aumento da intermediación.
Posterior a isto foi a definición que Alfons nos achegou do xestor/a cultural. Este definiu o xestor cultural como un relacións públicas que fai de intermediario entre os intérpretes e os públicos. Con outras palabras, os/as xestores culturais son os encargados de organizar a participación social na vida cultural e de dar satisfacción ás necesidades culturais da cidadanía. A figura do xestor cultural debe posuír dúas cualidades: antena (atención ó contexto) e axenda (capital racional) ademais de ser particularmente sensibles ás diversidades expresivas e non caer na tentación de programar en función das apetencias persoais. Os xestores culturais están obrigados a actualizar deseguido os seus coñecementos, metodoloxías e ferramentas posto que o encargo social en cultura varía constantemente. Como dato anecdótico comentouse tamén que durante os anos 80’ creáronse en España 10.000 prazas de xestores/as culturais (durante o proceso de institucionalización da cultura, sobre todo na esfera municipal) e que a formación cultural está moi pouco desenvolvida en España, incluíndo tamén a formación artística.
Tras este achegamento á importancia do papel do xestor/a cultural tamén se definiu en profundidade a xestión cultural en si mesma. Esta sitúase no terreo da complexidade pois non hai receitas nin respostas estandarizadas senón solucións específicas para cada contexto e momento. Martinell definiuna como a xestión do opinable ou unha forma de aproveitar as oportunidades do contexto nun momento determinado, como a capacidade de definir, idear e deseñar proxectos, de redefinir dinamicamente os obxectivos de acordo coa misión da organización do seu entorno, como unha forma de orientar os recursos humanos materiais e económicos mediante un plan previamente trazado, como un concepto que implica respecto polos procesos sociais, pola capacidade de entender procesos creativos, que implica valorar a xestión dos intanxibles, a sensibilidade polas diversidades expresivas e a capacidade de asumir a xestión do opinable.
Historia da política cultural
Tralo descanso a sesión continuou cun achegamento ás políticas culturais e aos intereses aos que estas responden que son neste caso os grupos de presión. Xurden como resultado dunhas realidades sociais, que se traducen nunhas necesidades, problemáticas ou intereses sociais e que se ven a súa vez, condicionadas por uns acontecementos históricos. Historicamente falando, a política cultural aparece por vez primeira cos Estados-Nación (S. XIX) para afirmar os seus proxectos políticos como representación simbólica das linguas e das culturas nacionais.
Estas políticas están condicionadas pola realidade territorial de cada contexto. Para facer un uso óptimo dos recursos dispoñibles destes contextos, as políticas culturais optan pola aplicación dunha xestión e dunhas estratexias determinadas. Martinell fixo fincapé tamén no feito de que as políticas culturais non determinan a cultura dun pobo senón que é o pobo o que as determina, e por iso que estas políticas son unha parte pequena da vida cultural. Os consumos culturais son moito maiores que o gasto público en cultura. E ademais, a cultura comunitaria non figura nas estatísticas.
A sesión finalizou cunha ronda de preguntas e intervencións por parte dos alí presentes que foron respondidas dun xeito máis que interesante por Alfons completando así os contidos da súa exposición con amplas respostas.
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!