Comeza o Curso 2017-18! Datos, tendencias e boas prácticas na xestión cultural.

A primeira das sesións do Curso foi conducida polos coordinadores, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, e tivo como finalidade desvelarnos algunhas claves do desenvolvemento do programa formativo e introducirnos na situación do sector cultural galego.

2017 10 04 aula inaugural 8 editada

Nun primeiro momento Marcos explicou a filosofía do Curso, o por que do seu nacemento, o cambio de modelo cultural que estamos a experimentar e a necesidade de reciclar coñecementos, capacidades e actitudes para adaptármonos a este contexto. Tamén indicou cales son os principais obxectivos do Curso, entre os que destacou a conformación dunha comunidade de aprendizaxe para os e as profesionais da xestión cultural, ou a adopción de ferramentas e metodoloxías que nos permitan deseñar e coordinar proxectos culturais que respondan ás necesidades sociais ou á potencialidade dos territorios.
A continuación fixemos unha dinámica de autopresentación do alumnado, onde cada un/unha de nós explicou brevemente a súa traxectoria e os motivos que nos levaron a realizar o Curso.

Unha vez rematada a rolda de intervencións, Marcos fixo un repaso á situación actual do sector cultural en Galicia, a partir de datos oficiais e mostrando diferentes gráficos sobre a evolución recente do gasto público en cultura, dos consumos da poboación, do emprego e número de empresas, e da exportación de bens e servizos culturais, constatando o forte impacto que a crise económica, e en menor medida a revolución dixital, tiveron sobre o sector. Así mesmo, realizou unha reflexión crítica sobre a práctica inexistencia de políticas culturais no país e explicou algunhas das características esenciais do sector cultural galego, como a dependencia histórica das administracións públicas, a precariedade no emprego, o difícil acceso a financiamento, as carencias en formación económica que permita garantir a viabilidade dos proxectos, a atomización sectorial ou a escasa proxección exterior.

A exposición de Marcos concluíu cun diálogo no que fomos identificando boas prácticas en políticas culturais municipais. E con iso chegamos ao descanso.

2017 10 04 aula inaugural 10 editada

A segunda parte da sesión foi conducida integramente por Sergio. Nos primeiros minutos trasladounos información práctica sobre o plan de traballo do Curso, as canles de comunicación que empregaremos, os servizos que ofrece a USC e os tempos precisos para a realización das prácticas (optativas). E deseguido iniciou a súa aula, centrada nas boas prácticas en proxectos culturais e novas tendencias que se están a percibir.

Sergio comezou cuestionando o concepto de boa práctica, ou de proxecto cultural de éxito, cando se circunscribe a parámetros cuantitativos, é dicir, ao número de asistentes. Ao seu xuízo, tamén se debe contemplar a súa identificación co territorio, a sustentabilidade económica, ambiental e creativa, o seu impacto na transformación social, ou a intensidade e calidade da experiencia.

Unha vez fixado o concepto, deu conta dalgúns proxectos de referencia pola súa masiva capacidade de convocatoria, como o Resurrection Festival (Viveiro) ou o Marisquiño (Vigo), ou pola súa lonxeva traxectoria, como os festivais de Ortigueira e de Pardiñas (Guitiriz).

En canto ás novas tendencias que se están a detectar nos eventos musicais, fixo mención á presenza da gastronomía, como en Portamérica (Caldas de Reis) ou nos Xoves de Códax (Cambados), á singularidade do espazo, como en Sinsal (Illa de San Simón), Espazos Sonoros ou Música no Claustro (Catedral de Tui), ao uso de múltiples localizacións urbanas, como nos festivais WOS (Santiago de Compostela) e Noroeste (A Coruña), ou á colaboración entre eventos, como en Festivais Rías Baixas.

2017 10 04 aula inaugural 12 editada

Outras das tendencias que salientou foi a da hibridación, isto é, a creación de eventos que conxugan diversas disciplinas artísticas e creativas, e a da proximidade, naqueles proxectos en contornas rurais que implican á comunidade.

A exposición proseguiu cun extenso mostrario de proxectos literarios, audiovisuais ou de artes escénicas que se foi ampliando coas achegas dos compañeiros e compañeiras. A aula rematou cunha reflexión sobre os espazos da cultura (cun particular énfase nas experiencias de autoxestión), cunha alusión ao auxe das programacións infantís e cunha panorámica das iniciativas de cultura dixital.

E sobre a hora prevista (20:30) saímos satisfeitos/as da primeira aula do Curso, uns/unhas en dirección aos seus compromisos e quefaceres, e outros/as cara o bar O Cesto, sede oficiosa do terceiro tempo do Curso. Vémonos nunha semana!

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*