Presentación final dos proxectos 2016-17 e unha sorpresa
O pasado venres, 9 de xuño, celebramos no Salón de Graos da Facultade de Económicas a última aula do Curso na súa edición 2016-17. Durante a mesma presentáronse os proxectos finais dos diferentes equipos, gozamos cunha actividade sorpresa e festexamos no bar O Cesto, cuns petiscos diante.
A sesión comezou cunha noticia magnífica: o nomeamento do compañeiro Marcos Seoane como novo director do Conservatorio de Culleredo. Marcos tivo a ben agasallarnos cun breve discurso no que, visiblemente emocionado, admitiu que ese logro non tería sido posible sen o enorme caudal de coñecementos e ilusión adquiridos durante o Curso ;)
A continuación, xa repostos, procedemos á presentación dos proxectos. Cada equipo dispuña de 15 minutos para realizar a súa exposición e para responder ás dúbidas e recibir as réplicas e suxestións do resto da clase. O primeiro deles, VITE NAZÓN, propuxo unha intervención no barrio compostelán de Vite. A súa iniciativa consistiu na xestión temporal dunha serie de locais baleiros, con vistas a fortalecer a identidade do barrio e o seu dinamismo social e económico. Máis ao concreto, planearon a constitución dun espazo de coworking cun mesto programa de actividades ligadas ao tecido comunitario do barrio, e a habilitación de catro espazos dedicados a residencias culturais e creativas, nas disciplinas da moda, da arte, da música e do teatro.
O segundo dos proxectos, a realizar no territorio raiano do Couto Mixto, propuxo a celebración dun FESTIVAL ASTROMÁNTICO, de música, natureza e gastronomía, coincidindo co fenómeno da chuvia das Perseidas, a mediados de agosto. Esta actividade estaría dirixida aos amantes da astronomía, pero tamén a público familiar que se despraza en autocaravanas. O festival incluiría roteiros guiados no que a veciñanza mostrase a cultura local aos visitantes. O slogan deste proxecto foi ben poético e elocuente: “No ceo non hai fronteiras”.
A terceira das presentacións levou por título O PARQUE FAISE ESCOITAR e tivo como protagonista ao parque natural das Fragas do Eume. O equipo promotor identificou dúas problemáticas no lugar: a escasa divulgación dos valores patrimoniais do parque e os impactos negativos que as restritivas normativas de protección tiveron sobre os seus habitantes. Para afrontar ambos problemas deseñaron unha batería de actividades que incluía a elaboración dunha páxina web que centralizase a información sobre o parque, a posta en marcha de roteiros de turismo cultural, a oferta de cursos de formación para a poboación local e a celebración de xuntanzas periódicas coa veciñanza para afondar na historia social e nos valores naturais e etnográficos da zona.
O seguinte proxecto presentado foi ES DE CARNOTA? CARNOTÁNS POLO MUNDO 2.0. No Concello de Carnota o equipo encontrou unhas altas taxas de emigración e de envellecemento da poboación, o que sumado á escasa oferta cultural e de entretemento levoulles a propor unha acción dobre: a creación dun portal web que fomentase a participación veciñal, a memoria social e o orgullo de pertenza dos naturais de Carnota, con independencia de onde vivan (aquén ou alén mar), así como unha festa gastronómico – cultural (“A Gran Caldeirada”), como espazo de encontro presencial e con potencial turístico, a celebrar nunha fin de semana de xullo.
Despois de Carnota chegou a quenda a Vilagarcía. Co propósito de estimular a relación porto – cidade, o equipo concibiu unha iniciativa tripla. Por unha parte o proxecto MARDEVOLTA, unha acción documental de reforzo da identidade mariñeira mediante a edición de textos sobre a historia e a gastronomía local, así como a realización de curtametraxes. Por outra parte unha acción lúdico – deportiva pensada para o público xuvenil. E a maiores unha terceira acción pedagóxico – divulgativa, o ENCONTRO INTERNACIONAL DE EXPERIENCIAS CULTURAIS INNOVADORAS PORTO/CIDADE, co que se aspira a elaborar un código de boas prácticas portuarias, e de paso referenciar a Galicia como punto de encontro nesta temática.
O último dos proxectos presentados, “PADROGRAFÍAS”, estivo centrado na vila de Padrón e no seu potencial turístico vinculado á literatura (e non só). O equipo propuxo unha intervención de turismo cultural que arrincaría cunha viaxe en tren entre Santiago de Compostela e Padrón, buscando xerar unha experiencia inmersiva mediante audioguías, seguida por un paseo polas inmediacións do pobo e polo centro do casco histórico, co obxecto de coñecer máis a fondo a historia local e os seus valores, pero tamén as eivas da súa evolución recente. Este proxecto incluía tamén ambientacións teatrais e degustacións gastronómicas.
Logo dun merecido descanso, dirixímonos á Sala de Xuntas da Facultade, onde os compañeiros Lemur e Ruth Sousa nos tiñan preparada a sorpresa lúdica da tarde: a gravación do programa de radio “Antes d’O Cesto”. Dispostos arredor dunha grande mesa circular, e ante un despregue de aparataxe técnico, os dous condutores do programa achegáronnos ás facetas artísticas e ás inquietudes persoais de varias compañeiras/os.
En primeiro lugar regaláronnos aos coordinadores un doce envelenado: unha entrevista cruzada. Saímos como puidemos. A continuación entrevistaron a César No, dramaturgo, quen nos ofreceu, xunto a Andrea Álvarez e Uxía Castro, a lectura dramatizada do texto “Meu vello amigo”, co que gañou o premio “A pipa de Becerreá” e que nos deixou cun nó na gorxa. De seguido entrevistaron a Ángel Piñeiro, director do festival Castelo Rock, a Agustín Bolaños, membro da compañía Elefante Elegante, a Belém Brandido, de Pistacatro Produtora de Soños, á artista Rebeca Mariño, quen nos leu un texto de xornalismo dadaísta, e aos músicos Andrea Verdú e Xavier Mera, quen nos deleitaron con dúas pezas de música ao vivo.
.
E á fin, á hora convida, a festa radiofónica rematou e comezou a culinaria, cos petiscos que nos ofreceron no bar O Cesto, a outra sede do Curso desde o seu comezo en 2014.
Marcos Lorenzo
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!