Xestión Económica. Canto nos custan as ideas? Bases para o deseño orzamentario. Miguel Martín

Por: Belém Brandido

Na sesión do pasado 31 de marzo os nosos protagonistas foron Miguel Martín e os números, os imprescindibles e moitas veces desagradables números.

Canto nos custan as ideas? Esa era a pregunta que abría a sesión e que sempre temos que ter en conta cando deseñamos calquera proxecto cultural ou, de calquera outro tipo. No noso caso, concretamente, no eido da Cultura.

Este tipo de sesións sempre son un pouco máis densas ou inapetecibles. Da man de Miguel, as 4 horas foron fluídas e cheas de exemplos e postas en común cos nosos respectivos traballos en equipo, bo punto de partida para arrancar as sesións baseadas xa na parte económica de cada un dos proxectos deste ano.

Miguel Martín foi Director Xerente do IGAEM e da AGADIC e un dos responsables da transición desa entidade. Durante ese período, na etapa do bipartito, fixéronse cousas ben interesantes e abríronse varias liñas de traballo sendo salientable o intento de por en marcha un plan estratéxico das Artes Escénicas en Galicia, que co cambio de goberno nunca se chegou a implementar.

Miguel, antes de traballar na AGADIC, traballou na Xunta de Galicia e nos Concellos de Ferrol e A Coruña, en programas de servizos sociais, fomento de emprego, asesoramento a emprendedores, implantación de sistemas de calidade e avaliación de programas e servizos. Foi tamén docente do Máster de Estudos da Unión Europea, da Universidade de A Coruña, e do Máster en Xestión de Entidades non Lucrativas, da Cruz Vermella-Escola de Negocios Caixanova.

Actualmente é Xefe do Departamento de Promoción Cultural do Concello de A Coruña

Feita a presentación do noso titor nesta sesión de traballo, e partindo dunha comparativa entre a presencia do diñeiro na literatura anglosaxoa e na literatura da Europa continental Miguel fai unha comparativa directa e relaciona este feito coa diferencia de mentalidade que temos entre a cultura anglosaxoa e a europea, cando aquí parece que sempre falar de cartos está mal visto e non está ben, alomenos cando falamos de cultura. O asunto que nos toca de cheo na sesión deste venres.

O que destaca é que cando traballamos en calquera ámbito, e neste caso no da cultura, o importante é o que QUERO FACER e POR QUÉ o quero FACER. A partir de aí temos que ver Cómo facelo e qué obxectivos concretos podemos conseguir nese ámbito no que queremos traballar. En todo isto, a cuestión económica, os cartos, os orzamentos, están continuamente presentes porque cando falamos de Cómo imos facer o Que queremos facer imos ter que tomar decisións que teñen que ver con qué accións imos desenvolver en función da eficacia que entendemos que podemos ter pero tamén en función do seu custo.

2017 03 31 miguel martin

Chega pois así un momento no desenvolvemento do proxecto no que a cuestión económica É FUNDAMENTAL. E tamén vai marcar e decidir o resultado final e ata qué punto definirá qué nivel de metas podemos alcanzar.

A palabra EFICIENCIA na cuestión económica. Clave. Parece que esta palabra dentro do aspecto económico está un pouco desprestixiada, segundo apuntaba o propio Miguel,  porque parece que falamos de abaratar custos e non. Eficiencia, ó final, é a relación que existe entre os IMPUTS que consumimos e os OUTPUTS que conseguimos coa acción que desenvolvemos e, polo tanto, a EFICIENCIA baséase en que consumindo os mesmos imputs obteñamos mellores resultados.

Dese tema concreto foi o que tratou a sesión. Cómo elaborar un orzamento e cómo ese orzamento nos vai axudar nas decisións que tomemos.

Cálculo de Custos Salariais e tamén nalgunhas cuestións o efecto que pode ter o IVE e o IRPF sobre o efecto do custo que temos para o proxecto.

Facer un orzamento, saber o que nos vai custar a nós levar a cabo ese proxecto.

A realidade é que un proxecto non nace da nada, está vinculado a unha organización que desenvolve non só un proxecto senón varios ó mesmo tempo ou no tempo e esta organización ten unha serie de custos propios do mantemento da propia organización ou de actividades que van servir ós diferentes proxectos pero que non son especificamente de ningún deles

Hai que ver cómo afectan sempre a xeración do orzamento de calquera dos proxectos que queiramos por en marcha.

Tamén se entrou na realidade que ten que ver non xa como un proxecto de actividades ou algo que se fai durante un período (como unha programación)… na realidade da produción e distribución de bens de servizos culturais.

Gran parte da actividade cultural é unha actividade que ten características similares onde unha empresa produce un servizo (que pode ser un libro, un disco ou unha obra de teatro) e no que hai uns gastos iniciais de produción dese servizo e logo hai un proceso de distribución no que seguen existindo custes e paralelamente uns ingresos. Aquí ensinounos algunhas ferramentas sinxelas para traballar con este tipo de proxectos.

Miguel estruturou a súa clase en 3 bloques.

BLOQUE I. O ORZAMENTO

  • Funcións
  • A estrutura do orzamento. O orzamento de gastos
  • A estrutura do orzamento. O orzamento de ingresos

BLOQUE II. Análise dos principais compoñentes do orzamento de gastos:

  • Cálculo de custos de contratación laboral
  • Facturación e colaboracións. IVE e IRPF
  • Activos fixos e custos de amortización
  • Custos fixos e de estrutura

BLOQUE III. Planificación financeira:

  • A produción e distribución de bens culturais
  • Cálculo de punto morto e marxe comercial
  • O orzamento de tesourería

A partir de aí xa nos puxo a traballar. Casos prácticos dende o primeiro momento.

Prantexar un proxecto expositivo definindo o proxecto, quenes somos e quen é o noso cliente principal e para quen se está prantexando a proposta cultural e dar un orzamento (aquí nos prantexamos o que costa). Os tempos e as cousas non veñen determinados polo que custa producilas veñen determinados polo que a xente está disposto a pagar por elas.

Qué nos fai falta saber á hora de elaborar un orzamento?

Pois canto se destina a salarios de persoal, ás cotizacións sociais, ós honorarios artísticos, ós servizos técnicos, ó material funxible, ós soportes de difusión – comunicación e á coordinación de gastos e beneficio para a empresa.

Onde nos detivemos un certo tempo foi nas prácticas do que é a contratación laboral, o custo dos salarios e o cálculo para estes salarios.

Gastos Xerais da Organización: Qué son os gastos xerais?

Exemplo dunha fundación que ten 3 proxectos. Os proxectos poden ser rendibles, poden ter unha relación ingresos-gastos en positivo, pero aínda así a Fundación pode ir á ruína porque hai uns gastos xerais da organización que pode ser que non sexan sostibles.

En todo caso cada un dos proxectos debe dar para cubrir non unicamente os gastos do proxecto senón tamén os gastos da organización. Os gastos fixos da organización. Cales son os gastos fixos dunha organización? Un local, uns gastos de teléfono, unha xestoría, gastos de dirección, gastos de persoa na oficina ou persoas. Ten unha serie de gastos que logo son os que permiten poder por en marcha diferentes proxectos. Por iso estes proxectos deben tamén dar beneficio para a cobertura dos Gastos da Organización .

Outro dato importante que aportou Miguel é cadrar os orzamentos no paso do tempo. Deseñar e facer un PLAN DE FINANCIAMENTO. Esta parte é importante para que a organización non quebre por non poder asumir os gastos que se van a facer.

Cando se prantexa un orzamento cun cliente para unha subvención o que temos que sinalar non só é a relación de gastos económicos, senón que o que temos que sinalar é o que custa o proxecto en cada apartado xa cos gastos xerais da empresa que corresponden incluídos.

Activos fixos e Gastos de Amortización

A garantía de ter xa o orzamento concedido por parte do cliente para o desenvolvemento do proxecto non é a total garantía do éxito do proxecto. O que hai que facer ademais é o que se coñece como Orzamento de Tesourería.

Facer o cálculo e a planificación de cómo se vai producir o proxecto no paso do tempo, porque aínda que na globalidade estea todo cadrado o que pode suceder é que haxa un desfase entre ingresos e gastos que o que nos pode facer é que a empresa chegue a quebrar. Pode darse o caso de que vaiamos a cobrar ó final de todo o proxecto e que dende que arranca o proxecto incurramos en gastos que non podamos asumir por falta de liquidez.

É clave facer un Plan de Financiamento co paso do tempo, incluíndo dende o arranque do proxecto todos os gastos – custes que se teñen e cando se ten que proceder ós pagos correspondentes.

Ou temos fondos para facer fronte a todos os gastos, ou hai un banco que dea unha liña de crédito que permita facer este proxecto, ou senón mellor é non facer o proxecto, porque non se poden afrontar os gastos que se teñen que desenvolver.

Hai que ter moi en conta as previsións de necesidades de Tesourería e tamén hai que ser moi claros cos provedores.

(Debate sobre os trucos á hora de presentar ou levar a cabo proxectos subvencionables a nivel estatal e as diferencias a nivel Comunidade Europea)

 

CÁLCULO DE PUNTO MORTO E MARXE COMERCIAL. PRODUCIÓN E DISTRIBUCIÓN DE BENS CULTURAIS

En todos os produtos, cando se pon en marcha un produto, primeiro se teñen uns gastos de investimento, de deseño dese produto, e logo comeza o período de distribución. Nesa fase inicial de deseño de produción unicamente se teñen gastos e ningún ingreso e no momento en que se inicia a comercialización os ingresos empezan a crecer e os gastos continúan. Hai un punto, no proceso de distribución, onde xa se pagaron as débedas que se tiñan e xa se comezan a obter beneficios positivos.

2017 03 31 miguel martín

Qué caracteriza moito os gastos dos bens culturais dos doutros servizos de mercado? Pois que os que se consideran bens culturais, que en condicións de mercado non son rendibles, precisan dun apoio da administración para poder selo.

Polo tanto, do orzamento total dunha produción, no caso de bens culturais, hai unha parte que a cubre unha subvención (bastante grande), outra parte (unha porcentaxe máis baixa) que ten que cubrir o axente privado.

Hai que ter en conta que sempre o custo de facer ese bolo é inferior ó que cobramos e polo tanto hai unha marxe comercial, que pouco a pouco esta marxe ten que ir cubrindo o custo inicial do proxecto.

Fórmula que nos indica a partir de qué bolos empeza unha actividade a gañar cartos.

A fórmula é sinxela. Cálculo de Punto Morto e Marxe Comercial.

Hai que traballar con 2 datos:

  • Marxe Comercial: prezo de cada unidade menos o seu custo variable (p-cv)
  • Punto Morto: resultante de dividir o custo de produción ou Custo Fixo (Cf)/entre o marxe comercial (CF/p-cv), o que nos da é o número de unidades que temos que vender para empezar a obter beneficios, é dicir, para quedar a pré e comezar a ter beneficio. Con ese número de unidades quedamos a 0, por riba dese número de unidades comezamos a gañar cartos.

Logo haberá que ver a qué prezo se comercializa ese produto. Canto máis caro, menos posibilidade de vendas, canto máis axustado sexa o caché, máis posibilidade de venda.

Traballo práctico con exemplos que nos trouxo Miguel para os diferentes grupos. Calculando o punto morto e a marxe comercial.

2017 03 31 miguel martín

Necesaria sesión a de Miguel Martín para todos os proxectos e ademais das que sempre custan máis pero que a min, persoalmente, máis me enganchan.

Como nota persoal, a sesión pechou para min coa mensaxe no móbil do tristemente falecemento do compañeiro actor Mateo González. DEP.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*