Curso de Perfeccionamento en Marketing Cultural e Xestión de Públicos – Inscrición Aberta

 

Ata o vindeiro 4 de marzo de 2015 permanecerá aberto o prazo para solicitar praza no Curso de Perfeccionamento en Marketing Cultural e Xestión de Públicos da Universidade de Santiago de Compostela, cunha duración de 50 horas e que se desenvolverá do 13 de marzo ao 30 de maio de 2015. As prazas son limitadas.

 

Neste Curso realizaremos un achegamento ás ferramentas de comunicación, difusión e posicionamento dunha actividade ou marca cultural, tanto nos ámbitos mediático e sociocomunitario como na contorna dixital. O enfoque será eminentemente práctico, impartido por expertos universitarios e profesionais en activo e coñeceremos as novas canles e ferramentas para visibilizar e facer medrar os nosos proxectos culturais.

Os contidos están dirixidos a profesionais do sector cultural (traballadores de empresas e industrias culturais, técnicos de cultura das administracións, responsables asociativos, xerentes de eventos, autónomos, etc.) que queiran actualizar os seus coñecementos, así como a traballadores ou emprendedores doutros sectores que desexen formarse na xestión integral de proxectos.

Tamén poderán ser admitidos os licenciados e graduados universitarios, alumnado de últimos cursos e en xeral aquelas persoas con interese no mundo da cultura.

Non se precisa titulación universitaria previa para o acceso ao curso.

 

Información do Curso

Programa

  • 13-mar-15 Marco Teórico da Xestión Cultural. Marketing, RSC e valores culturais.
  • 27-mar-15 Marco Teórico da Xestión Cultural. Xestión de Públicos. Implicación territorial dos proxectos socioculturais.
  • 10-Abr-15 Marketing Cultural (I). Técnicas de Segmentación e Investigación de Mercados. Ferramentas para Plan de Públicos.
  • 17-Abr-15 Marketing Cultural (II). Deseño e xestión do Plan de Marketing Cultural. Plan de Públicos
  • 24-Abr-15 Comunicación cultural (I). Introdución.
  • 24-Abr-15 Comunicación cultural (II). Deseño e xestión dun Plan de Comunicación Cultural
  • 08-Mai-15 Innovación Social. Participación e empoderamento de públicos. Activación de procesos colectivos.
  • 15-Mai-15 A Contorna Dixital (I). Ferramentas e Estratexias. Marketing dixital e Social Media.
  • 22-Mai-15 A Contorna Dixital (II). Innovación e creación colectiva. Ferramentas dixitais para a creación horizontal. Público creador.
  • 29-Mai-15  A Contorna Dixital (III) Dinamización e divulgación cultural na rede
  • 30-Mai-15 (Sábado) Visita guiada a espazo cultural, mesa redonda e presentación (elevator pitch) ante profesionais expertos

Modalidade

Semipresencial:

  • Na aula (80%): clases e traballo en grupo.
  • Traballo persoal (20%): Desenvolvemento do proxecto final, con apoio telemático dos titores.

Emprazamento

Facultade de CC. Económicas e Empresariais, USC – Campus de Santiago de Compostela.

Horario

As aulas presenciais celebraranse todos os venres lectivos, de 16:30 a 20:30 horas.

A última sesión do módulo (30-maio-2015) celébrase en sábado, de 10:30 a 14:30 horas.

Idioma

Galego e Castelán.

Avaliación

A avaliación realizarase a través da formulación por parte do alumnado dun Plan de Marketing ou Plan de Comunicación Cultural.

Este proxecto desenvolverase seguindo a secuencia temática das aulas, contando ademáis coa titorización dos coordinadores do Curso e co apoio dos expertos e profesionais convidados.

A sesión de avaliación final realízase no marco dunha visita a un espazo cultural, onde se realizará unha breve presentación ante profesionais expertos en activo.

 

Equipo promotor

Isabel Neira

Isabel Neira

Directora Académica USC

Doutora en Ciencias Económicas e Profesora Titular de Economía Aplicada (Econometría) na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Investigadora en capital humano, capital social e emprendemento.

Actualmente é presidenta de AEDE (Asociación da Economía da Educación), membro do Consello Galego de Estadística, directora do equipo de investigación GEM-USC e directora do Curso de Experto en Coaching na USC.

Actúa tamén como asesora da ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación) para a avaliación das TIC nas Universidades españolas e da ACSUG (Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia).

Marcos Lorenzo

Marcos Lorenzo

Contidos do Curso e Titorías

Economista e antropólogo, realizou estudos complementarios en xestión cultural, urbanismo e cooperación internacional.

Na actualidade é consultor independente e asesor da Cidade da Cultura de Galicia, onde recentemente dirixiu o I Encontro Internacional de Economía e Cultura, así como, entre outras actividades, o ciclo de cultura contemporánea NEXOS. Ao longo da súa traxectoria profesional foi responsable da política cultural do Concello de Ferrol, director da empresa de xestión cultural e-Burbulla S.A., xerente da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, coordinador de proxectos europeos na Fundación Galicia Emigración e fundador da empresa social Cidadania S. Coop. Galega.

Autor de diversas investigacións e ensaios, imparte docencia en materias relacionadas coa xestión de proxectos, a creatividade e o desenvolvemento territorial.

Sergio Lago

Sergio Lago

Contidos do Curso e Titorías

Formado en Gráfica Publicitaria, dende 2003 ven participando na creación e dirección de proxectos no ámbito cultural galego. Ten traballado tamén en iniciativas do eido TIC, especialmente na implantación de estratexias dixitais, na creación e deseño de contidos web e no lanzamento de iniciativas de comercio electrónico.

En 2011 foi escollido como director de Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais, desenvolvendo xunto ao equipo de nócomún e ata maio de 2013, o proceso de reformulación estratéxica do modelo de feira, así como a organización integral do evento anual.

Actualmente colabora en diversos proxectos, entre eles a coordinación técnica e xestión de contidos na Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

Profesionais e expert*s convidad*s

 

Héctor Pose

Héctor Pose

Profesor da UDC. Experto en Xestión Cultural.

Doutor en Psicopedagoxía e Profesor no Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña.

Foi un dos máximos responsables do proxecto Interea, referencia da investigación e a publicación sobre xestión cultural en Galicia.

As súas liñas de investigación na actualidade lévanno a estudiar as políticas culturais locais, a relación entre cultura e cidade, os tempos escolares e tempos de ocio, así como a promoción da participación social municipal.

Ten publicado artigos en diversos libros e actas de Congresos e Xornadas sobre asociacionismo, animación teatral, xestión cultural, patrimonio, etc.

Beatriz Pereira

Beatriz Pereira

Responsable de Investigación Comercial en R e Consultora Asociada en iuni.

Licenciada en Psicoloxía pola USC e posgrao en Investigación, Comportamento do Consumidor, Investigación Comercial e Mercado.

Con máis de 14 anos traballando en investigación para sector privado e público, colaborou e asesorou a empresas e organismos como R Cable e Telecomunicacións de Galicia, Anova (Grupo O Correo Galego), Sondaxe (Grupo La Voz), Grupo de Investigación Psicom da USC, Xunta de Galicia, Centro Coreográfico Galego, Fundación Cidade da Cultura… entre outros. Socia fundadora de Ideara.

Beatriz Fontán

Beatriz Fontán

Freelance. Experta en marketing cultural.

Máster en Dirección Comercial e Marketing e Máster en Producción e Xestión Audiovisual. Educadora infantil. Especializada en marketing cultural.

Desenvolve a súa carreira nas áreas de comunicación, produción, xestión e mercadotecnia. Entre outras compañías ten traballado no Grupo Prisa, El Mundo e as produtoras galegas Filmax, Ficción Producións, Milú Films e Continental Producións, coordinando tamén o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela “Curtocircuito”. Durante os últimos anos colaborou estreitamente coa banda galega “Berrogüetto” asumindo as tarefas de management e contratación de xiras a nivel nacional e internacional.

Actualmente desenvolve temas de estratexia e comunicación efectiva para profesionais independentes e PEMES como consultora asociada de iuni consulting.

Luis Álvarez Pousa

Luis Álvarez Pousa

Profesor da USC. Director de Tempos Novos.

Profesor titular de Xornalismo Especializado na Facultade de Ciencias da Comunicación (Universidade de Santiago), imparte tamén aulas no Máster Universitario en Comunicación e Industrias Creativas da USC.

Exerceu como xornalista en La Voz de Galicia durante 23 anos, creando e dirixindo ata 1984 o seu primeiro Suplemento de Cultura. No grupo Voz foi coordinador xeral de Video Voz-TV e posteriormente de Multimedia Voz.

Fundador das revistas Teima e Tempos Novos, que dirixe na actualidade. É asimesmo membro do consello asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e director do Observatorio Galego dos Medios (OM) do CPXG.

A principios dos 70 puxera en marcha e dirixiu as históricas Xornadas do Cine en Ourense. Entre 1983 e 1985 foi Director Xeral de Cultura, na Xunta de Galicia, creando entón o Centro Dramático Galego e o Arquivo da Imaxe.

Sonia Díaz

Sonia Díaz

Freelance en nócomún. Experta en comunicación cultural.

Licenciada en Xornalismo, cursou unha diplomatura en Estudos Culturais no Reino Unido, un doutoramento en Comunicación Audiovisual en Barcelona, un máster en Xestión Cultural en Chile e é asesora ICEX en Internacionalización Empresarial.

Colaborou coa Xunta de Galicia e coa AGE na organización e na difusión da presenza galega nas feiras internacionais do libro, foi asesora de comunicación de Ouvirmos e de Nordesía Producións entre outros. Actualmente deseña e executa as estratexias de comunicación de numerosos festivais, mercados e feiras de distintas disciplinas.

Aínda que centrada na asesoría estratéxica, tamén colabora esporadicamente como guionista audiovisual e como responsable de contidos de proxectos literarios, fotográficos ou expositivos.

Diego Parajó

Diego Parajó

Xerente de Xeneme Proxectos Sociais. Emprendedor social.

Diplomado en Educación Social. Experto en Xestión Cultural. Máster en xestión e comunicación da Responsabilidade Social Empresarial. Formado en desenvolvemento comunitario, coaching sistémico, project management e dirección de empresas.

Socio fundador e Xerente de Xeneme Proxectos Sociais desde 1998, na que desenvolve súa actividade como formador, asesor e project manager en servizos sociais, educativos e culturais.

Directivo de GALESED, patronal do sector de Lecer Educativo en Galicia. Socio e membro activo de AESGAL, asociación de sociedades laborais de Galicia.

Rubén Bastón

Rubén Bastón

Responsable de Marketing e Comunicación en Elogia.

Licenciado en Xornalismo, adícase de cheo ao marketing online desde 2007.

Actualmente é responsable de Marketing e Comunicación de Elogia, empresa de servizos online especializada en Marketing4eCommerce, con responsabilidade de servizo ao cliente na súa oficina de Vigo (Galicia e Noroeste de España). Director das áreas de Social Media (estratexia e xestión de campañas) e SEO (Search Engine Optimization).

Coordinador de equipos, ponente e profesor de Social Media e marketing online, tamén é un apaixoado do baile e da música tradicional galega.

María Yáñez

María Yáñez

Especialista en contidos dixitais e en distribución e promoción audiovisual en internet.

Licenciada en Xornalismo e Máster en Estudos Culturais e Literarios, leva máis de 15 anos traballando en cine, televisión e internet, e explorando as interseccións entre estes medios.

É socia e co-fundadora de A Navalla Suíza, empresa de comunicación dixital, e co-editora de EMBED.at, publicación en torno ao audiovisual integrado. Traballa de xeito independente como profesora de novas narrativas dixitais (MPXA, ESCAC, UNIA…) e tamén deseñando e executando estratexias de contidos dixitais e comunicación online para distintos proxectos relacionados co audiovisual.

O seu último proxecto é Screenly, unha plataforma de distribución de cine en salas baixo demanda, de ámbito estatal e de próximo lanzamento.

Manuel Gago

Manuel Gago

Profesor na USC. Director de culturagalega.org

Profesor asociado no Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, impartindo materias como Arquitectura da Información e Teoría dos Cibermedios. Ao mesmo tempo, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega.

As súas liñas de investigación tratan sobre redes sociais, deseño interactivo de cibermedios e divulgación científica en novos formatos interactivos.

É experto en deseño e desenvolvemento de medios dixitais e en comunicación multimedia sobre patrimonio cultural, gastronomía e ciencia .

 

(*)

Debido á extensión do curso, a nómina de docentes poderá verse modificada. Ditas modificacións non alterarán en ningún caso a súa excelencia curricular.

Ao finalizar a túa formación contarás coas ferramentas precisas para deseñar, planificar e coordinar proxectos culturais dun xeito integral.