ORIENTACIÓN ACADÉMICA

A orientación do Curso é eminentemente aplicada, primando os casos prácticos a explorar na aula, ademais do contacto directo con profesionais de prestixio e con institucións do sector. Este enfoque susténtase no principio de “aprender facendo”, e pretende estimular as destrezas do alumnado, así como incrementar as súas capacidades útiles para o desempeño laboral.

A combinación de formación integral na xestión de proxectos culturais e de punto de encontro sobre liñas de traballo innovadoras na profesión, permite que resulte de interese tanto a persoas recén graduadas como a profesionais en activo do sistema cultural – traballadoras de empresas e entidades culturais, técnicas de cultura das administracións, responsables asociativos, xerentes de eventos, autónomas, etc.- que queiran actualizar os seus coñecementos ou que desexen, se non puideron facelo anteriormente, adquirir unha formación regrada que consolide o oficio logrado en base á súa experiencia.

O Curso facilitará ás alumnas e alumnos que así o desexen a posibilidade de realizar prácticas optativas en entidades e empresas culturais galegas de referencia.

SAÍDAS PROFESIONAIS

A xestión cultural é un oficio relativamente novo que aúna multiplicidade de perfís, públicos, privados e comunitarios. Somos axentes mediadores nun sistema cultural conformado por administracións, públicos, creadores, empresas, colectivos e outros actores.

As persoas que nos adicamos á xestión cultural traballamos para que a cidadanía poida acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento. Cidadanía que sexa ao mesmo tempo partícipe activa, creadora de sentido e xeradora de contidos.

– Dirección e administración de entidades culturais

– Planificación da cultura dende o ámbito local

– Consultoría e políticas culturais

– Programación e produción de eventos culturais

– Comunicación e márketing cultural

– Educación e mediación artística e cultural

Ao finalizar a túa formación contarás coas ferramentas precisas para deseñar, planificar e coordinar proxectos culturais dun xeito integral.