Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na Universidade de Santiago de Compostela (2014-15)

Beatriz Fontán, patrocinio cultural

Na aula do venres 16 de xaneiro, contamos de novo con Beatriz Fontán, que nesta ocasión tratou sobre as oportunidades de patrocinio na contorna cultural.

Beatriz comezou pedindo ao alumnado que compartiran as súas experiencias previas de traballo con patrocinios de proxectos. A partir deste primeiro contraste, a sesión continuou cunha introdución terminolóxica que nos permitiu distinguir conceptos como Patrocinio, Mecenado, Responsabilidade pública, Responsabilidade social empresarial (RSE), Acción social ou Filantropía.

La proposta de captación de fondos é un documento detallado no que propoñemos a un patrocinador que se involucre na nosa causa achegando unha parte. A proposta debe ser ante todo persuasiva e capaz de convencer ao patrocinador. Require en primeiro lugar dunha análise do emisor, o receptor a quen se dirixe, o contido/mensaxe, a canle e a contorna.

 

beatriz-fontanFoi unha aula eminentemente práctica, onde a partir dun guión de partida para construír un plan de patrocinio repasáronse numerosos detalles a ter en conta no seu deseño e execución, ilustrados con anécdotas da extensa experiencia de Beatriz.

Para ela, unha relación ideal de patrocinio baséase en crear unha relación de confianza e beneficio mutuo con perspectiva de futuro, non como algo puntual. Sinalou así mesmo, tres detalles a ter en conta:

  • A entrada de financiamento privado non debe supor para a organización perda de autonomía ou limitación do seu poder.
  • A proposta constrúense entre as dúas partes a partir do análise conceptual (VALORES), de consumo (PÚBLICO OBXECTIVO) e operativo (ESTRATEXIAS)
  • Os fondos solicítanse, non se roga por eles.

 

Un dos momentos máis interesantes foi a análise de 7 motivacións dunha entidade para patrocinar:

  1. Porque xera unha serie de retornos, básicamente en termos de imaxe corporativa e de marca, de contribución á construción da reputación empresarial, o que contribúe en última instancia á obtención dun beneficio económico.
  2. Supón unha avantaxe competitiva fronte á competencia, que opta por medios de promoción máis convencionais e con menos compromiso social.
  3. Permite un aumento do valor da marca. Recoñecemento.
  4. Resulta máis económico que unha campaña de comunicación en medios máis masificados onde é máis fácil pasar desapercibidos.
  5. Produce unha asociación natural da marca a proxectos avalados por entidades oficiais.
  6. Coincidencia Territorial. Proximidade aos clientes potenciais da marca.
  7. Aposta pola Responsabilidade Social Corporativa apoiando unha actividade profesional deportiva/ cultural.

 

Continuamos coas principais dificultades que soemos atopar no camiño e coñecemos tamén aspectos prácticos sobre materiais promocionais e consellos para afrontar as reunións.

Outro aspecto esencial, que soe estar descoidado, é a avaliación continua da relación de patrocinio. Para mostrar a efectividade dun programa de relacións públicas e comunicación é de vital importancia medir os resultados e avaliar a calidade das relacións establecidas. Actualmente contamos con numerosos métodos de investigación avaliativa tanto a nivel cualitativo como cuantitativo. Por citar algúns exemplos:

  • A medición do impacto nos medios de comunicación.
  • A creación de confianza.
  • O control mutuo.
  • O retorno do investimento (ROI)
  • A análise custo‐beneficio.
  • O grao de satisfacción.

E retomamos o Curso con Pau Rausell

Logo das vacacións de Nadal, iniciamos o segundo dos módulos do Curso, dedicado ao financiamento da cultura. Para iso, e a modo de clase maxistral, contamos con Pau Rausell, profesor da Universidade de Valencia e un dos meirandes expertos peninsulares en Economía da Cultura. Ao longo da súa exposición presentounos esta disciplina, cos seus principais debates teóricos e aplicacións prácticas.

Segundo Pau boa parte das ciencias sociais (humanidades, historia, socioloxía, antropoloxía, semiótica…) tratan de explicar a cultura no seu conxunto, nunha aproximación holística. Pola contra, a economía non aborda metas tan elevadas, senón que pretende achegar coñecemento útil para tomar decisións, e faino desde uns supostos de partida moi determinados: individualismo metodolóxico, maximización da utilidade e elección racional.

Para mostrar algún exemplo da aplicación da Economía da Cultura, serviuse dunha estatística de preferencia por asistir a ver monumentos segundo tramos de idade, do que puidemos deducir algunha conclusión que contradí certos tópicos. Por exemplo que os nenos e nenas son, de lonxe, o segmento de poboación que máis visita o patrimonio (e tamén o que máis le). Outra cousa é que o fagan por obriga (público cautivo).

Así mesmo, ensinounos un gráfico coa evolución da cota de pantalla do cine español, do que se podía derivar que, baixo distintos gobernos ou con diferentes políticas de promoción do audiovisual, a cota de pantalla mantívose inalterable, só con ascensos significativos naqueles anos en que se estreou unha nova entrega da saga Torrente.

2015 01 09 - paurausell4peqOutra das ferramentas que empregan os economistas da cultura é o chamando Método de Valoración Continxente, e que consiste en elaborar unha enquisa na que se lle preguntan ás persoas canto estarían dispostos a pagar para que tal recurso patrimonial ou tal actividade cultural sigan a existir.

E unha das conclusións nas que a disciplina logrou maiores consensos até o de agora é no carácter aditivo dos consumos culturais, é dicir, que canto maior sexa o consumo cultural dunha persoa, maior satisfacción lle reportará as seguintes ocasións, en aberta contradición co que adoita suceder con outros bens.

Pero quizás unha das áreas onde a Economía da Cultura está a ter maior protagonismo é na da medición do peso dos Sectores Culturais e Creativos (SCC) no emprego e na produción dun país. E os datos son elocuentes: salvo algún período excepcional (como a presente crise) os SCC medraron de forma ininterrompida nas últimas décadas nas economías máis desenvolvidas. Nunha economía que se terciariza adquire maior importancia a produción de bens simbólicos e tamén a dimensión simbólica de calquera outro ben. Nese sentido, un dos cambios máis fondos que estamos a experimentar é o da redefinición dos dereitos de propiedade intelectual, como antes (hai séculos) fixemos cos dereitos de propiedade dos obxectos.

Diversos estudos están a evidenciar a correlación existente entre a riqueza das rexións en Europa e a presenza dos SCC. E a causalidade é circular: canta máis riqueza, máis SCC, e canto maiores sexan os SCC, máis riqueza na rexión. De feito, existe unha estimación segundo a cal un incremento dun 1% do peso dos SCC nunha economía nacional, xera un ascenso do 7% na produtividade dese territorio. A xuízo de Pau, os tres factores que condicionan o éxito dos SCC nun territorio son: a densidade da comunidade local (tecido asociativo, p.e.), a conexión global desa comunidade e a súa orientación á innovación.

2015 01 09 - paurausell23Outra dimensión da Economía da Cultura ten que ver co papel das políticas culturais no desenvolvemento territorial, aspecto que suscita o consenso de todos os organismos internacionais. Dado que ninguén nega a súa relevancia e centralidade, a cultura pasou a ser considerada o cuarto piar do desenvolvemento, xunto coa economía, a sociedade e o medio ambiente. A cultura satisface as necesidades dunha comunidade desde varias perspectivas: a atención aos dereitos culturais, o impacto económico das súas actividades e outros efectos beneficiosos sobre a integración social, a educación, a saúde, etcétera.

Nunha economía globalizada, a cultura e o patrimonio son das poucas alternativas que ten Europa para competir con vantaxe no ámbito internacional. Algún dos nosos coñecementos diferenciais, exportables a outros continentes, teñen que ver con facer cidades e espazos vivibles, ou como construír sistemas sanitarios e educativos que funcionen.

Xa no tramo final da aula, Pau Rausell fixo un repaso á historia dos conceptos que foron xurdindo arredor da política e da xestión cultural, como a crítica ás industrias culturais da Escola de Frankfurt, a democratización cultural en Malraux, a enfermidade dos custes en Baumol & Bowen (fito fundacional da Economía da Cultura), a xestión de Jack Lang ou Gilberto Gil ou Jorge Semprún, a noción de economía creativa do novo laborismo británico, o concepto de clase creativa na obra de Richard Florida, o capitalismo cognitivo en autores como Corsani, Scott ou Castells, e o capitalismo cultural en Jeremy Rifkin.

A sesión rematou cunha análise sobre as fontes de financiamento da cultura, sexan públicas, privadas e sociais.

 

* A foto vertical é da compañeira Adriana Castro.

Presentando os proxectos e despedindo o primeiro trimestre

Coas sesións do venres, 19 e sábado 20 de decembro, demos por concluído o primeiro dos módulos do Curso, o dedicado ao deseño e xestión de proxectos culturais.

Ambas sesións foron ben esixentes. O propio venres, na aula da Facultade de Económicas, os equipos expuxeron os seus proxectos para sometelos ao contraste avaliador do resto de compañeir*s. Mediante un sistema de anotacións en post-it cada equipo recibiu os comentarios, dúbidas e críticas que suscitaron as súas presentacións, dispoñendo así dun valioso feedback co que perfilar mellor as súas propostas cara o sábado. A sesión foi intensa: en ocasións os nervios afloraron, noutras a aula aplaudiu emocionada, e todo baixo a mirada atenta e escrutadora das cámaras de Andrea e Damián, soci*s da empresa miramemira encargada de realizar un vídeo sobre o Curso.

Coas impresións recibidas, os equipos traballaron arreo de noite para afinar mellor (ou remozar completamente) as súas presentacións.

2014 12 20  -museopobogalegoAo día seguinte quedamos ás 10:30 AM para realizar unha visita guiada ao Museo do Pobo Galego e coñecer un pouco máis a fondo o seu modelo de xestión. Ás 11:30 horas trasladámonos ao espazo cultural autoxestionado da Gentalha do Pichel, onde se realizaron as presentacións dos proxectos diante de tres sinalados profesionais da xestión cultural: Encarna Lago, xerente da Rede de Museos Provinciais de Lugo, Alberto García, politólogo e técnico de cultura do Concello de Boiro, e Julio Gómez, codirector de Sinsal Audio e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Os tres deron boa réplica e bos consellos aos proxectos presentados e ficaron gratamente sorprendidos polo traballo feito neste trimestre.

E finalmente desprazámonos ao restaurante O Dezaseis, onde concluímos a xornada e o primeiro módulo cun xantar de confraternidade no que puidemos relaxarnos e poñer a guinda gastronómica a tres meses intensos e vibrantes que nos puxeron a proba.

A nosa vindeira cita será o 9 de xaneiro, data final de entrega dos (ante)proxectos do módulo I e arranque do módulo II (Financiamento de proxectos culturais). O encargado de abrir ese segundo módulo será Pau Rausell, un dos meirandes especialista peninsulares en Economía da Cultura.

Que non decaia!

Comunicación cultural con Sonia Díaz e avaliación de proxectos

2014 12 12 luciaO pasado venres contamos coa presenza de Sonia Díaz, experta en comunicación cultural, e Marcos Lorenzo, titor do Curso, aos que se sumou a compañeira Lucía Pita, quen se ocupou de explicarnos un par de ferramentas útiles para a organización de tarefas (evernote.com) e o traballo en equipo (trello.com)

 

Comezou Sonia a súa exposición enumerando os elementos a ter en conta na comunicación cultural, a saber: emisor, mensaxe, receptor, código, canle, contexto e marco referencial. Para ilustrar cada un destes elementos recorreu aos exemplos de varios festivais de música: Reperkusión, SonRías Baixas, Portamérica e Resurrection Fest. Segundo Sonia, a comunicación cultural non pode ser intuitiva. Pola contra, debemos planificar a estratexia, determinar os obxectivos, identificar aos receptores e os códigos a empregar, elixir as canles, deseñar as mensaxes, emitir, retroalimentar as respostas e seguir mantendo aberta a canle.

2014 12 12 sonia 1A continuación, tomou o caso do Festival de Cans para sinalar os principais axentes a contemplar na comunicación cultural, é dicir, creador*s, distribuidor*s, produtor*s, financiador*s, mediador*s e públicos.

Así mesmo, revisamos modelos de plan de comunicación dun evento, que inclúe, entre outros os seguintes apartados: 1. DAFO e recomendacións; 2. Obxectivos cualitativos e cuantitativos; 3. Públicos: identificación e características (cun mapa relacional); 4. Estratexias e tácticas; 5. Soportes, códigos e canles; 6. Accións e materiais; 7. Cronograma; 8. Orzamento.

A intervención de Sonia concluiu cun contraste dos proxectos dos distintos equipos do Curso.

 

Pola súa parte, Marcos trasladounos os fundamentos da avaliación de proxectos culturais, empregando como manual de referencia o libro “Deseño e avaliación de proxectos culturais”, de David Roselló. Para Marcos, a avaliación é un tipo de investigación que se pregunta por todos os apartados do proxecto para tirar conclusións útiles e propoñer melloras. Un dos erros máis habituais, ao seu xuizo, consiste en confundir avaliar con fiscalizar, ou dito doutro modo, buscar culpables en vez de solucións.

Logo da introdución inicial, Marcos expuxo unha clasificación cos distintos tipos de avaliación segundo quen avalíe (interna ou externa), segundo o momento da avaliación (ex ante, intermedia, ex post, constante ou final), segundo o obxecto a avaliar (de contexto, de resultado, de proceso, de satisfacción, de equidade), segundo o método de avaliación (cuantitativa ou cualitativa) e segundo o enfoque da avaliación (reflexiva, experimental, transversal ou de opinión).

2014 12 12 marcosE a continuación describiu as distintas fases que implica a avaliación dun proxecto: fase de deseño (elaboración de indicadores e sistema de recolla da información), fase descritiva (a recolla en si da información), fase valorativa (o contraste cos valores de referencia), fase de proceso (análise das causas dos resultados), fase de toma de decisións (propostas de mellora) e fase de difusión.

Seguiu coa enumeración dos métodos e fontes para o acceso á información, como son os rexistros (estatísticas existentes, bibliografía), as medicións (conteo de persoas, entradas vendidas), cuestionarios, entrevistas en profundidade, entrevistas grupais e observacións anotadas no noso caderno de campo.

Unha vez rematada a exposición teórica, Marcos mostrounos o exemplo do ciclo literario “Galicia, Ceo das Letras”, celebrado en 2011 e 2012 na Cidade da Cultura de Galicia, e no que puidemos coñecer un cuestionario de valoración do público, así como un informe de avaliación dunha sesión do ciclo e o informe de avaliación final da edición de 2012. Posteriormente, os equipos da aula dispuxeron dun tempo para confeccionar os seus propios indicadores e expuxéronos ante *s compañeir*s.

A clase rematou cunha mostra dalgunhas memorias anuais de entidades e institucións culturais e cunha apelación de Marcos á necesidade de dotar de continuidade aos proxectos culturais, sobre todo se queremos que sexan realmente transformadores.

Introdución ao marketing cultural e técnicas de comunicación eficaz. Beatriz Fontán e Isabel Neira

O pasado 28 de novembro tivemos de novo sesión dobre. Por unha parte contamos con Beatriz Fontán, experta en marketing cultural e que nos axudou a traballar sobre as propostas de valor dos proxectos que están a desenvolver os equipos na aula. A continuación, Isabel Neira falounos das “claves para unha comunicación eficaz”, coa mirada posta xa na última sesión do trimestre, onde os grupos deberán presentar en público as súas propostas.

 

2014 11 28 beatrizfontánTendo en conta que adicaremos todo o terceiro trimestre aos aspectos específicos do “marketing cultural e da xestión de públicos“, Beatriz Fontán comezou a súa intervención realizando unha introdución xeral á terminoloxía e aspectos esenciais da mercadotecnia xeral.

Comentou que a pesar das connotacións negativas que arrastra o termo “marketing”, en realidade estamos a falar de estratexias para permitir un intercambio de bens, servizos ou coñecemento, polo que non necesariamente temos que pensar sempre en termos de vendas. Incluso nese caso, a venda dun produto ou servizo cultural pode ser un simple medio para acadar metas superiores: artísticas, educativas ou sociais. Polo tanto, a mercadotecnia non é boa nin mala en si mesma, xa que non deixa de ser unha ferramenta estratéxica para lograr os fins que nos propoñamos.

Nesta mesma liña citou a definición de Philip Kotler, o pai do marketing moderno: “Proceso social e de xestión a través do cal os distintos grupos e individuos obteñen o que precisan ou desexan, creando, ofrecendo e intercambiando produtos con valor para outros”. Esta referencia enlaza coa necesidade de que no deseño da nosa estratexia engadamos ás clásicas 4P’s (Prezo, produto, distribución (placement) e promoción) unha 5ª: as Persoas, esencial no noso sector. Partiríamos así para traballar en Cultura do “marketing relacional”.

O exemplo do Cirque du Soleil levounos a falar das estratexias do “Océano Azul”, das que nacen propostas que non teñen competencia, porque crean un territorio novo: “Se tes o mesmo punto de vista que todo o mundo, nunca crearás algo diferente”. Seguindo o fío, coñecemos o “Pensamento Lateral“, outra perspectiva que se basea en rachar coa liña dunha lóxica normal (unidireccional).

Antes de pasar á dinámica de traballo cos equipos de alumn*s, onde se definiron as propostas de valor dos seus proxectos, Beatriz reflexionou sobre a necesidade de que a estratexia de marketing saia de departamentos pechados e sexa transversal nas empresas e institucións. Este pensamento é moi similar ao que Juan Freire compartiu nunha anterior sesión, falando nese caso sobre a innovación e a necesidade de que tod*s academos unha formación básica nestas materias.

 

2014 11 28 isabelneiraPola súa parte, Isabel Neira achegouse ás técnicas de presentación e venda de proxectos, resaltando que aínda que o máis importante é a idea, o noso traballo como bos oradores pasa por identificar os obxectivos do que queremos transmitir e adaptalo ao público obxectivo ao que nos estamos a dirixir.

El medio a través do que realizamos a nosa presentación, os condicionantes do espazo, a posición que adoptamos con respecto ao auditorio, a comunicación non verbal y la conexión co público foron algúns dos moitos aspectos nos que profundizou antes de presentar algunha das características básicas do formato Pechakucha, no cal o alumnado presentará os seus proxectos o vindeiro 20 de decembro.

Falounos tamén de poñer o foco en sentir e crer firmemente no que estamos a contar, buscando tamén o estilo de presentación máis adaptado ao noso estilo comunicativo.

Outro aspecto a traballar é a empatía ou intelixencia interpersoal, esa capacidade de poñerse no lugar do outro e saber adaptar a nosa linguaxe e comunicación non verbal segundo o público obxectivo. Aquí entrarían aspectos como o entusiasmo, saber captar a atención, crear interese e ante todo, lanzar mensaxes claras, coherentes e cribles. En definitiva, temos que saber capturar a resposta da audiencia e reinventarse polo camiño, tendo sempre clara a mensaxe que queremos transmitir (IDEA) e trasladala repetidamente.

No último tramo mostrou exemplos de presentacións e resaltou que na valoración de proxectos, un aspecto de gran importancia para analizar a súa viabilidade é a solidez e complementariedade do propio equipo de traballo que defende a idea, incluso a veces máis que aspectos económicos ou do estado de madurez da proposta.

Gonzalo Rodríguez e Natalia Balseiro. Desenvolvemento e innovación na cultura

A sesión do pasado venres, 21-nov, contou coa presenza de Gonzalo Rodríguez, profesor de Estrutura Económica da USC e socio da empresa de consultoría ambiental e desenvolvemento Habitaq Estratexias, e de Natalia Balseiro, directora do congreso de danza e pensamento MOV-S, e exdirectora do Centro Coreográfico Galego. Gonzalo falounos do concepto de desenvolvemento e Natalia de novas formas de traballo en cultura.

 

gonzalo-rodriguezGonzalo Rodríguez comezou delimitando o obxecto da súa exposición: os procesos de desenvolvemento endóxeno e o papel que a cultura pode xogar nos mesmos. O desenvolvemento endóxeno, concepto acuñado en Italia e inspirado en ideas do economista Alfred Marshall, sería un proceso de cambio estrutural, liderado por axentes locais e orientado a lograr unha mellora nas condicións de vida da poboación. Algunhas características do desenvolvemento endóxeno serían as seguintes:

– Creación de redes locais de pequenas e medianas empresas de sectores diversos (ligado á noción de “distrito industrial”),

– cunha intensa relación entre si (ás veces de competición, ás veces mercantís, ás veces de colaboración, ás veces informais),

abertas ao exterior e con capacidade exportadora

– en sectores intensivos en traballo.

2014 11 21 Gonzalo RodríguezDeseguido, Gonzalo parouse na noción de distrito industrial. Segundo Marshall, o distrito industrial sería un organismo (onde todas as partes dependen entre si) conformado por pemes que son froito das peculiaridades socioculturais do territorio (a diferenza dos territorios dominados por unha única empresa) e que, dado o factor proximidade, intercambian un intenso tráfico de coñecemento. Os distritos industriais presentarían unha notable inserción territorial (dificultando a deslocalización de empresas) e unha forte densidade de relacións.

Para Gonzalo, os distritos industriais estimulan a innovación (condición necesaria para o desenvolvemento). Unha das claves para que se dea a innovación é que exista unha trama de relacións persoais, non mercantís, por onde circule o coñecemento. Normalmente a innovación non se presenta dun xeito explosivo (como no caso do chip de silicio) senón dun modo incremental (moitas pequenas melloras parciais que se van sumando). Para que un territorio adquira vantaxes competitivas sobre outros, debe dispor de recursos avanzados, é dicir, coñecemento especializado e tecnoloxía propia. E para rematar este apartado, Gonzalo fixo mención ao concepto de “milieu“, emparentado co dos distritos industriais.

A última parte da exposición de Gonzalo Rodríguez foi dedicada a mostrar un proxecto encargado polo Concello de Arzúa, de reordenación de usos do recinto feiral, no que se propuxo un mix de funcións culturais, turísticas, hostaleiras e de promoción da agricultura local ao servizo do desenvolvemento da bisbarra. Para finalizar, Gonzalo realizou un contraste con tres dos proxectos que están a elaborar os equipos da aula.

 

natalia-balseiroPola súa parte, Natalia Balseiro iniciou a súa intervención cuestionando a propia denominación como xestores culturais e reivindicando o papel destes profesionais como xerador*s de discurso e produtor*s de coñecemento, alén da tendencia a avaliar a cultura desde un enfoque meramente cuantitativo (número de espectadores, impacto económico, etc.). De feito, o propio concepto de “xestión cultural” xa levaría implícita unha carga administrativa e economicista que desvirtuaría a nosa función. Outras etiquetas preferibles para definir o noso traballo serían as de: produtor*s culturais, director*s artístic*s ou curador*s (tamén na súa acepción sanadora).

En consecuencia, algunhas das tarefas imprescindibles do noso oficio serían: observar, investigar, analizar e estar atent*s ao que sucede. E implicando á comunidade desde o principio se queremos garantir a utilidade social das nosas intervencións. A este respecto, explicou un proxecto realizado en San Sadurniño coa veciñanza, identificando as necesidades culturais e expresivas da poboación nun traballo de porta a porta. Para lograr esa implicación social non bastaría con consultar a mediadores sociais (ONG’s, tecido asociativo) senón que tamén deberamos contactar coa cidadanía desorganizada.

2014 11 21 Natalia BalseiroEn definitiva, é necesario unha maior énfase no proceso de traballo (non só nos resultados de traballo, no evento) e, para unha maior aprendizaxe e refinamento nas metodoloxías, habería que operar desde códigos abertos, mostrando o que pretendemos lograr e como o pensamos facer. Unha das virtudes de traballar dese xeito é permitir que xurdan colaboracións inesperadas con outros colectivos ou programacións coas que poidamos establecer lazos e reciprocidades.

Seguindo este fío, falounos tamén do labor de mediación que se está a desenvolver en varios proxectos, como TRC Danza no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, onde dentro dun novo concepto de “programación expandida“, procúranse vínculos entre o discurso, pensamento, obra e traxectoria d*s artistas e os proxectos da cidade e das persoas que a configuran.

No transcurso da súa exposición, Natalia propuxo un contraste entre este modo de proceder e as prácticas inerciais que adoitamos atopar na cultura. O ben común e a utilidade social deben situarse no centro das finalidades da acción cultural.

 

Produción de eventos e exposicións. Con Xulio Cordeiro e Bea García

Nesta nova sesión centrada en aspectos operativos da xestión cultural, tivemos a oportunidade de contar con Xulio Cordeiro, responsable de produción da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e con Bea García, directora da empresa de xestión cultural Micelios.

 

2014 11 14 xulio cordeiro e bea garcía (7)Xulio falounos das diferentes fases que comprende a produción dun evento cultural ao vivo. A comezar pola avaliación de necesidades, que debe realizarse en conversa cos promotores do evento (é dicir, cos/coas xestor*s culturais) e onde deben ficar definidos algúns parámetros como a data, a localización, o aforo, se se trata dun evento de balde ou de pago e os obxectivos da actividade.

A efectos de produción, a localización do espazo é crucial e debe ser documentada e medida con cámaras de fotos, cinta métrica ou metro láser, para a continuación realizar os planos coa axuda dalgunha ferramenta informática como o Autocad, Illustrator, Google Earth ou Sketchup. Desta análise poderemos deducir o cálculo dalgúns recursos básicos como os accesos, o valado, a seguridade, os servizos eléctricos, o escenario, os wc químicos, as barras, os aparcadoiros, etc.

Por outra parte teriamos as necesidades dos artistas participantes, e que se concretan no Rider Técnico e no Rider Hospitalario. Entre ambos deberamos dispor da información necesaria sobre a iluminación e o son, o vídeo, o backline (relativo aos instrumentos musicais), camaríns, hoteis, catering, transfers

Logo destas explicacións iniciais referidas á fase de preprodución, Xulio mostrounos algúns exemplos de Riders e trasladounos algúns consellos para unha correcta elaboración do orzamento de produción. E xa no que atinxe á coordinación da produción (fase de produción), indicounos algúns documentos necesarios como o planning de montaxe, a escaleta, as follas de coordinación de transfers, etcétera. E para rematar salientou a importancia de contar cun plan de autoprotección, así como prever correctamente os servizos sanitarios e de seguridade.

A súa parte da sesión finalizou cun breve contraste dos dous proxectos do Curso que se centran no deseño de eventos ao vivo.

 

2014 11 14 xulio cordeiro e bea garcía (19)Pola súa parte, Bea afondou na visión completa do proceso creativo e de xestión ligado á montaxe dunha exposición, dende a idea inicial ata a desmontaxe da mostra.

O primeiro paso sería a definición dos contidos (o relato). Para isto primeiro debemos concretar o que queremos contar, realizando unha investigación e documentación exhaustiva previa. Tamén debemos ter en conta o modelo de comunicación máis adecuado para a nosa exposición: informativo, pedagóxico ou relato (storytelling). Posteriormente decidiríamos as ideas principais, estructuraríamos por temas e subtemas e realizaríamos unha selección das coleccións que formarían parte da mostra.

Fixo especial fincapé na importancia de reflexionar ben sobre os obxectivos (por que queremos contalo?) e os destinatarios (a quen llo imos contar?) do noso traballo.

Entramos despois no terreo da expografía (os soportes do relato), onde definimos “como o queremos contar”. Aquí tomaremos as decisións sobre o espazo: zonificación, percorridos (libre, inducido ou estruturado”, distribución de coleccións e recursos. Tamén coñecemos aspectos a ter en conta na selección e deseño de recursos expositivos e mediadores comunicativos, entrando finalmente no terreo da produción, orzamento e planificación temporal da mostra.

Deixounos tamén varios exemplos de novas tendencias expositivas, tanto de enfoques “glocais” (temas universais con exemplos locais), propostas de baixo custo (exposición “povera”), como de novas narrativas e propostas transmedia, caso do proxecto “Pregoneros de Medellín

Traballo en equipo, orzamento e planificación. Con Mariela Villar e Miguel Martín

O pasado venres tivemos unha sesión con dúas partes ben diferenciadas. Na primeira metade, Mariela Villar, directora da empresa CCAMINA, falounos do desenvolvemento persoal e das chaves para un correcto desenvolvemento do traballo en equipo. Na segunda, Miguel Martín, xefe do Departamento de Promoción Cultural do Concello da Coruña, explicounos os fundamentos da elaboración de orzamentos, máis como ferramenta de planificación e control que como instrumento comercial.

 

2014-11-07-Mariela-2Mariela comezou a súa exposición preguntándonos que significaba para cada un / unha de nós as expresións “desenvolvemento persoal” e “traballo en equipo”. Xurdiron palabras como crecemento, confianza, evolución, adaptación á contorna, desafío ou intercambio de experiencias. Para Mariela, desenvolvemento persoal implica necesariamente cambio e aprendizaxe.

A continuación, indicou unha serie de características que definen a un equipo e o diferencian dun grupo. A saber: obxectivos comúns, obriga de participar para os seus membros, elevado compromiso, valores compartidos, reparto de tarefas segundo habilidades e capacidades, interdependencia dos membros, existencia dun líder ou responsable, autoavaliación constante e resultados colectivos. Os equipos deben buscar a forma de estimular aos individuos, pero estes tamén son responsables da súa propia motivación.

Así mesmo, transmitiu unha serie de pautas para garantir o bo aproveitamento das xuntanzas de equipo, como por exemplo: marcar unha orde do día clara, fixar os tempos para cada punto a tratar, plasmar os principais argumentos nunha acta, dispor dun moderador / condutor da xuntanza que a encamiñe a lograr conclusións prácticas e aplicables, así como fomentar a participación de tod*s *s asistentes.

Para rematar, remarcou a importancia de dedicar tempo a conversar sobre o propio funcionamento do equipo e a idoneidade dos seus procedementos. A exposición de Mariela finalizou cunha alusión á teoría dos seis sombreiros, de Edward de Bono.

 

2014-11-07-MiguelPola súa parte, Miguel Martín abordou aqueles aspectos da elaboración e análise de orzamentos máis relevantes para un/unha xestor/a cultural. En primeiro lugar mostrou a estrutura dos orzamentos públicos, explicando cada un dos seus capítulos e deténdose particularmente en tres deles: o capítulo 6, de investimentos reais (activos que adquire unha administración para darlle uso durante máis de un ano), o capitulo 4, de transferencias correntes (p.e., unha subvención ou unha bolsa para estudantes ou artistas) e o capítulo 2, de gastos correntes (alugueres, servizos de empresas externas, etcétera).

Deseguido, detallou a composición dos custes de persoal, diferenciando entre salario bruto e neto e explicando o cálculo de ambos para unha retribución anual, así como a aplicación do IVE e das retencións de IRPF no caso de artistas contratados (que emiten factura ou recibo segundo coticen en réxime de autónomos ou non).

Noutras orde, fixo mención ás amortizacións e á necesidade de imputar os gastos xerais (os custes de estrutura da organización que presta o servizo) a cada proxecto realizado, de forma proporcional. E a continuación expuxo un orzamento dinámico (coa evolución de ingresos e gastos no tempo) para ilustrar as tensións de tesourería que adoitan acontecer nos proxectos e empresas culturais. Segundo Miguel, boa parte da mortandade de empresas culturais non é debida á falta de rendibilidade dos negocios, senón a problemas de liquidez.

A sesión concluíu coa explicación do chamado “punto morto”, é dicir, o punto de equilibrio entre ingresos e gastos naqueles proxectos culturais con custes fixos e variables, como por exemplo unha obra de teatro, na que temos custes derivados da propia montaxe e outros asociados a cada unha das representacións. O “punto morto” sería o número de funcións, e o prezo por cada unha delas, para que a compañía de teatro non presente perdas.

Por último, amosou algunha ferramenta de planificación de tempos e tarefas, como o método PERT e os diagramas de Gantt.

 

* Fotografías realizadas pola nosa compañeira Alicia Padín

Definindo equipos e aproximándose aos aspectos legais

O pasado venres 31 de outubro quedaron definidos os equipos que traballarán xuntos durante as vindeiras semanas e adicamos a primeira parte da aula ao traballo práctico sobre os seus proxectos. Os titores do Curso, Sergio Lago y Marcos Lorenzo, foron os encargados de conducir a sesión.

Unha vez posto en común o traballo de diagnose realizado durante a semana, debatíronse e perfiláronse mellor as ideas, obxectivos e principais destinatarios, avanzando na esencia do proxecto: que imos a realizar, a quen vai destinado, que necesidades pretendemos cubrir e os principais argumentos de defensa da nosa proposta.

 

 

No último tramo da sesión realizamos unha aproximación ás obrigas legais que pode atoparse un xestor cultural na súa actividade. Neste sentido, fixemos mención en varias ocasións á excelente “Guía de boas prácticas da xestión cultural” da Asociación de Profesionales de la Gestión Cultural de Cataluña (APGCC). Outra fonte de referencia é a biblioteca técnica e lexislativa que está a xerar a Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos (AGASE).

Coñecimos tamén os aspectos máis significativos dos dereitos de autor e dos dereitos dos usuarios no contexto das actividades culturais, así como os diferentes marcos de traballo para operar legalmente como xestores culturais. Neste último punto parámonos especialmente nas contas do freenlancismo cultural, no tsunami de iniciativas animando  ao emprendemento cultural e creativo e, finalmente, no auxe do cooperativismo cultural en Galicia, unha forma empresarial que actúa tamén como ferramenta para a transformación social.

E arrancamos cos proxectos…

O pasado venres (24 – out) foron os titores do Curso, Sergio Lago y Marcos Lorenzo, os encargados de conducir a sesión. Como xa é habitual, iniciamos a clase repasando o aprendido na semana anterior, resolvendo dúbidas e avaliando o funcionamento do Curso.  A continuación Sergio e Marcos mostraron nun pantallazo a estrutura do proxecto que debemos elaborar no Curso, explicando o sentido de cada un dos seus apartados.

000-estrutura-base-proxectoO proxecto tipo foi dividido en dous grandes bloques, un descritivo, no que se atopan a Introdución, a Fundamentación, os Obxectivos, os Destinatarios e as Entidades Colaboradoras, e outro bloque operativo, do que forman parte os apartados de Metodoloxía, Accións, Resultados Agardados, o Calendario, a Localización, Recursos, Orzamento, Avaliación y Seguintes Pasos a Dar. Ademais, mencionáronse unha serie de documentos internos (que non é preciso compartir con clientes ou destinatarios) de gran importancia á hora de definir o proxecto, como son o Diagnóstico, a Estrutura Organizativa, o Plan de Produción, o Plan de Financiamento e os plans de Marketing, Comunicación e Medios.

Posteriormente, cada equipo desenvolveu unha choiva de ideas para comezar a definir a temática sobre a que se traballará ao longo do Curso. As ideas preliminares foron expostas e recollidas na pizarra, como podemos apreciar na seguinte imaxe.

Aula 24.10.14

Logo do descanso, Sergio e Marcos explicaron algúns proxectos “reais”, aprobados e executados. Non tanto como plantillas ou receitas a seguir ao pé da letra (a natureza dos temas que abordan e o perfil dos clientes aos que se dirixen fan de cada proxecto algo único), senón para mostrar diferentes opcións que poidan inspirar á aula. En concreto, Sergio expuxo algúns elementos sobre as orixes e as chaves de funcionamento do Culturgal, a feira galega das industrias culturais, da que foi director. Así mesmo, explicou someramente o proxecto Fábrica de Sel, en Muros, ligado á cultura mariñeira e ao patrimonio industrial das conserveiras.

Pola súa banda, Marcos centrouse na fase de conceptualización do FIOU, o Festival Internacional de Orquestras de Galicia, unha iniciativa a medio camiño entre a verbena tradicional e un macrofestival de pop-rock. O FIOU celebrouse en Cea (Ourense) en 2010, no marco do Xacobeo, e perseguía dignificar a festa e a cultura popular, así como servir de oportunidade de desenvolvemento local e visibilización da Galicia interior.

Para rematar a sesión, os equipos xuntáronse de novo para planificar a busca de información esencial (datos, documentación, ideas…) para cada un dos seus proxectos, con vistas á elaboración do Diagnóstico. Esta dinámica de traballo continuará o venres, 31 de outubro. Estamos pois dando os primeiros pasos, os equipos comezan a rodarse e os proxectos a coller corpo.

(* Foto destacada de Raúl Marín, compañeiro da aula)