E retomamos o Curso con Pau Rausell
Logo das vacacións de Nadal, iniciamos o segundo dos módulos do Curso, dedicado ao financiamento da cultura. Para iso, e a modo de clase maxistral, contamos con Pau Rausell, profesor da Universidade de Valencia e un dos meirandes expertos peninsulares en Economía da Cultura. Ao longo da súa exposición presentounos esta disciplina, cos seus principais debates teóricos e aplicacións prácticas.
Segundo Pau boa parte das ciencias sociais (humanidades, historia, socioloxía, antropoloxía, semiótica…) tratan de explicar a cultura no seu conxunto, nunha aproximación holística. Pola contra, a economía non aborda metas tan elevadas, senón que pretende achegar coñecemento útil para tomar decisións, e faino desde uns supostos de partida moi determinados: individualismo metodolóxico, maximización da utilidade e elección racional.
Para mostrar algún exemplo da aplicación da Economía da Cultura, serviuse dunha estatística de preferencia por asistir a ver monumentos segundo tramos de idade, do que puidemos deducir algunha conclusión que contradí certos tópicos. Por exemplo que os nenos e nenas son, de lonxe, o segmento de poboación que máis visita o patrimonio (e tamén o que máis le). Outra cousa é que o fagan por obriga (público cautivo).
Así mesmo, ensinounos un gráfico coa evolución da cota de pantalla do cine español, do que se podía derivar que, baixo distintos gobernos ou con diferentes políticas de promoción do audiovisual, a cota de pantalla mantívose inalterable, só con ascensos significativos naqueles anos en que se estreou unha nova entrega da saga Torrente.
Outra das ferramentas que empregan os economistas da cultura é o chamando Método de Valoración Continxente, e que consiste en elaborar unha enquisa na que se lle preguntan ás persoas canto estarían dispostos a pagar para que tal recurso patrimonial ou tal actividade cultural sigan a existir.
E unha das conclusións nas que a disciplina logrou maiores consensos até o de agora é no carácter aditivo dos consumos culturais, é dicir, que canto maior sexa o consumo cultural dunha persoa, maior satisfacción lle reportará as seguintes ocasións, en aberta contradición co que adoita suceder con outros bens.
Pero quizás unha das áreas onde a Economía da Cultura está a ter maior protagonismo é na da medición do peso dos Sectores Culturais e Creativos (SCC) no emprego e na produción dun país. E os datos son elocuentes: salvo algún período excepcional (como a presente crise) os SCC medraron de forma ininterrompida nas últimas décadas nas economías máis desenvolvidas. Nunha economía que se terciariza adquire maior importancia a produción de bens simbólicos e tamén a dimensión simbólica de calquera outro ben. Nese sentido, un dos cambios máis fondos que estamos a experimentar é o da redefinición dos dereitos de propiedade intelectual, como antes (hai séculos) fixemos cos dereitos de propiedade dos obxectos.
Diversos estudos están a evidenciar a correlación existente entre a riqueza das rexións en Europa e a presenza dos SCC. E a causalidade é circular: canta máis riqueza, máis SCC, e canto maiores sexan os SCC, máis riqueza na rexión. De feito, existe unha estimación segundo a cal un incremento dun 1% do peso dos SCC nunha economía nacional, xera un ascenso do 7% na produtividade dese territorio. A xuízo de Pau, os tres factores que condicionan o éxito dos SCC nun territorio son: a densidade da comunidade local (tecido asociativo, p.e.), a conexión global desa comunidade e a súa orientación á innovación.
Outra dimensión da Economía da Cultura ten que ver co papel das políticas culturais no desenvolvemento territorial, aspecto que suscita o consenso de todos os organismos internacionais. Dado que ninguén nega a súa relevancia e centralidade, a cultura pasou a ser considerada o cuarto piar do desenvolvemento, xunto coa economía, a sociedade e o medio ambiente. A cultura satisface as necesidades dunha comunidade desde varias perspectivas: a atención aos dereitos culturais, o impacto económico das súas actividades e outros efectos beneficiosos sobre a integración social, a educación, a saúde, etcétera.
Nunha economía globalizada, a cultura e o patrimonio son das poucas alternativas que ten Europa para competir con vantaxe no ámbito internacional. Algún dos nosos coñecementos diferenciais, exportables a outros continentes, teñen que ver con facer cidades e espazos vivibles, ou como construír sistemas sanitarios e educativos que funcionen.
Xa no tramo final da aula, Pau Rausell fixo un repaso á historia dos conceptos que foron xurdindo arredor da política e da xestión cultural, como a crítica ás industrias culturais da Escola de Frankfurt, a democratización cultural en Malraux, a enfermidade dos custes en Baumol & Bowen (fito fundacional da Economía da Cultura), a xestión de Jack Lang ou Gilberto Gil ou Jorge Semprún, a noción de economía creativa do novo laborismo británico, o concepto de clase creativa na obra de Richard Florida, o capitalismo cognitivo en autores como Corsani, Scott ou Castells, e o capitalismo cultural en Jeremy Rifkin.
A sesión rematou cunha análise sobre as fontes de financiamento da cultura, sexan públicas, privadas e sociais.
* A foto vertical é da compañeira Adriana Castro.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!