A cuarta edición do CEU en Xestión Cultural culminou hoxe o seu programa de sesións, cunha aula moi especial que tivo como eixo principal a presentación por parte do alumnado dos seus proxectos e casos de estudo. Algo que fixeron en diferentes momentos do curso, pero ata o de agora, nunca cos proxectos e casos de estudo rematados, xa que, desde a última exposición até o día de hoxe, as alumnas e alumnos do curso engadiron aos seus proxectos o plan de financiamento e o de comunicación.
Con esa documentación, e os coñecementos adquiridos nas últimas aulas, a presentación levouse a cabo dun xeito distinto ás anteriores: nesta ocasión, cada grupo ou estudante debeu destacar as dúas principais fortalezas e debilidades, ben do proxecto desenvolvido, ben do estudo de caso sobre o que traballaron, e responder ás preguntas de compañeiros e titores. A esta sesión tan especial acudiron, ademais de Marcos Lorenzo y Sergio Lago, os titores Diego Parajó y Sonia Díaz, xunto a Isabel Neira, codirectora do curso.
Os traballos dos equipos
Equipo 1. Arteixo
Comezaron as exposición @s compañeir@s do equipo 1, co seu proxecto Palpita Arteixo, consistente na creación dun mapa emocional, histórico e actual, do concello, vinculando a distintos colectivos mediante actividades para a súa elaboración baixo a fórmula dunha fundación. Como debilidades do seu propio proxecto destacaron a dependencia, para o correcto desenvolvemento do plan, dun amplo grupo de voluntariado. Unha circunstancia que pensaban paliar cunha potente campaña de comunicación. A segunda debilidade para o grupo residía no feito de que, ao ser unha actividade prolongada no tempo, as persoas puidesen perder o interese inicial, unha vez pasado o primeiro impacto da novidade. Sobre as fortalezas, destacaron o carácter innovador e integrador do proxecto e a súa filosofía de “ente vivo en continuo desenvolvemento”
Equipo 2. Tapia
Tapia Cultual consiste nunha semana de actividades culturais nun entorno natural e patrimonial como é o de Tapia, para as persoas usuarias dese espazo, pero tamén para -e con- os veciños e veciñas da zona, desenvolvida baixo a fórmula de autónomos asociados. Na súa exposición, @s integrantes do equipo desveláronnos que, a raíz das conversas que tiveran na fase de diagnose, xurdira un interese no proxecto Tapia Cultural por parte do Concello de Ames, do que quedamos á espera de novas. Polo momento, tocaba expor fortalezas e fraquezas. Con respecto ás últimas, o equipo destacou e dependencia case total dunha boa climatoloxía para desenvolver o proxecto, así como a dependencia económica ao cen por cen do orzamento municipal. Pola contra, as fortalezas que o equipo destacou son o gran apoio veciñal, e do propio Concello, e a dotación (aparcamento, servicios públicos, etc,..) coa que xa conta actualmente a praia de Tapia.
Equipo 3. Cuntis
No equipo de Cuntis desenvolveron como empresa o proxecto O Son das Pedras, que, lembremos, consiste na posta en marcha dun festival que terá como eixo temático fundamental a cantería, típica da zona. O festival terá certas actividades para público profesional, pero estará orientado ao público familiar e xuvenil. Segundo nos explicaron, O Son das Pedras ten como principais fortalezas a novidade que supón ser o primeiro festival coa cantería como alicerce principal e a situación das actividades, no castro de Castrolandín, a un quilómetro do centro da vila e cun notable interese de por si. En canto aos puntos máis febles da proposta, o equipo destaca o feito de ser unha sociedade limitada de nova creación, o que implica que ninguén ten unha referencia da empresa, e o feito de convivir, na época na que se desenvolvería o festival, con máis oferta cultural e de lecer xa consolidada na zona.
Equipo 4. Betanzos
O equipo do proxecto Arrepola Betanzos, formado en teoría por un grupo de técnicos municipais, trata coa súa proposta de revitalizar e recuperar un casco histórico en proceso de abandono con actividades culturais e artísticas, xogando, ademais, coa implicación da veciñanza a través, por exemplo, da memoria colectiva. O grupo expuxo na súa quenda as debilidades e fortalezas do seu proxecto. En canto a estas últimas, destacaron, ao ser unha actividade participativa, a creación de vínculos, entre as persoas participantes e coa organización, e o feito de contribuír á recuperación de espazos actualmente abandonados. No que respecta aos puntos débiles, trasladáronnos o feito de ser unha iniciativa nova e, por tanto, descoñecida, e precisar dun período preparatorio moi longo, co risco que iso supón de que a comunidade se desvincule por cansazo ou falta de actividades concretas.
Equipo 5. Illa de Arousa
No equipo que deseñou o proxecto Arte Brava –orientado á posta en marcha dun proceso participativo, guiado por profesionais especializados nestas dinámicas, para crear coa mocidade un programa cultural específico para ela- destacaron como debilidades da súa proposta o feito de ter como público obxectivo a mocidade, que ofrece grandes oportunidades, pero tamén grandes dificultades, xunto co feito de precisar persoal especializado en desenvolvemento de procesos participativos e a dependencia económica do Concello. En canto ás fortalezas, destacaron que a súa proposta susténtase nun profundo traballo de diagnose, co que teñen a certeza de responder a unha necesidade real, e que resolve a falta de políticas culturais específicas para a mocidade.
Equipo 6. Arzúa
En Arzúa, unha cooperativa tratará de activar unha rede de axentes do cambio formada por xente da zona, de diferentes idades e ocupacións, que tratarán de poñer en valor o seu modo de vida e o lugar no que se desenvolve para crear e reforzar comunidade. Como debilidades, o grupo destacou que é un proxecto difícil de explicar e que, ao ser Arzúa un concello rural, as tarefas do campo condicionan extremadamente a dispoñibilidade da xente en calquera actividade. Como fortalezas, indicaron que o proxecto facilita a creación dun espazo interxeracional que, ademais, xoga coa vantaxe de desenvolverse en Arzúa, que é un sitio xa coñecido, co queixo como referente, co que é fácil ubicar o proxecto no mapa.
Os estudos de caso
Este ano vari@s alumn@s optaron por desenvolver estudos de caso sobre proxectos culturais reais que se están a desenvolver. Velaquí as propostas analizadas:
Festival das Brétemas
As persoas que desenvolveron a análise do Festival das Brétemas explicáronnos as características desta proposta cultural e a súa filosofía e expuxeron, como debilidades, a falta dun plan de comunicación específico e a limitación de recursos económicos, así como a coincidencia no tempo con outras propostas. En canto ás fortalezas, destacaron o feito de ser o único festival en Galicia de carácter feminista e cun plan de protección fronte ás agresións machistas, así como o feito de dedicarse, cada ano, a unha temática ou enfoque cun cartel de artistas de calidade.
San Simón Fiddle
A exposición deste estudo serviunos para coñecer a iniciativa San Simón Fiddle, da que poucas persoas do curso escoitaran falar, e a súa análise amosounos fortalezas e fraquezas do proxecto. Con respecto ás segundas, cabe destacar a dependencia total do voluntariado para poder desenvolver a proposta, sumada ao escaso coñecemento -ao nivel do público xeral- da iniciativa, motivada á súa vez por unha escasa comunicación, hacia ese público, da mesma. Pola contra, as fortalezas destacadas foron o feito de ser único, ter carácter integrador e multicultural e, no eido da sostibilidade, ser un evento libre de tóxicos e contaminantes.
Feira franca medieval de Betanzos
O derradeiro estudo de caso levounos de volta a Betanzos, nesta ocasión para profundar nunha das citas principais da vila, como é a súa feira franca medieval. Un evento que suma xa vinte anos e no que, como principal fraqueza, destacouse o feito de carecer dun plan de comunicación específico, sumado á reiteración de mensaxes e á dependencia das canles de comunicación do Concello (web e redes). Como fortalezas, o feito de ser unha marca clara, contar con persoal especializado e ter, a organización, vontade de mellorar algunhas das cuestións que o proxecto, a pesar do seu éxito de público e a súa lonxevidade, non ten totalmente desenvoltas, como o antes mencionado plan de comunicación propio .
Pero, como vén sendo habitual, a derradeira sesión do curso tivo sorpresa, que chegou da man do xornalista e escritor Carlos Meixide, que nos ofreceu un monólogo para rematar cun sorriso a cuarta edición do curso.
E por se iso non era suficiente para rematar por todo o alto, despois de despedir a Carlos Meixide achegámonos até o veciño Auditorio de Galicia, onde, xustamente á hora na que nós deixabamos a aula definitivamente, inaugurábase a exposición Català-Roca en Galicia, comisariada por Anxo Rabuñal, na que, no seu día, puidemos facer unha práctica da man de Agar Ledo, con quen aprendimos todos os detalles da produción dunha exposición. Así que, literalmente, pechamos o círculo que comezamos a trazar en outubro de 2017.
Agora, para parte do alumnado aínda quedan prácticas profesionais que desenvolver e, a outra parte, seguirá co seu traballo ou cos proxectos que xa desenvolvían. A tod@s desexámoslles moitísima sorte en todo canto emprendan e agardamos que este tempo, de #aprendercompartindo e #aprenderfacendo, teña sido tan agradable e construtivo para elas e eles como o foi para nós.
E, agora, o que nos toca ao equipo do curso é traballar na vindeira e quinta edición.