O proxecto cultural. Deseño integral. Avaliación e continuidade dos proxectos. Marcos Lorenzo e Sergio Lago
Por: Agustín Bolaños
1 – Esa tarde estaban con nós Sergio Lago y Marcos Lorenzo e comezou a sesión coa habitual avaliación da sesión anterior con Miguel Martín. Comentouse que é fundamental o tema dos orzamentos, mais foi demasiado comprimido e “de sopetón”, unha clase de realidade que deixounos KO e fíxonos derrubar proxectos case que por completo.
(En homenaxe ó que nos deixou a sesión anterior, escoitemos ésta peza durante a lectura: https://youtu.be/-0kcet4aPpQ)
Segundo Marcos Lorenzo: “Entran os temas económicos e esa idea perfectamente armada, esa programación tan bonita, ten un coste criminal, totalmente inasumible e hai que rebentar esa programación”. Pois si, foi unha masacre.
(Para cando teñades un momento despois: O Ogro da Economía, https://youtu.be/QdkFYPJGi6o)
O feito de que a aparición de temas novos (producción, orzamento, etc.) produza que haxa que repensalo todo, fai que adquiramos conciencia da grande importancia que teñen eses temas.
Falouse do enfoque da sesión, non tanto por si mesma, como polo momento axeitado no proceso de creación dos proxectos do curso.
E mentres os poñentes loitaban co proxector, as dilixentes alumnas e alumnos debatían sobre o anteriormente falado, ou facían plans para a Semana Santa ou a viaxe a Portugal.
As dilixentes e os dilixentes
2 – Ó comezo da sesión xa o anunciaba Sergio Lago, que a tarde prometía “outra apaixoante sesión que vamos a ter” de:
“Fórmulas xurídicas para operar como xestor cultural”.
(Queda dito por diante que NON recomendan TRABALLAR EN NEGRO, por suposto.)
A sesión centrouse no caso de, se queremos traballar no sector cultural, como podemos facelo legalmente e coas leis que nos afectarían como traballadores. No ámbito no que estamos a falar, a xestión cultural, centrarémonos no traballo por conta propia, tanto de xeito individual como en equipo.
A nivel individual, hai traballos que podemos cobrar como colaboracións esporádicas (charlas obradoiros, etc.) e despois temos xa a alta no réxime de autónomos (RETA). Comentamos como os límites nos que se poden cobrar estas colaboracións esporádicas moitas veces atópanse nun limbo legal, especialmente se comezan a ser unha actividade “habitual”. Se ese é o noso caso, deberiamos facturar coa retención de IRPF correspondente (15% é o común) e constaranos na declaración da renda como “rendementos do traballo”.
O tema dos autónomos é o grande tema desta parte da sesión, xa que a grande parte dos traballadores por conta propia do sector están baixo este réximen. Fixo fincapé na resposablidade persoal que temos en coñecer qué aspectos legais e tributarios son os que nos afectan, e tamén que temos que esixirllos a quen lles ofertamos o noso traballo: exencións de IVE ou os diferentes tipos de IRPF.
Tamén falamos do duro que é ser autónomo neste país e o diñeiro que teriamos que gañar para, despois de pagar tódalas cuotas e impostos, ter un salario digno dese nome.
Outra parte da sesión foi a que atinxía ás posibilidades de traballar en grupo. Nesta parte falamos de contratos privados, de colectivos informais e as U.T.E, constituídas éstas por autónomos e orientadas maiormente a licitacións. Tamén falou sobre as sociedades que se podían constituír e as cooperativas, chamando a atención sobre os novos modelos de cooperativas de facturación. Neste caso, indicou que cada comunidade autónoma ten a súa lexislación particular e hai que coñecela para poder usar este tipo de servizos.
Rematou a sesión lembrando que temos á nosa disposición moito material no espazo que compartimos na carpeta virtual do curso. E con isto fomos todos a tomar un café.
Os profes felicitándose porque o alumnado chegara esperto ó tempo do descanso
3 – Avaliación de proxectos culturais
E despois da pausa, voltamos á aula para que Marcos falara da avaliación de proxectos.
(Aquí teño que facer unha pausa e confesar que o material que recollín borrouse da memoria que levaba. Deste xeito, á hora de facer o resumo, só teño un par de follas escritas, unhas fotos e a inestimable axuda da miña compañeira Adela, que tivo a xentileza de pasarme as súas notas. A ver que sae)
En que consiste avaliar? Era a súa primeira pregunta. Antes de contestar, comentou que ningún dos nosos proxectos tiña obxectivos cuantitativos reais. E sobre iso facemos a avaliación dos mesmos, sobre os obxectivos previos á creación dos proxectos, tanto máis canto máis grande ou complexos sexan.
O deber do xestor cultural é asumir a avaliación coma unha parte intrínseca do seu traballo. Así, unha avaliación é unha investigación sobre o proceso e sobre os resultados do proxecto. Aquela, permítenos adquirir coñecementos sobre nós e o noso traballo, permitíndonos aprender como organización.
Outra pregunta que formulou foi: está presente a avaliación no nosa contorna/política cultural?
Non, non é habitual nin temos ese costume. Isto é así porque asociamos avaliar con fiscalizar, acusar a alguén, personalizar o erro, o medo ás consecuencias. Buscar culpables no canto de buscar solucións.
Para que avaliar? Para mellorar os nosos proxectos e o noso modo de funcionamento. Tamén para dar unha imaxe de profesionalidade, baseada nunha documentación interna, que podemos ofrecer ós posibles clientes. Temos que ser, así mesmo, conscientes de que ningunha avaliación é neutra e, como en calquera investigación social, hai gañadores e perdedores.
Neste punto da charla, tanto Marcos como Sergio, aconselláronnos, por enésima vez, o libro de David Roselló, “Diseño y evaluación de proyectos culturales”, no que estaba baseada a sesión e tamén é referencia para unhas cantas máis das anteriores e das futuras.
Lembren que o 23 de abril está próximo.
Vimos someramente os tipos de avaliación, as ferramentas que podemos empregar para facelas e as fases nas que está dividida. Aquí, recalcou algo, que por obvio, non deixa de ser pertinente sabelo: “DEFINIR O PROXECTO”. Atopar indicadores que podamos empregar e poder asignar eficazmente os recursos que temos, son dúas pezas fundamentais se queremos que o proxecto saia adiante. Na investigación podemos atopar moitas cifras, que serán o que nos dean os volumes, as dimensións, do proxecto, e as entrevistas que aportarán historia que lle dará ese valor engadido diferente.
Así, Marcos puxo coma exemplo a súa experiencia no proxecto “Galicia, ceo das letras”, relatando as diferentes ferramentas que empregaron para facelo e melloralo nas seguintes edicións. Para rematar, fixemos un caso práctico no que tiñamos que identificar nos nosos proxectos, tres indicadores de proceso (aqueles que avalían a organización) e tres indicadores de resultado (avalían se logramos os obxectivos)
E con isto, rematamos esta sesión, cunhas gañas tremendas de coller as vacacións!!! Ata a próxima!!!
”Ánimo Marcos, que este ano saen proxectos chulos”
Parte do alumnado, entusiasmado ante as vacacións
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!