Viaxamos ao Courel para coñecer iniciativas sobre paisaxe, patrimonio e cultura
O Curso trata de posibilitar o coñecemento directo de diversos contextos culturais. A través das experiencias que o equipo docente, composto por profesionais de diversas áreas de especialización e contornas de traballo, comparte nas aulas. Pero tamén a través de visitas que facilitan o contacto con esas realidades .
Nesta ocasión, un convite da Fundación Uxío Novoneyra levounos ata o Courel. Cunha primeira parada na súa Estación Científica. Nela puidemos coñecer o MOOC sobre xestión creativa do patrimonio e a paisaxe rural desenvolto por varias entidades, entre elas a propia fundación.
O noso anfitrión, Uxío Novo, falounos tamén do Courel como espazo literario. E o paisaxista Pedro Calaza falounos da importancia de entender a paisaxe para poder valorar mellor a súa importancia.
De Seoane a Parada
A visita permitiunos coñecer Seoane do Courel, onde tivemos ocasión de gozar dunha noite cultural no pub Hydra, que contou con Leo de Matamá. E, ao día seguinte, dunha visita á ferrería Locay, no seu momento a hidráulica máis grande do Estado.
Tamén dun percorrido a pé dende a ferrería ata Parada, no que descubrimos cuestións moi interesantes. Como, por exemplo, a relación entre a explotación do ferro na serra e a existencia dos soutos.
No corazón da fundación Novoneyra
Na aldea de Parada, a máis chá do Courel e referenciada mesmo no famoso mapa de Domingo Fontán, atópase a Fundación Uxío Novoneyra. A que foi casa do poeta é hoxe un espazo museístico e de nacemento e xestión de diversos proxectos culturais. Un lugar no que conflúen cultura, patrimonio e memoria. Escenario do Festival dos Eidos, é tamén fogar.
Percorrelo da man de Uxío Novo, gozar dos seus coñecementos, da súa memoria e da súa arte para recitar, foi para todas nós un agasallo incrible. Moitísimas grazas! 😊
Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home…
HEIN d’ir o Pía Páxaro i a Boca do Faro
deitarme na Campa da Lucenza nun claro.
Hein d’ir á Devesa da Rogueira i a Donís
ó Rebolo á Pinza i ó Chao dos Carrís.
Hein d’ir a Lousada i a Pacios do Señor
a Santalla a Veiga de Forcas i a Fonlor.
Hein d’ir ó Cebreiro pasar por Liñares
rubir ó Iribio a Cervantes i a Ancares
Hein d’ir a Cido i a Castro de Brío
baixar i andar pola aurela do río.
Hein d’ir a Céramo cruzal’o Faro i entón
debrocar pra baixo cara Oéncia e León.
Hein d’ir a Vales i a Pena da Airexa
i a un eido solo onde ninguén me vexa.
(Os Eidos, Uxío Novoneyra)
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!