Diagnóstico, necesidades e oportunidades con Ana Lorenzo
Por Juan de Castro García
Comezamos esta cuarta sesión deste noso curso coa presenza na aula de Marcos Lorenzo y Diego Parajó no equipo de titores e Ana Lorenzo como a poñente desta xornada. Antes de que a xentil Ana Lorenzo comece o seu relatorio, os alumnos e titores do curso abordamos as seguintes cuestións preliminares:
Marcos considerou oportuno facer un breve resumo e balance do último relatorio a cargo do ilustre Alfons Martinell. Este relatorio foi relevante polos seus contidos e pola visión de “longo recorrido” que pode aportar unha figura como Martinell, que vén das orixes da xestión cultural a nivel nacional. Ao requirimento de Marcos sobre a nosa opinión da mesma xurdiron diversos comentarios e críticas, moitos positivos polo nivel e experiencia de Alfons mais tamén foron contundentes as críticas no aspecto da mencionada “axenda de colegas” á que se refería o poñente como instrumento transcendente á hora da consecución de determinadas tarefas, alegando os alumnos que non debera ser este un método de garante de éxito. E como non, saíu á palestra, a omnipresente precariedade de estratexias e plans culturais de Galicia en comparación coa Cataluña de Martinell. Despois de finalizar esta ristra de pareceres sobre a xornada previa, pasamos a presentar a un novo compañeiro do curso: Pablo Pérez Dominguez, de Carnota. Benvido ao mundo do “culturismo”!
Para finalizar estes intres de resumo do desenvolvemento do curso, Marcos fíxonos comunicarlle xa o lugar escollido por cada grupo como destino do seu proxecto, quedando definidos do seguinte xeito:
- Grupo 1: Arteixo
- Grupo 2: Praia Fluvial de Tapia (Ames)
- Grupo 3: Cuntis
- Grupo 4: Pontevedra (logo substituído por Betanzos)
- Grupo 5: Illa de Arousa
- Grupo 6: Arzúa
Posteriormente ás últimas alegacións e comentarios sobre as razóns que motivaron a escolla do lugar do proxecto, Diego Parajó, de xeito un pouco acelerado pola carencia de tempo, describiunos uns primeiros parámetros e modos de funcionamento na nosa “biblia” da xestión de proxectos, o “alpha e o omega” da organización de tarefas varias, a ferramenta estrela dos “multi-task”. Estamos a falar de… TRELLO!!
Diego amósanos certos usos de claves, enlaces, estruturas e xeitos de traballar con Trello tomando como referencia o seu propio taboleiro, así como tamén anúncianos a inminente creación pola súa parte dun taboleiro para cada un dos seis grupos do curso, o cal será utilizado como facilitador para os alumnos e como ferramenta de puntual seguimento para os titores. Para rematar a súa intervención emprázanos a unha reunión para o seguinte venres a esta clase, co fin de trasladarnos as primeiras premisas con respecto ao modo de traballar, e como organizar o noso taboleiro en Trello. Quedarían pois xa pola súa parte os medios definidos para iniciar a tarefa de diagnose coa que arrancamos a construción do noso futuro proxectazo.
E por fin, tócalle a vez a Ana Lorenzo, que coma todo o grupo de docentes, atesoura unha experiencia e traxectoria digna de devecer. Entre os seus talentos advírtese de xeito indubidable a implicación no campo das accións máis cooperativas, participativas e/ou colaborativas. Dato moi relevante é o seu paso pola dirección de Coop57, adaíl da banca ética e participativa. A sesión desta tarde polo tanto, promete.
A súa vontade é ilustrarnos sobre a elaboración da diagnose no eido dos proxectos culturais así coma a súa fundamentación e os diferentes métodos de recollida e análise desta información. Comeza a súa clase informándonos que vai intentar ser áxil e de que vai arengarnos para ir avanzando sobre as materias que ten intención de tratar. Go ahead!
Cuestionarnos para que serve a diagnose, a cultura en xeral para as necesidades humanas. É a pirámide de Maslow colonialista? Temos todos as mesmas necesidades? Así de súpeto, Ana descolócanos e xera un debate moi aberto, xa co cal advertimos nas súas dotes docentes unha grande compoñente de liberdade e respecto polas ideas alleas, facilitador isto dese saber no cooperativismo do que pode facer gala.
A continuación, e tendo presente o debatido anteriormente, Ana invítanos a facer unha análise destes métodos por medio de tres exercicios:
- Primeiro: mediante unha relación de necesidades e satisfactores divididas en categorías axiolóxicas e necesidades existenciais, na cal marcamos e argumentamos as que consideramos oportunas.
- Segundo: a partir dun cadro resume de estatísticas culturais de 2006 a 2015 facemos por grupos unha análise e interpretación dos datos aí reflectidos, puntualiza que sexamos obxectivos cos datos, soamente comparar e extrapolar se realmente temos outros indicadores fieis e sen interpretar coas nosas experiencias e coñecementos.
- Terceiro: por medio de entrevistas determinadas sacar conclusións das mesmas sen caer na subxectividade.
Despois destes preámbulos sobre o bo facer coas diferentes ferramentas, entramos de cheo na metodoloxía habitual empregada para saber e pescudar os indicadores que van a darnos esa diagnose. Estas clasificaríanse formalmente do seguinte xeito:
-Perspectiva distributiva estatística.
O que busca este apartado é coñecer que podemos facer e de que pode valer. Sempre sobre datos reais coa intención de DESCRIBIR a realidade. As conclusións sácanse relacionando unhas estatísticas con outras, debendo compararse coas que teñan menos límites e fronteiras.
-Perspectiva estrutural cualitativa.
Baseándonos en entrevistas e grupos de discusión, construiremos un relatorio que nos permita EXPLICAR esta realidade ou escenario concreto. As recomendacións para esta práctica van desde o uso de diferentes grupos e posicións ou utilizar gravacións para non perder outra información relevante coma risas ou silencios. Outro consello a este respecto das entrevistas é non facerlle aos individuos as preguntas que nos facemos a nós mesmos. Remarcar que este tipo de instrumento expresa en maior medida as necesidades ou expectativas que os datos fieis e concretos, xa que no eido social o discurso é moi importante e condiciona o que se fai ou non se fai, é unha realidade en si mesma. Outro aspecto das entrevistas e análises de discurso é que son unha reprodución social de por que certos valores impóñense a outros. Con isto debúxanse fronteiras nos discursos que queremos superar e/ou descubrir.
-Perspectiva reflexiva-participativa.
Para coñecer os límites da realidade o mellor proceso é transformala. Tendo en conta isto tamén podemos salientar o valor de pasar á acción, de facer e executar para TRANSFORMAR, sendo este o noso obxectivo último. Neste apartado aparece o famoso MAPA DE AXENTES, conxunto de entidades, organizacións e grupos sociais (formais e informais) dun territorio, que segundo o seu posicionamento en afinidade e en capacidades poderán ofrecernos diferentes frontes de acción. A relación con estes axentes é fundamental para o acollemento, espaldarazo e seguemento do proxecto. É preciso a identificación destes e ter definido o seu estatus e capacidade real na poboación sometida á diagnose. O mecanismo de éxito é incorporar os axentes ao proxecto, a participación. A primeira ferramenta será cuestionarse quen somos, onde estamos, quen estamos e quen falta. Para isto podemos utilizar un sociograma.
Neste organigrama dispoñeríamos os axentes segundo o poder transformador e executivo que posúe e a súa posible afinidade co proxecto en construción. Facemos aquí unha parada na disertación de Ana para entre todos facer unha relación destes axentes e posicionalos a continuación no sociograma segundo os parámetros falados. Este mapa oriéntanos sobre moitas realidades, por exemplo que a relación cos axentes de máis poder implica máis axuda para a realización do proxecto, oriéntanos sobre con quen debemos dialogar ou facer partícipes, e tamén sobre os que non están e deberamos incluír. Subliñemos que este método de observación colócanos tamén nunha estratexia de organización e obxectivos.
Superado xa o tempo da aula damos por rematada a xornada cun bo sabor de boca, por ter contado cunha gran comunicadora e profesional no eido da participación e o cooperativismo, mecanismos estes reais de transformación social entre todos e con todos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir!