21 maio | Contraste final de proxectos

Presentación e contraste na aula dos proxectos finais do alumnado

En todas as edicións repítense sesións que son, en realidade, fitos do Curso. Como por exemplo, a que adicamos no mes de decembro a coñecer os anteproxectos do alumnado e que adoitan de ir acompañadas, tralos nervios desa primeira exposición, dunha charla sobre cuestións de especial importancia para a xestión cultural, como a que ofreceron Ángeles Miguélez e Encarna Lago sobre inclusión e sostibilidade. Co paso das semanas, ese primeiro anteproxecto convértese nun proxecto cada vez máis sólido, ao que se lle incorpora contido a medida que avanza a formación. E así, un bo día, atopámonos en pleno contraste de proxecto con financiadores e deseñando a comunicación.

A última sesión de cada edición ten sempre algo de festa… e non só polos pinchos de despois! Supoñen unha última presentación e contraste sen presión, porque o traballos, a esta altura, xa foron entregados. E, ás veces, hai algunha sorpresa ou proposta de actividade de parte do equipo promotor que contribúe a darlle un toque distinto á xornada. Ata esta edición, no que a sorpresa cambiou de bando 😊

Pero imos por partes: o día antes, na sesión anterior, oalumnado adicara a tarde a achegarse, da man de Sonia Díaz, ás claves de accións de comunicación como a rolda de prensa, a entrevista, o discurso ou o canutazo. Fórmulas que, ademais, deberían empregar, de maneira libre e creativa, na xornada de peche do Curso.

E así chegamos a esta xornada, na que re-descubrimos os proxectos que xa coñeciamos dende a perspectiva da comunicación cultural. Ademais con risas e aplausos!

O que nós non sabiamos é que esta edición, na que tantas sesións tiveron que celebrarse en liña e na que ademais nos achegamos tanto á cultura dixital, non podía acabar sen un hackeo…

 

Os premios Culturiña

Foi nun momento da presentación do equipo de Tomiño-Vilanova da Cerveira. Cun chío ficticio, unha intervención do público (Elena, falando desa culturiña que coidar) e, de pronto, o equipo de Cambados, exercendo como comisión de festas, deu paso aos premios Culturiña para docentes e equipo promotor… imaxinade as nosas caras! Non coñecemos comisión de festas mellor nin premios máis riquiños:

 

 

Coas máscaras non se nos ve ben, pero se vos fixades un chisquiño, nesta foto vésenos moi, moi contentas. Foi unha xornada de peche estupenda, que seguiu coa festa de rigor e que lembraremos durante moito tempo, igual que lembraremos ás persoas que quixeron formar parte desta sexta edición para #aprenderfacendo e #aprendercompartindo connosco. Grazas!! 💙

Plan de comunicación cultural (II). Con Sonia Díaz

Por Tania Carreira

Na penúltima clase do curso volvimos abordar o tema do plan de comunicación cultural. Xa a primeira parte con Sonia superou expectativas, dado o ben que comunica e o ameno das súa clase. Desta volta, Sonia falounos das distintas accións de comunicación das que dispomos:

  • A rolda, que non de prensa, porque curiosamente case nunca hai prensa. Entón? Por que esta acción? Para dar espazo aos distintos axentes involucrados no evento, chámense patrocinadores, artistas, poboación a ter en conta… Con esta acción estamos creando recursos para unha percha informativa.
  • A entrevista, co fin de establecer a persoa responsable do proxecto.
  • O discurso. Segundo Sonia esta acción está desaproveitada, producíndose máis ben no ámbito informal. Dalle moita importancia o feito de preparalo ben porque nel se poden poñer de manifesto os valores que queremos destacar do proxecto.
  • O canutazo.

 

Amosounos o contido dunha escaleta para ter en conta distintos aspectos antes de levar calquera acción de comunicación:

  • Que, cando, onde
  • Quen participa
  • Como
  • Tamén incluír o argumentario para evitar que se repitan os temas ou que algún punto poida quedar fóra.

Xa sobre o desenvolvemento do acto debemos ter moi presente o protocolo, que está determinado por lei. Os actos oficiais clasifícanse de dúas maneiras, segundo por quen son organizados:

  • Por institucións públicas, onde xa está establecida unha orde de prelación, definida no Código de Ceremonial y Protocolo.
  • Privados, onde deberemos achegarnos o máximo posible a prelación legal, aínda que cunha certa marxe.

Outras necesidades a ter en conta, que non van definidas na escaleta pero que é moi importante ter en conta son a imaxe, proxección, cadeiras, atril -de pé ou non, segundo sexa o evento-, microfonía… Algúns puntos importantes a ter en conta son:

  • Todas as ocasións son de comunicación, poidamos ou non predefinilas. Pero a comunicación vaise a dar sempre.
  • Debemos ter moito coidado coas persoas que temos previsto que asistan pero que non van falar, porque probablemente si sairán na foto.
  • Hai que ter en conta a presenza dos patrocinadores nas nosas accións de comunicación según o acordado.

 

Xa na segunda parte da clase tocou pasar á práctica e deseñar distintas accións de comunicación por grupos que servirán, na derradeira sesióndo Curso, para presentar os nosos proxectos.

20maio | Plan de comunicación cultural

Mediación dixital. Con Ruth Sousa

Por Sara Pardo

Nesta sesión, Ruth Sousa empezou falando dos públicos máis xerais e a problemática que supoñería facer un evento cultural dirixido á todos eles, sen ningún criterio de especificación. Algo que é para todos os públicos non vale, porque perdería a focalización do noso proxecto cara un público determinado e faría que os públicos cara ós que realmente nos diriximos se perdan entre a xeneridade dos públicos abertos.

A crise sanitaria fixo que moitas persoas comenzaran a consumir contidos dixitais a través de plataformas e redes sociais. Así naceron os públicos dixitais, que xa tiñan cabida na Rede antes da pandemia, pero que experimentaron un crecemento frenético por mor das condición sociais e sanitarias do último ano. Así, estes públicos dixitais non son un simple destinatario, senón que tamén interactúan e crean contido por eles mesmos: son os chamados prosumidores. Non todos os prosumidores son activos nas redes, xa que existen moitos públicos que teñen que sortear certos obstáculos que lles impiden participar de forma activa nestas comunidades dixitais: non toda a xente dispón dun equipo tecnolóxico funcional para interactuar (o que ocorre moito nas zonas máis rurais) nin da información necesaria dispoñible nese momento para acceder á actividade e por exemplo, outros sinten certa inseguridade por non estaren acostumados ós diferentes usos desta tecnoloxía.

Nestes momentos os eventos culturais fanse de maneira case dixital, por este motivo nós, como asociacións ou grupos a cargo de diversos proxectos culturais  podemos traballar nas nosas propostas de valor e enfocalas cara o mundo dixital, que é o que está imperando dende fai moito. Co obxectivo de crear puntos de encontro distintos podemos empregar as ferramentas como espazo de traballo colectivo (fálase entón dunha estratexia) coa intención de aumentar a nosa interacción coa audiencia, expandir de forma simultánea a través de varias canles a nosa mensaxe ou mesmo avaliar en tempo real os efectos (positivos ou negativos) da nosa estratexia.

Cómpre destacar a creación dunha páxina web que englobe tódolos datos e apartados explicativos do noso proxecto. Esa será a pedra angular da nosa estratexia dixital, onde subiremos os arquivos fotográficos, vídeos… etc. Pero lembrade que o importante non é tanto a páxina web en si mesma, senón as actualización dos contidos que a xeran. A nosa información deberá estar centralizada e activa, cunha estructura adaptable ó que queirades contar e dispoñible para as persoas con diversidade sensorial. Tamén pódense incorporar sistemas de monitoreo da nosa audiencia. Por último, non se debe esquecer que a Web ten que ser intuitiva para as persoas recén chegadas, visualmente atractiva e nela deben estar incluídas os datos e canles de contacto.

Para analizar a audiencia dentro das páxinas web podemos contar con ferramentas como Google Analitics ou se queremos empregar canles de comunicación directa cos nosos seguidores podemos usar Mailchimp, que permite enviar correos a unha lista de contactos predeterminada (na versión de balde 2000), outra menos coñecida é Sendingblue. Para manter o contacto sempre podemos empregar plataformas de mensaxería máis actuais como Whatsapp (ou a súa versión máis profesional WhatsappBusiness) ou Telegram. Sempre é importante establecer unhas normas de uso nas distintas canles de comunicación que empreguemos para evitar futuros altercados.

As redes sociais son unha das opcións máis recentes e dinámicas que temos a nosa disposición para comunicar calquera tipo de proxecto. É das opción máis participativas actualmente debido a súa inmediatez, achegamento directo ao público, creación de contidos e construción dunha imaxe propia, sen contar a súa capacitación de (auto)análise. Sen embargo, as redes tamén cambian frecuentemente de contido, tácticas e formato. As máis coñecidas son:

  • Páxina de Facebook: Ofrece unha imaxe corporativa, ademáis de favorecer unha descripción dos nosos contidos e previsualización de contactos. Estas páxinas xestionánse a través dun administrador e un editor, polo que é moi doado a repartición de tarefas. Entre as recomendación para a súa xestión está a de escribir textos claros e lexibles, non abusar dos emoticonos, equitetar persoas de forma frecuente, imaxes e vídeos en boa calidade e que non sexan moi longos (a gran maioría dos usuarios só visualizan 45 seg. de vídeo de forma xeral).
  • Perfil en Instagram: Esta rede é a máis usada entre a xuventude, cun perfil de idade dos usuarios entre 15 e 42 anos. A súa particularidade máis salientable é que é máis visual ca calquera outra rede social, polo que o mellor é non empregar textos demasiado longos. Os tan famosos hashtags mellor empregalos de forma concreta, así como os vídeos longos (se son máis de 60 minutos pasan a Instagram TV). Esta rede permite facer vídeos en directo, vídeos curtos chamados Stories que se eliminan en 24h e Post regulares
  • Twitter: É a rede de divulgación e de cultura máis popular, xa que sirve de ponte entre persoas que queren crear comunidades e que teñen un nivel alto de interacción e actividade. Coa particularidade de que cada chío que escribas debe conter menos de 280 caracteres, vén de incorporar novos formatos como os Fleets (historias de curta duración).
  • Linkedin: Trátase dunha rede que conecta persoas con perfís empresariais e onde normalmente son as propias empresas as que contan o que están a desenvolver.

Entre as numerosas ferramentas para analizar e xestionar redes sociais podemos destacar Hootsuite, Buffer (cunha interfaz máis sinxela) e Metricool (basado na análise de métricas).

Para rematar esta entrada, gustaríame resaltar que a participación cidadá e a mediación dixital xa non pode limitarse a promocionar actividades en redes sociais, porque xa adquiriron un potencial cultural e social que vai máis aló da simple comunicación unilateral tradicional. A clave é proponer actividades nas que os diferentes públicos poidan participar e aportar os seus coñecementos e experiencias.

Neste sentido, hai que ser flexibles e aprender das respostas e do comportamiento da xente que se agocha detrás dos usuarios online. Neste mundo electrónico onde todo é efímero, nós temos que crear e transmitir as nosas propostas e adaptalas ós novos cambios, que por sorteo ou desgracia, son o día a días das redes e plataformas dixitais actuais.

07maio | Marketing e comunicación cultural (III). Estratexias de mediación dixital