30abril | Marketing e comunicación cultural (IV). Plan de comunicación cultural. Sonia Díaz.

Plan de comunicación cultural. Con Sonia Díaz

Por Isabel Fernández

“O que non se comunica, non existe” (Umberto Eco)

Sonia comunica, e comunica ben. Na portada da súa presentación había unha frase que apuntaba maneiras: “Isto non é unha chapa en Power Point”. E non o foi. Desde o inicio captou a nosa atención. Comezou cun breve percorrido profesional e centrándonos en cal é, a día de hoxe, o seu momento vital: coidar os tempos para conciliar e participar en proxectos con equipos femininos ou dirixidos por mulleres (preferentemente).

Encántame que comezara dicindo, e que insistira niso ao longo de toda a charla, que unha das cousas máis importantes para elaborar o Plan de Comunicación é partir dunha reflexión previa: equipo xunto e pensando; a estas alturas case parece unha proposta revolucionaria nun mundo no que imos como polos sen cabeza. “Un plan de comunicación pode ser un folio, o importante é sentarse e pensar”. Ás veces lanzámonos a escribir ou a facer como tolas, sen ter en conta este paso previo e imprescindible.

Partimos de preguntas chave: necesitamos un plan? existe un plan ideal, un canon? Tras un breve repaso por algúns conceptos clásicos de marketing e da súa evolución parece que falamos case do mesmo, con diferentes nomes, en diferentes épocas.

 

Fonte: Sonia Díaz

 

Un Plan de comunicación sempre debe ter, como mínimo, uns obxectivos claros, saber os recursos humanos e económicos dos que dispoñemos e os tempos.

Amosounos a estrutura tipo dun Plan de comunicación, incidindo en que non existen apartados máis importantes que outros, e que non sempre todos deben estar cubertos. Estes son os 8 pasos que ela propón para percorrer o camiño:

  1. Diagnose
  2. Obxectivos
  3. Públicos
  4. Soportes
  5. Estratexia e tácticas
  6. Accións e materiais
  7. Cronograma
  8. Orzamento

E algunhas frases/conceptos e ideas chave que me levo da explicación de cada un destes puntos:

  • É fundamental que exista confianza no equipo de comunicación, así como deste co resto do equipo.
  • Hai que adaptarse a cada público.
  • Sempre hai unha parte de formación interna non explicitada por parte do equipo de comunicación de cara ao resto do equipo do proxecto.
  • Dentro da estratexia, debemos crear unha idea forza que poida converterse nun slogan e/ou nunha idea gráfica. É importante ter unha frase que resuma o noso proxecto e que sexa comprensible.
  • Os beneficios non só son os máis evidentes, senón que tamén temos que pensar nos beneficios funcionais, emocionais, proxectivos e nos persoais.

Por último, falounos de novas tendencias en comunicación, así como da xestión das crises e do liderado:

  • Construír un relato para todo o ano dun único evento, apoiándonos por exemplo en imaxes: 8M, día da patria galega, etc.
  • Intercambio de promocións entre diferentes eventos con públicos similares. A importancia de crear alianzas.
  • Crowdfundig; non tanto pola recadación, que tamén pode ser, senón porque durante a propia campaña, xa se está comunicando.
  • Procura de entidades que teñen infraestruturas pouco utilizadas e coas que se pode chegar a un acordo para difusión.
  • O primeiro paso na xestión das crises, debe ser xuntarse o propio equipo e falar, antes de facer declaracións públicas.
  • O equipo de comunicación debe ser dos primeiros en saber que está pasando; a importancia da comunicación bidireccional. “A comunicación axuda a solucionar o problema, pero non soluciona o problema”.
  • Gardar as formas nas comunicacións en redes sociais.
  • A importancia do liderado para todos os momentos, para os de crise tamén; aquilo de estar ás duras e ás maduras.

 

Rematamos a sesión co traballo en grupos na elaboración do Plan de Comunicación dos nosos proxectos. Persoas pensando, tal e como recomendara no comezo da súa charla como premisa básica para un plan de comunicación dun proxecto cultural.

Non podo evitar pensar nesta frase de Hannibal do Equipo A 😊.

Se os nosos Plans de comunicación saen ben (ou polo menos mellor do que sairían sen a súa axuda), vai ser polas súas aportacións. Graciñas Sonia!

29 abril | Marketing e comunicación cultural (I). Claves e tendencias na comunicación de proxectos culturais

23abril | Financiamento cultural (VIII). Presentación e contraste dos proxectos do alumnado con financiadores e patrocinadores da cultura

22abril | Conversa aberta sobre o manual de boas prácticas en espectáculos ao vivo

Desenvolvemento de negocio no sector cultural e creativo. Con César Abella

Por Marcos Rodríguez

Nesta sesión do Curso tivemos a César Abella, de Trivium ( empresa galega, non o Trivium americano, a miña banda favorita) quen viu a falar sobre o desenvolvemento de negocio no sector cultural e creativo.

 

 

Sempre asusta a palabra “negocio” no ámbito cultural e creativo, pero a realidade é que cómpre incorporar esta visión empresarial para facer viables os proxectos. As profesionais da cultura tamén comemos, pero a sociedade non está preparada para esta con_versa…

César dividiu a sesión en tres partes: unha, com intro da súa empresa, outra falando sobre contratación pública e unha parte final falando de casos prácticos.

 

Trivium

Trivium é un grupazo  unha sociedade fundada en 2004 en Santiago de Compostela e teñen realizado máis de 350 proxectos. O seu eslogan é “dámoslle forma ás túas ideas”. Traballan na consultoría estratéxica, no mundo museos, na xestión e comunicación cultural… Na súa web trivium.gal podedes ver toda a info que compartiu con nós na súa presentación. Máis de 17 anos de proxectos ás costas fan que Trivium teña unha extensa traxectoria que contar.

Contratación pública

Na segunda parte adentrámonos no mundo da contratación pública. De primeiras non sona moi apetecible, pero ollo! que é unha info moi TOP. Aquí a raíña é a Lei de Contratos do Sector Público, a cal foi repasando e dando “tips” sobre ela.

Contratos menores: Para contratos de suministros e servizos (a cultura é un servizo ou un ben? Falámolo outro día…) o importe máximo son 15.000€ e precísase ter 3 ofertas diferentes.

 

 

Concursos abertos: A licitarrrr! –> https://contrataciondelestado.es/wps/portal/plataforma

Primeiro debemos coñecer as licitacións que hai (senón, “malamente”) e que nos interesen, para de seguido construír unha memoria e analizar á competencia. César ensinounos varios pregos de procesos de licitación que gañou con Trivium, desde os apartados técnicos até os administrativos.

Cando nos dimos conta de que para ser expertas en xestión cultural fai falta ler leis e saber sobre temas administrativos, máis da metade da sala pensou en abandonar e dedicarse ao pastoreo, pero aguantamos como boas expertas no tema.

 

Casos prácticos

Por último chegou a parte dos casos prácticos, nos que fixemos a revisión de dous proxectos de Trivium: o Mapa Literario de Compostela e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro.

Esbozamos o que serían as memorias de cada proxecto e analizamos os puntos fortes e febles de cada un. E nin tan mal. Foi moi útil ves casos reais e facer o exercicio para comprender as lóxicas á hora de traballar para a administración.

 

César rematou a sesión cun “grazas por aguantar a chapa”, pero a verdade é que era moi necesaria unha clase sobre isto.

 

 

Pd: E non deixedes de escoitar tamén aos Trivium americanos! 🤘🏻

 

16abril | Financiamento cultural (VI). Desenvolvemento de negocio no sector cultural e creativo. César Abella.

Traballar desde/con/para unha entidade pública. Con Carme Casado

Por Juan Ramón Martínez Barbosa

O venres 9 de abril regresamos ás aulas para celebrar unha nova sesión. Desta vez, estivo dividida en dúas partes. A primeira -en liña- da man de Marcos Lorenzo, un dos promotores e coordinadores deste CEUXC, técnico de Cultura no concello de Ferrol. A segunda, presencial, a cargo de Carme Casado, responsable de Promoción Económica da entidade municipal compostelá Cersia Empresa.

Avanzaba Marcos Lorenzo nun vídeo, gravado días atrás, que os procesos selectivos no sector público para o posto de técnico/a de Cultura “son moi escasos en Galicia debido principalmente a que non houbo un proceso de institucionalización nos concellos”, lamentando ademais que existe unha carencia de xurisprudencia e procedementos ben definidos á hora de contratar: “Non temos aínda manuais ou academias que te preparen para oposicións en Xestión Cultural”, recalcando que hoxe en día este é un traballo de estudo bastante solitario e individual.

Xa na aula, con Marcos Lorenzo nunha pantalla en directo vía online, iniciábase a sesión con diferentes intervencións das compañeiras comentando o “panorama descorazonador” que se podía entrever tralas súas palabras e a análise da situación. Marcos incidiu iso si, pola contra, en que os técnicos e xestores culturais “somos auténticos todoterreos, multitarefa e polifacéticos, verdadeiros francotiradores que lle damos a todo”, avogando, por exemplo, por concienciar e sensibilizar aos responsables políticos para reverter esa cruda realidade.

Na segunda parte da sesión, impartida por Carme Casado, “facilitadora de proxectos empresarias e institucionais” (como ela mesma se define) procedemos a estudar, pois, como traballar desde/con/para unha entidade pública.

Incidiu Carme, xa dende o principio da súa intervención, en que “hai que poder vivir dignamente da cultura” e para isto é fundamental coñecer a entidade coa que queremos colaborar e identificar os seus obxectivos, cales son as súas competencias ou estatutos, que é o que fan e o que pensan facer nun futuro. Así mesmo, é moi importante -ademais de ser coidadosos na presentación da documentación- coñecer o modelo de operación dun organismo público, cal é a súa forma xurídica, o seu ámbito competencial e aínda a ideoloxía política que impera nese momento.

A economista realizou durante a clase un pormenorizado repaso polas ferramentas administrativas máis habituais, como son as diferentes convocatorias de axudas, concursos, premios, contratos, subvencións ou convenios. Para isto, subliña Carme Casado, debemos informarnos, coidar a nosa marca persoal ou da organización para a que traballamos e sobre todo, ser coherentes, “ter as orellas abertas e escoitar”, trazar un plan de acción, avaliar e corrixir.

Para rematar, Carme destacou a transcendencia de aprender a traballar en equipo, de non regalar ideas, de establecer relacións a longo prazo, “de conservar o contacto aínda que se perda ese proxecto”, de ter lealdade cara ao mercado no que se opera. En definitiva, a clave do éxito está, na súa opinión, en que sexamos conscientes das estratexias máis idóneas e da afinidade dos valores do noso plan cos da entidade, para así, desta maneira, establecer relacións óptimas e sólidas coas distintas administracións.

09Abril | Financiamento cultural (III). Traballar desde/con/para unha entidade pública. Con Marcos Lorenzo e Carme Casado.

Cooperación e financiamento cultural internacional. Con Zemos98

Por Ana Escariz

O xoves 8 de abril asistimos a unha clase online impartida por Pedro Jiménez, do colectivo andaluz Zemos98, formado ademais de Pedro, por Sofía Coca Gamito, Lucas Tello e Felipe G. Gil. A cooperativa, que agora ofrece servizos de formación, mediación, produción e consultoría, xurdiu coma festival audiovisual e foi tomando diferentes formas ata chegar a ser o que é hoxe: un referente cultural interesado na educación expandida, o procomún, os coidados, a remestura e a cultura da participación que se codea coas organizacións máis punteiras no que a cultura participativa se refire no ámbito europeo.

En canto á súa financiación, conta cun 33% de fondos públicos e cun 67% fondos privados. Ao longo do seu percorrido foise internacionalizando cada vez máis e actualmente as proporcións de procedencia dos seus fondos son as seguintes: 41% internacional, 43% nacional, 13% rexional e 4% local. De aí que Zemos98 sexa o axente cultural indicado para falar de proxectos e axudas europeas.

Para coñecer un pouco máis a fondo os principios sobre os que se basean ou, como lle chama Pedro, “el código fuente de Zemos98”, recomendounos botar unha ollada á súa newsletter Canceladísimxs ou ler o último artigo que publicaron: Pedagogía de los cuidados.

Durante a primeira parte da clase, Pedro falounos dalgúns dos proxectos nos que está involucrado Zemos98:

  • PLANEA: Impulsada pola Fundación Daniel y Nina Carasso, PLANEA é unha rede de escolas, axentes e institucións culturales que se comprometen a utilizar as prácticas artísticas na escola pública de forma transversal, situada nos territorios e con vocación de xeralización e permanencia.

Esta rede está formada por tres nodos de mediación (Zemos98, Pedagogías Invisibles e PERMEA), 13 “centros piloto” que forman parte do plan transversal do proxecto e 23 “centros colaboradores” que fan proxectos concretos. Ademáis de todo o que o proxecto xera nestes centros, outros outcomes son recursos públicos (código aberto) que pode usar calquera centro, profesor ou artista interesado.

  • CONCOMITENTES: esta iniciativa, tamén financiada pola Fundación Carasso, parte do proxecto “Les nouveaux commanditaires” da Fondation de France e da idea que a cidadanía poida ser un “mecenas” que encargue obras ou proxectos artísticos. Dentro deste proxecto hai varias iniciativas que se están desenvolvendo, entre elas UCI pediática na que participa Zemos98, que está baseada no traballo na UCI pediátrica dun hospital de Tenerife para facela un lugar máis acolledor para os pacientes.
  • COMMONSPOLY: é un xogo de mesa que naceu no Hackcamp Reclaim the Commons de 2015 durante o festival número 17 de Zemos98. O xogo, que “fomenta una cultura de cooperación y cuestiona el modelo violento de privatización neoliberal” convertiuse, segundo Pedro, nunha ferramenta moi potente para usar durante os procesos de creación de fondos europeos.

Se queredes saber máis sobre a historia de como o xogo Landlord’s game, patentado por Elizabeth Magie, se convertiu no Monopoly que coñecemos (en sí mesma un exemplo de como funciona o capitalismo) podedes escoitar este episodio de 99% invisible.

  • CREATURES- CREATIVE PRACTICES FOR TRANSFORMATIONAL FUTURES: Pertence a Horizonte 2020, un programa que financia proxectos de investigación e innovación de diversas áreas temáticas no ontexto europeo. CreaTures activa e explora prácticas artísticas orientadas á sostibilidade medioambiental ye social e pon en valor procesos de participación, espazos de reflexión e de produción colaborativa no ámbito artístico. É moi interesante o que comentou aquí Pedro sobre como estes proxectos de investigación parten das prácticas culturais e despois as universidades as apoian, algo que adoita ser ao revés. Neste proxecto, Zemos98 en concreto (pertencena el outras 10 organizacións) está a traballar dunha banda, sobre o Commonspoly coma ferramenta para poñer en funcionamiento debates relacionados coa cooperación entre diferentes axentes sociales e para reflexionar sobre os diferentes modos de propiedade e doutra, no formato Hackcamp coma metodoloxía para explorar espazos de intersección entre diferentes disciplinas coma a socioloxía, as ciencias políticas, a arte, o diseño e o activismo medioambiental.

Pedro tamén falou de outros proxectos nos que participan coma Culture of Solidarity, mediactivism.eu ou Némesis.

 

Máis cousas interesantes que aprendemos nesta sesión

 

A segunda metade da clase estivo adicada a algunhas aprendizaxes que Pedro compartiu connosco:

1. Os discursos de innovación, creatividade e emprendemento adoitan sosterse sobre a precariedade das pequenas organizacións. En España somos máis precarias fronte a socios europeos e en axudas europeas non nos podemos permitir, por exemplo, non poder cobrar honorarios nun proxecto.
2. Defender a idea de cultura coma elemento de transformación social, non coma sector, para permitir unha mirada trasversal. A cultura pode ser un punto de encontro entre disciplinas e ámbitos. Ademais e especialmente no ámbito europeo, cada vez son menos as axudas sectoriais (coa excepción do audiovisual con MEDIA Europa) e máis as multidisciplinares.
3. Promover a cultura coma dereito, non coma recurso.
4. Construir unha rede non é facer un proxecto.
5. Confiar no valor dos nosos proxectos e non obsesionarnos con que non falamos inglés.
6. Reivindicar que a financiación apoie procesos e non só resultados.
7. Compartir metodoloxías e coñecementos cara afora e seguir traballando cara adentro.
8. Ter paciencia para entender os contextos alleos sen consideralos subordinados nin o contrario.
9. Os financiadores son entramados colectivos onde participan persoas coma ti.
10. O humor é algo moi serio nos proxectos europeos.

Outros consellos que nos deu de cara ás axudas europeas foron:

–  Ter en conta a importancia que lles dan as axudas os “outcomes” que poden saír dun proxecto.
– Arriscar na programación.
– Aproveitar as oficinas de apoio a proxectos europeos, que dispoñen de ferramentas para axudar nos procesos.
– Facer unha boa investigación da European Cultural Foundation, que socois españois hai, que tipo de proxectos… É dicir, enterarse de que están facenfo aí fóra!
-Ter en conta que se enviamos un proxecto a Europa, recibiremos unha valoración moi útil e relevante para aprender.

Por último, deixo algunhas ligazóns de referencias que foron aparecendo ao longo da clase:

Coop57 (instrumento financeiro inserido nun marco máis amplo de finanzas éticas e solidarias)
Stimuli (empresa griega que saca adiante moitísimos proxectos europeos)
Open Society Foundations (Fundación preocupada pola sostibilidade dos proxectos)
OVNI (observatorio de vídeo no identificado, proxecto de Toni Serra no CCCB)
Sinsal Audio (promotora musical e unha produtora de eventos culturais)
Belén Gopegui (escritora)
Jose Luis del Vicente (Comisario e investigador cultural especializado en tecnoloxía)

 

Pd. Aínda que non o comentou durante a clase, Pedro forma parte de Los Voluble, un colectivo que ten co seu irmán Benito e que traballa dende o activismo audiovisual e sonoro sobre temas coma a raza, as fronteiras, o flamenco, o dixital… Teñen colaborado con artistas coma Niño de Elche, Raúl Cantizano, Rocío Márquez e, mais recentemente, María Llergo. Recoméndovos encarecidamente que vaiades a algún dos seus shows se tedes a oportunidade. De verdade, son tremendos.

Se queredes ir abrindo boca, podedes investigar os seus proxectos Flamenco is not a Crime ou Borderhack. Deixo aquí o meu TFG, no que os entrevistei aos dous sobre cuestións de purismo e mezcla no flamenco por se vos interesa. Aparecen por primeira vez no minuto 7’30’’.