26feb | O proxecto cultural (VII). Xestión económica. Valoración dos recursos e deseño de orzamento. Con Miguel Martín

Valoración dos recursos e deseño de orzamento. Con Miguel Martín

Por Gustavo Rey

Temos o gusto de contar nesta ocasión con Miguel Martín, antigo director do IGAEM e do AGADIC, traballador do departamento de promoción cultural do Concello de A Coruña e encargándose actualmente da area de Servizos Sociais de devandita cidade.  Miguel, dende a súa casa en A Coruña e vía Teams, será o encargado de aportar contido e coñecemento nesta sesión de valoración dos recursos dos proxectos e deseño orzamentario, sesión que poderiamos aproveitar de mellor forma en modalidade presencial, como el mesmo nos indica, pero que nos será igualmente de gran utilidade para o desenvolvemento dos nosos proxectos culturais.

Logo de presentar os bloques temáticos propostos para o día arrancamos introducíndonos nas funcións do orzamento. Entendemos o orzamento como unha ferramenta bidireccional que nos axudará na planificación do proxecto (actuando como documento interno co que estimaremos os custos e partidas orzamentarias) pero tamén na comunicación e execución do mesmo (actuando como documento externo co que se achegarán os detalles económicos do proxecto a futuros clientes).

Pouco a pouco imos destripando este importante documento e analizando os conceptos e apartados que o compoñen, aprendendo así cales son os custos que deberemos ter en conta á hora de confeccionar un orzamento e vendo vías de cálculo dos mesmos. A pesar de recalcar que a sesión non se centraría en temas laborais ou fiscais, a nosa curiosidade e descoñecemento neste complicado pero inevitable mundo paralelo fixo que a primeira parte da clase transcorrese entre preguntas e supostos relacionados con estas temáticas, abríndose a veda nada mais tocar o apartado de traballadoras, nóminas, seguridade social e todo o que unha contratación laboral conleva, pasando tamén polo mundo da facturación, os tipos de retencións e os impostos aplicables a empresas ou autónomas.

Chegados ao intermedio, e logo duns minutos de descanso, procedemos co exercicio práctico que nos propón Miguel: unha breve exposición xeral dos nosos proxectos, incorporando unha perspectiva económica e facendo unha valoración orzamentaria dos mesmos.

Tras anotar con gran interese as suxestións e correccións referentes aos nosos proxectos avanzamos tocando agora conceptos como “activos fixos” e “custos de amortización”. Vemos os gastos de estrutura inseparables de cada forma xurídica correspondente, independentemente da natureza e particularidades de cada proxecto a desenvolver. Aprendemos tamén a diferenciar os conceptos internos e a súa natureza organizativa dos conceptos externos e a súa natureza informativa: os custos totais de cada actividade/servizo serán especificados ao cliente, mentres que os custos polo miúdo do que nos implica a nós a realización de cada actividade/servizo, cun desglose máis meticuloso, son só de uso interno.

Aprendemos tamén a calcular o punto morto dunha actividade/servizo, ese punto de inflexión onde se neutralizaron todos os gastos e se comeza a obter beneficio, valoramos os tempos de cobro e os adiantos económicos que moitas veces temos que facer para sacar adiante un proxecto, coas súas correspondentes necesidades de financiamento e os gastos que se xeran e rematamos falando de imprevistos, eses eventos aleatorios que non podemos controlar pero que si debemos ter en conta, engadindo un incremento porcentual de cálculo interno de entorno a un 10%.

Produción cultural: o eido expositivo. Con Bea García

Por Verónica del Río

Bea García é licenciada en Historia da Arte, maxíster en Museografía e Exposicións e experta universitaria en Conservación de Museos: Museoloxía e Cultura Contemporánea. Participou en  numerosos  proxectos  de  museoloxía. Tras cursar Masteryourself, forma parte da comunidade Teamlabs, desde onde traballa a evolución desde a curación de programas formativos á co-creación de comunidades de equipos de aprendizaxe.

Durante a súa clase puidemos afondar no coñecemento das exposicións museísticas, tanto desde o plano teórico da organización e creación do discurso expositivo; como desde o plano práctico coa plasmación real do proceso de produción e montaxe. Para que unha exposición chegue a termo son moitos os traballos previos nos que se debe concentrar o comisario ou comisaria e o equipo de montaxe e difusión.

Un concepto sobresaíu sobre os demais: «a exposición é o medio de comunicación que o museo ten coa sociedade» e, segundo a estratexia que siga, esta comunicación poderá ser máis ou menos efectiva, para cumprir cos obxectivos marcados polo museo.

Á hora de enfrontarse ao proceso de creación dun proxecto expositivo temos que partir de tres cuestións claves:

  1. Que queremos contar
  2. Como o queremos contar (os soportes do relato no espazo)
  3. Como se vai a poñer en marcha ese relato (a produción)

 

Todo este plan teórico persegue unha finalidade que é xerar un impacto positivo no público consumidor destes produtos. Para isto non hai outro camiño que ter unha vinculación real coa comunidade onde se vaia a implantar ese proxecto, poñer as persoas no centro. Se ben os comezos de aplicación desta «técnica expositiva comunitaria» non foron fáciles, chegar a esta realidade foi posible a través do patrimonio natural. Neste medio foi posible facilitar experiencias de aprendizaxe. Estamos falando de espazos no que a xente dedica o seu tempo de lecer, polo tanto débense crear e proporcionar experiencias, xa que están invertindo o seu tempo de ocio nestas actividades.

Antes de comezar a clase, Bea preguntounos que entendiamos nós por exposición, de aí xurdiron ideas moi interesantes, que ao fin e o cabo, están todas conectadas coas definicións máis académicas do termo, pero neste caso desde diversas ópticas e experiencias persoais e laborais:

  • “Unha exposición é unha exhibición moi variada de obxectos, cousas…”
  •  “Unha exposición debe ter un nexo, un fío condutor”
  • “Unha exposición ten un fío argumental que fai que buscar transmitir unha mensaxe ao visitante”
  •  “Unha exposición debe transmitir emocións”

 

Non hai unha resposta única posto que unha exposición é moitísimas cousas, a RAE inclúe até dez definicións distintas deste termo. Neste momento, partimos do punto que a exposición é un medio de comunicación. Interpretar o significado dos obxectos a través da súa codificación científica, isto é a labor de tradución, de mediación da exposición para facer accesibles a toda a sociedade o significado dos obxectos, bens artísticos ou conceptos expostos. A exposición non é un fin en si mesmo, é unha labor de comunicación para comprender o significado de certos obxectos e a interpretación que se fai delas.

Neste punto atopamos unha dualidade, podemos atopar exposicións de obxectos e exposicións de ideas. As «exposicións de obxectos» son aquelas nas que os recursos artísticos ou culturais  xa forman un discurso en si mesmos. Este tipo de exposicións en moitas ocasións están pensadas para o público experto e non teñen unha comunicación efectiva co resto da sociedade. A exposición de ideas, ten na súa base crear un fío argumental co que acompañar ao visitante durante todo o percorrido da mostra.

 

Modelos de exposición e os seus medios de comunicación:

  • O modelo informativo, proporciona información e datos obxectivos. Un exemplo son as follas de sala coas que o público xestiona a súa visita e a información recibida.
  • O modelo pedagóxico, emprega ferramentas didácticas e pretende facer comprensibles procesos complexos. Exemplos disto, os museos científicos. Un exemplo máis concreto, o Museo do Viño en Galicia.
  • O modelo relato, busca xerar vínculos emocionais e invitar á reflexión. Entende a exposición como un relato, é transmedia e parte do relato cédese ao visitante. As ideas importan máis que os obxectos e as persoas máis que as ideas. O fundamental neste modelo é crear comunidade entorno a un tema e compartir, escoitar e ser escoitadas. Este non é un modelo novo, xa se ven falando del desde 1972 en EEUU. Exemplos: colectivo cadelas verdes con Spanish dream, Centro – centro con Madrid a medias.

Coa exposición deste modelo abriuse un pequeno debate no grupo sobre porque esta forma de traballar as exposicións non é o maioritario actualmente. As aportacións das compañeiras facían fincapé en cuestións academicistas, paternalismos por parte dos museos como centros depositarios do saber e da verdade, intereses políticos, a imposición da idea de turismo,  o consumo de masas en cultura, etc.

 

Os inicios do proxecto expositivo

Calquera proxecto expositivo ten un punto de partida sempre en común que é a investigación. Os primeiros pasos son os de documentación, investigación e contidos con baleirados bibliográficos, observando a realidade, outras exposicións, outras experiencias en torno a temática, etc.

Unha vez temos recompilada toda a información, pasamos a definir as ideas principais, estruturación por temas e subtemas, que entra dentro da exposición e o que queda fóra, selección de pezas e obras, etc. A mellor forma de facer comprensible a mensaxe é ordenar, con ferramentas como mindmaps e visual thinking.

En canto ás temáticas, debemos partir ao comezo de temas universais. Partir do coñecido, conectar coa realidade do noso público, cos seus intereses reais. Esta é a clave para diferenciarse de outros proxectos e de ter éxito, entendido como que esta experiencia sexa relevante para a túa comunidade. Exemplos: Storywalker Usera nos anos 60, Kubik Fabrik.

 

O comisariado de exposicións

O termo comisario, deriva do termo anglosaxón curator, content curator. O comisario ou comisaria é a persoa coordinadora do proxecto o que lle da sentido e forma: investiga, busca contidos relevantes, a filtra a información, organiza os temas e xera conexións, unindo temas, textos, imaxes, persoas, procesos, anécdotas, etc. En definitiva crea un relato que da sentido a toda a información que se quere incluír na exposición.

De forma xeral neste tipo de produtos téndese sempre a buscar o público xeral, pero se queres chegar a todo o mundo corres o risco que o teu proxecto se converta en irrelevante para todo o mundo. Definir un público, un target, é esencial. Temos que conectar cos nosos usuarios e usuarias. Primeiro para adaptar a linguaxe, non podemos falar do mesmo xeito con nenos que con adultos, as nosas capacidades cognitivas e de comprensión son moi diversas e se empregamos a mesma linguaxe pode que non se estableza unha correcta comunicación.

Unha erramenta posible é o desing thinking.  É unha metodoloxía para innovar, centrada nas persoas, pero para centrarte nas persoas tes que coñecelas. Neste proceso comunicativo co público a clave está na empatía. A través dela podemos xerar emocións e chegar a máis persoas. Xerar fichas de usuarios, buscar as persoas que lles interese, en fin, realizar unha diagnose. Para coñecer ás persoas reais, nada mellor que facer entrevistas e través delas realizar mapas de empatías.

Unha vez definido o público, reiniciamos o proxecto, volvemos atrás para axudar a cadralo. Unha boa ferramenta é facernos preguntas e testear a diario se estamos cumprindo os obxectivos marcados. Deste xeito queda pechado o círculo do proceso creativo da exposición. Outro enfoque do proceso pódese facer desde a teoría do relato, isto é, en lugar de facer “exposicións para”, facer “exposicións con”.

Do museo como emisor único á cultura da participación, con emisores múltiples, receptores múltiples. O público fará seu o relato e a experiencia. O museo deixa de ser o templo do saber e da verdade, para cederlle a comunidade a capacidade de xerar un relato compartido sen verdades absolutas, un proceso de creación continúo. Participar non é interactuar! Participar é que esta comunidade estea implicada desde o comezo do proxecto, no mesmo deseño e na creación. Este modelo é unha forma de traballo moi esixente que require moito tempo e esforzo para manter á xente enganchada e activa nun proxecto. Non todo o mundo sabe como participar, nin colaborar, tampouco como sociedade estamos adestrados para facelo.  O teu usuario as veces nin está nin se lle espera porque non entende o proceso que se está elaborando alí.

 

Por que queremos contalo?

Para responder ao porqué temos que definir os obxectivos:  porque queremos contar esa temática, os obxectivos específicos e a mensaxe diferencial que queremos lanzar. Cuestionarnos que aporta de novo, onde está o punto diferencial, que queremos provocar nos visitantes, cales son os valores da nosa exposición, etc.  Para dar a coñecer, para mostrar, mobilizar, indignar, etc.

Temos que ter a man sempre unha serie de preguntas guías para saber se estamos cumprindo os nosos obxectivos, se lle interesa ao noso público a temática. Se as respostas a estas preguntas non son convincentes ou seguras debemos plantexarnos se debemos investigar e documentarnos máis para traballar de novo os contidos

 

Museografía

A exposición ten un onde, un lugar concreto na que se vai a facer tanxible (zonificación). Ter planificado o espazo é fundamental para distribuír o discurso e darlle coherencia. Ferramentas útiles que podemos usar neste momento de traballo son programas de edición sobre plano como o autocad. Polo habitual realízanse en planos de 1:1000.  A partir de aquí elaboramos croques, distribuímos contidos e recursos. Unha vez definidos este punto do que queremos contar e onde elaboramos os percorridos.

Para realizar percorridos e itinerarios temos que ser coherentes co espazo. Os itinerarios é un tema moi estudado en museografía, a expografía, existindo diversos modelos:

  • Percorrido libre: non segue unha secuencia establecida. Autodministración, cada persoa centra o interese no que lle convén. Vantaxe, a persoa séntese libre e cunha sensación de autoxestión. É aconsellable para exposicións sen liñas históricas ou procesuais.
  • Percorrido estruturado: todo o itinerario está marcado. Vantaxe o relato vai a chegar ao público, pero co inconveniente do relato forzado, o museo como único emisor do mensaxe.
  • Percorrido inducido: é un deseño de percorrido óptimo pero non se marcan tanto como o estruturado, a persoa séntese libre e o visitante ten opcións. Un recurso moi empregado é usar obxectos guía, este modelo ten en conta como nos desprazamos e coloca obxectos que chamen a atención para seguir o percorrido.

 

A distribución: como imos a contar o noso fío expositivo?

A distribución é o momento de decidir onde situamos os recursos expositivos no espazo dispoñible. Onde situamos os obxectos, as obras, os textos, as vitrinas, o mobiliario, as cartelas, etc.  Este proceso implica onde e como vamos  contar o discurso expositivo. Debemos xogar co espazo, para que pareza máis libre, ter recursos estrela, ter en conta o como nos desprazamos e colocar obxectos que chamen a atención para seguir o percorrido. Debemos regular os tempos e os espazos para non xerar problemas de capacidade e non crear tapóns nin colas.

Que son os recursos expositivos? Son mediadores comunicativos, todo aquelo que se emprega en exposicións, peañas e vitrinas fundamentalmente pero tamén poden ser dioramas ou outros recursos máis adaptados ás tecnoloxías  actuais. Hai que ter en conta que á hora de contemplar o seu uso estean a unha altura axeitada para todos os públicos (aquí entrarían en xogo conceptos de adaptación para visitantes con diversidade funcional), que teñan un fácil mantemento e moi importante, os sistemas de fixación e de seguridade.

Os mediadores comunicativos son tamén os medios que serven de soporte para os mensaxes que queremos transmitir. É moi importante combinar diferentes mediadores para que a visita sexa amena. Os fíos condutores son unha boa estratexia para xerar continuidade.

  • A gráfica da exposición é tamén un tipo de mediador comunicativo. A propia rotulación, que se debe traballar na preprodución a nivel gráfico. Debe ter coherencia con toda a exposición.
  • Outro recurso moi útil son os paneis gráficos funcionan moi ben e son moi económicos. Pódense facer combinacións de debuxos, fotos, mapas, textos cortos e sen tecnicismos. Funcionan moi ben empregar chamadas de atención e facer provocacións aos visitantes.
  • Os audiovisuais tradicionais son tamén moi eficaces, xa que permite transmitir moitos conceptos en pouco tempo. Facilita a transmisión de mensaxes complexos de forma sinxela.
  • Os interactivos foron os recursos estrela no seu tempo. Ao igual que os audiovisuais permiten mostrar información ampliar e cada persoa pode escoller contido segundo o seu interese, ampliando e navegando. Non solo dixitais senón tamén de manipulación.
  • As maquetas son representacións a escala dun elemento real que destacan conceptos que se queren mostrar.
  • Os dioramas, elementos estrelas a día de hoxe, son representacións tridimensionais, orixinais ou réplicas, que reproducen escenas do pasado e do presente, e para Bea, tamén poderían contemplarse para a interpretación do futuro. Teñen moita potencia visual e son moi atractivos. En algúns casos os propios dioramas convértense en instalacións artísticas.

Consellos que demos ter en conta: que sexa lexible, que o medio non se converta nun fin. Os soportes sexan os soportes dun relato. A comodidade visual, que teña sempre unha comodidade visual aceptable.

 

O deseño expositivo

O deseño expositivo traballa co espazo, o deseño sempre vai a estar condicionado por este. Vai más alá do estilo e do gusto. O deseño expositivo fai máis fácil entender un ambiente concreto e xoga coas sensacións.

Como xa se falou na zonificación, temos que traballar sobre o espazo real, dispoñer de planos, documentación, maquetas, etc. Demos organizar o espazo con normas e principios de deseño que se adapten á diversidade cultural.

Para o deseño de exposicións debemos partir sempre da escala humana, para relacionar espazos e persoas. A escala humana xera respostas emocionais.

O equilibrio no deseño é fundamental. Ter un sistema de ordenación, por exemplo na nivelación de obras nas paredes, ter un equilibrio visual nivelar as obras sempre por arriba ou polo medio, nunca por abaixo. A cor, sempre lle vai a dar máis personalidade ao ambiente a resposta humana ante a cor é inmediata. Este é un concepto marcado pola traxectoria cultural e persoal de cada un. Igual que a cor, son moi importantes as texturas, os materiais, a forma, o mobiliario. Pero sempre desde o principio que o medio non se converta nun fin.

 

A creatividade na forma de comunicar  

Comunicar de xeito diferente permítenos chegar mellor ao noso público. Isto require un traballo de reflexión e creación, innovar para crear novas ideas, saír da nosa zona de confort. Os consellos de Bea para adestrar a nosa creatividade en exposicións:

  • Visitar toda a diversidade de mostras que poidamos. Visitar espazos museísticos, desenvolver a nosa capacidade creativa seguindo o traballo doutras persoas, pero tamén a través doutros campos afíns como a escenografía, o teatro, etc.
  • Traballar continuamente e mostrar o noso traballo. Matar a perfección antes de que esta mate a nosa creatividade.
  • A interacción con outros profesionais.
  • Aprender, expoñerte, axudar a activar a mentalidade creativa.
  • Non é necesario contar con grandes presupostos para crear grandes proxectos.

 

A produción: costes

Para abordar a produción do relato temos que ter en conta canto nos vai a costar, tanto en tempo como en recursos económicos. Demos contar con presupostos detallados de produción e execución. Antes de comezar a gastar cartos é necesario ter detallado todo o que imos precisar. Consello: seguir a secuencia lóxica da creación de exposición e facer a desagregación por áreas.

O tempo, moi importante, os tempos de montaxe, desmontaxe e mantemento. Para isto, antes de comezar, planificar, ter sempre unha boa folla de ruta, que contemple as accións e os tempos, é dicir, os cronogramas. Unha mala produción pode arruinar unha excelente exposición.

 

 

Ao longo da clase de Bea García puidemos coñecer o proceso de creación dunha exposición desde o comezo creativo á súa posta en práctica en espazo e tempo. Moitos destes mecanismos son comúns aos procesos que fomos estudando e descubrindo ao longo do curso, como a necesidade da diagnose para a creación de produtos culturais para, por e desde a comunidade para a que vai dirixida o proxecto; a necesidade de programar e os procesos de pre-produción asentados e reflexionados, con cronogramas, orzamentos detallados o máximo posible para non deixar cabos soltos e que a improvisación leve ao traste proxectos teóricos brillantes.

Durante a clase de Bea foron moitos os temas de debate e encontro: isto evidencia que o proceso de creación de exposicións e a museoloxía aínda está formándose e que é un campo aberto para adaptarse aos tempos e a sociedade que os consume.

 

 

‎Produción cultural: festivais e eventos. Con Ángel Piñeiro

Por Clara Redondo

O venres 12 de febreiro estivo con nós Ángel Piñeiro, responsable de produción da empresa Bring the Noise, promotora de festivais, xiras e eventos como Resurrection Fest, O Son do Camiño, Tsunami Xixón, Caudal Fest ou as Xiras Route Resurrection, así como da axencia de booking e management Rebel Beat Agency.

Foi unha sesión chea de emocionantes experiencias profesionais e de explicacións sobre todo o traballo que se atopa detrás da produción dun festival, tanto de gran formato como de pequeno, xa que Ángel recalcou a importancia da planificación previa, sexa cal sexa a magnitude do evento.

Tan ou máis importante que os días do propio  evento é o traballo de pre-produción, onde é necesario ter unha información como punto de partida (datas, localizacións, listaxe de artistas, riders…), un cálculo de necesidades (dende infraestruturas e materiais ata as derivadas da propia produción e do contrato coas artistas), unha folla de ruta con toda a información relevante e un presuposto coas previsións.

Como non, nun sector tan maltratado coa xestión da covid, tamén hai que ter en conta os protocolos, como os reaxustes de aforos, rexistros, medidas de desinfección, etc. Ademais foi un tema que deu para debate e numerosas reflexións sobre a incerteza do futuro, buscando posibilidades para crear novos formatos ou confiando en que poidan manterse -non sabemos para cando- os grandes festivais.

Xa na parte de produción, Ángel explicou a importancia dun bo cronograma de tarefas, de igual maneira que a dispoñibilidade dunha gran cantidade de persoal (dende a dirección de produción ata os condutores e a seguridade) e prever a hospitalidade de todos eles.

Ademais, débese ter en conta toda unha serie de consideracións para as operacións de montaxe, como a maquinaria, a boa comunicación tanto interna como co externa e todas as infraestruturas a ter en conta (delimitacións, aseos, zona merch, etc.). Do mesmo xeito que a montaxe dos equipos técnicos, sendo clave a figura do rigger. Tamén é importante a produción da recepción de artistas e das actividades recollidas no contrato. Ángel resaltou a comunicación e negociación como claves nesta fase.

E case por último, quedan os días da verdade, os do propio evento, onde aínda que todo estea perfectamente planificado poden xurdir imprevistos, por iso é importante ter facilitadores, apagalumes e facer as probas de son que sexan posibles, estando preparadas para todo tipo de imprevistos. Posteriormente, queda a desmontaxe mais o traslado dos materiais e os trámites administrativos (pagos e cobros, peches contables e informes de conclusións).

Sen dúbida, Ángel ilustrounos moi de preto todo o que ocorre antes, durante e despois dos nosos festivais preferidos -aos que desexamos poder volver a asistir máis pronto que tarde. Ademais, gardámonos moitos consellos para a produción dos mesmos, dende a importancia dunha boa planificación e comunicación ata como saír de situacións desesperadas do directo, con trucos para parar as tormentas máis heavies.

 

 

 

 

 

12Feb | ‎Produción Cultural (II). Festivais e eventos. Con Ángel Piñeiro

05feb | Mediación e programación cultural (V). Laboratorios e cultura comunitaria. Con Fran Quiroga

Mediación e programación cultural: laboratorios e cultura comunitaria. Con Fran Quiroga

Por David Blanco

Curadoría da escoita: este concepto, que compartiu connosco Fran Quiroga, recolle en gran medida a esencia do compartido nesta xornada como iremos desvelando a continuación.

Nun primeiro momento achegámonos á experiencia do proxecto Concomitentes en Betanzos, a través do cal dende a mediación se procura que a cidadanía pase a ser a mecenas dunha obra de arte, neste caso o Parque do Pasatempo. Inspirado no modelo  francés que nace nos anos 60, da man de François Hers, denominado “Novos comanditarios”, desta maneira procúrase rachar coa idea de que sexa unha persoa pertencente á nobreza ou burguesía a que comanda a unha artista que faga unha obra de arte, e que neste caso sexa a cidadanía

Neste senso, a investigación-acción participativa, como enfoque que involucra de forma activa á poboación no propio proceso de investigación, é unha das posibilidades que podemos utilizar na procura de tecer lugares de encontro e espazos participativos nos que emane a demanda e o desexo da poboación local. Ademai,s a isto podemos engadirlle a arte, que nos permite experimentar moito nestas ferramentas; un exemplo son experiencias como a idea do camiñar como práctica artística inspirada en movementos como o situacionista entre outros, que permite lanzar unha pregunta, ir camiñando en diferentes grupos e ila respondendo, e logo noutra parada hai unha devolución colectiva e unha intervención, e así sucesivamente, nun ambiente cómodo e relaxado que facilita o encontro e que de aí saian tamén eses desexos.

A devolución, como proceso no que devolvemos a información e coñecemento recollido á comunidade é moi importante para que realmente sirva no proceso de transformación, evitando así ser extractivistas coa información que recollemos da poboación e sacar rédito económico ou intelectual dela.

Ao mesmo tempo, cando estamos participando na mediación dentro dun proceso participativo, debemos ser conscientes dos marcos e marxe de actuación que podemos ter dentro do noso proxecto en relación con outros axentes culturais e por cuestións temporais, orzamentarias ou outras, e facilitar esta información á comunidade de cara a ter coidado coas expectativas e facilitar a comodidade de todo o mundo.

Unha das reflexións interesantes do encontro con Fran foi a importancia de entender que non somos solucionistas e que a arte e os procesos participativos non deben entenderse sempre dendo o consenso, no sentido de que abordalos dende o conflito (tal e como é a vida mesma) permite o diálogo, debate e negociación, mentres que ás veces os procesos que buscan gustar a todo o mundo acaban sendo máis inocentes e conservadores. Así mesmo tampouco existen as purezas

Superar a monumentalidade e ir ao micro nas obras e mediación, dando espazo ao patrimonio inmaterial ligado ao popular (como os saberes agrícolas) e ás periferias, e potenciando un patrimonio vivo e non enclaustrado nun museo, entendendo o patrimonio como algo de todas e todos que debe incidir na cidadanía, foron outros dos temas tratados para lograr dende o diálogo que se falaba antes non ser “ovnis” na comunidade coa que traballamos, e desentrañar a demanda que logre a lexitimidade social do noso proxecto. Así como pensar a obra dende o inacabado, como algo que está constantemente facéndose e que deixa espazo para decidir de forma horizontal, tanto á comunidade como á artista e profesionais, recuperando a idea do “mestre ignorante”.

Os espazos participativos

En canto aos espazos participativos, sexan foros ou consellos municipais, asembleas ou outros, debemos prestar atención ás dinámicas e busca de lexitimidade do poder que se xeran dentro delas. Ter en conta a perspectiva de xénero, todo tipo de diversidade, buscar horarios diferentes que permitan a participación de diferentes persoas dado os seus traballos ou responsabilidades, conversar con diferentes sectores da poboación e públicos indo aos espazos nos que están (mercado, institutos, salas de música…), buscar alternativas ás opcións en gran grupo que permitan recoller as achegas de persoas máis tímidas (como por exemplo a camiñada en pequenos grupos comentada anteriormente), e de forma complementaria escoitar as conversas nos microespazos (lugares informais que moitas veces son igual ou máis relevantes na toma de decisións, aínda que despois estas sexan traídas e lexitimadas nun espazo como a asemblea) son exemplos disto. A persoa mediadora debe ter coidado coa súa posición de poder para non manipular, pero ao mesmo tempo recoñecer que temos alma, personalidade e un posicionamento.

 Na última parte da sesión, por grupos de traballo, fixemos un bosquexo de como no contexto dos nosos proxectos, que realizamos ao longo do curso, poderiamos desenvolver un laboratorio de innovación cidadá e un espazo xenerativo que posibilite que as comunidades fagan e creen. Na posta en común posterior xurdiron conversas interesantes, como a importancia de dialogar dentro dun proxecto cultural con outros saberes, tanto no senso de procurar cruces con outras disciplinas (botánica, agroalimentación, etc.) que nos permita traballar de forma transdisciplinar e integrando varios saberes (incluído o popular) como na axuda para atopar fondos económicos alén dos destinados só estritamente ao cultural.

Non existe a mediación perfecta nin pura, e o camiño non é fácil, pero despois desta clase saímos cunhas forzas renovadas para afrontar este reto, e co desexo aumentado, nestes tempos que vivimos, de xuntarnos e volver a estar en común. E como as técnicas de facilitación de grupos nestes procesos son moi importantes, aquí non foi menos e cada unha e un de nós cun adxectivo expresamos como nos íamos ao despedirnos: inspirada, contento, tranquila, con enerxía ou con autocrítica foron algúns dos termos mencionados.

No mundo da cultura e a arte o termo de curador/a é sinónimo do de comisario/a, se ben a orixe do primeiro fai referencia a “curar os contidos” e o segundo a “vixiar as obras”. Seica o primeiro é máis inspirador, facendo referencia á habilidade da escoita. E esta foi outra das palabras que saíu nese momento de despedida: curadoría da escoita.

04feb | Mediación e programación cultural (II). Visita a espazo público de programación cultural | Mediación e programación cultural (III). A práctica artística e creativa 

Mediación e programación cultural nun espazo público, con Xaquín López. A práctica artística e creativa, con Caterina Varela, Jaione Camborda e Clara R. Cordeiro

Por Carmen Boo

Mais un outro día que este semiconfinamento e a forzosa tele-docencia nos leva a mudar de plans. Esta xornada de mediación e programación cultural debía ter como actividade principal a visita ao Auditorio de Galicia mais non puido ser. En troques, tivemos a presenza de Xaquín López, o director xerente deste espazo.

Xaquín comezou falándonos das competencias en cultura que recolhe a lexislación tanto estatal como nacional para poder contextualizar o trabalho dende o público; relatou historia e tamén o contexto do Auditorio de Galicia como organismo autónomo de cultura para poder entrar en materia do trabalho que se desenvolve neste espazo e das funcións como xerente do mesmo. Finalizamos, como é habitual, exponhendo as adaptacións do día a día na actual situación pandémica.

 

Experiencias a través da práctica artística

Na segunda metade da xornada tivemos a oportunidade de achegarnos á práctica artística a través da experiencia de tres mulheres de diferentes ámbitos da cultura. Unha aula cun formato un pouco diferente ata o de agora no curso, que non se diga que o semiconfinamento quita as ganas innovar.

A primeira quenda de palabra foi para Caterina Varela, bailarina e coreógrafa, ou, como ela mesma se definiu: “artista, etcétera”. Ela é co-directora da companhía de danza La macana mais a súa motivación por melhorar a situación da danza na Galiza levárona a participar noutros proxectos. É así como actualmente forma parte de Escena Plural, proxecto impulsor da circulación da danza na Galiza; dirixe o programa de residencias artísticas do Colectivo RPM; e coordina a programación estendida do TRC en Danza (Proxecto de Artes do Movimento do Teatro Rosalía de Castro da Corunha do que tamén falamos en aulas anteriores con Paulo Rodríguez).

Da súa experiencia quixo resaltar dúas cuestión importantes: como o mundo da creación na danza a levou a valorar os propios procesos tamén dende a xestión cultural e a necesidade que ela percibe de manter sempre unha perspectiva creativa e imaxinativa á hora de programar.

En segundo lugar, Clara R. Cordeiro relatounos a historia de vida de 7HCoop, a través dos proxectos desenvolvidos. A súa cooperativa trabalha en base a tres piares: paixón, competencia e recursos e actúa baixo tres valores principais: feminismo, inclusión e o contextual. Nacida do “interese de estudar a arte e a creación máis comunitaria e contextual”, desvinculada de espazos tradicionais como os museos, conseguiron definir a súa base de actuación a creatividade cooperativa e desenvolver “proxectos pequenos que suponhen unha aprendizaxe para todas as persoas que forman parte”.

Despois Jaione Camborda falounos da súa experiencia como creadora, directora, produtora, distribuidora cinematográfica e, en definitiva “mulher orquestra” a través da súa empresa Esnatu Zinema. Esta aventura comeza, hai xa 10 anos, cun guión propio e a imposibilidade de atopar unha produtora que levan a Jaione a asumir a prodcción, dirección e posterior distribución do seu filme Arima, non sen antes tropezar polo caminho coa grande pedra da financiación. Durante este percorrido tamén participou en proxecto pedagóxicos, como o Cinema en Curso.

Finalmente abriuse a quenda de preguntas na que, cada vez máis desenvoltas malia a barreira dixital, puidemos falar con elas sobre diferentes temas como: a involucración da comunidade, o equilibrio entre a creación e a xestión e, como non, sobre a situación actual da COVID-19.