28Xan | Mediación e programación cultural (IV). Audiovisual e Letras. Con Pela del Álamo e Soledad Felloza

Programación e mediación cultural: audiovisual, con Pela del Álamo, e letras, con Soledad Felloza

Por Elena G. Román

Novo semiconfinamento, volta as sesións en liña, desta vez para falar de programación e mediación cultural, con dous profesionais que dirixen proxectos ben diferentes: Pela del Álamo, xestor cultural, productor cinematográfico e director do  Festival Internacional de Cine Curtocircuito , que se celebra en Santiago de Compostela, de carácter público pero dirixido dende o ámbito privado; e Soledad Felloza, directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica.

Curtocircuito nace 2004 vinculado só ás curtametraxes. Dez anos depois Pela colle as rendas comezando un proxecto de remodelación e revitalizacón do proxecto dentro do contexto social que o rodea. A nova folla de ruta vai encamiñada a:

  • Achegamento a novos público,s presentando progamacións máis transversais.
  • Ir máis aló das curtas, proxectar medias e longametraxes.
  • Aparición de proxectos interdisciplinares.
  • Asumir riscos na programación, buscando traballos que non están dispoñibles en canles comerciais e que aposten por novas linguaxes audiovisuais, sen importar se os contidos non son nin populares nin populistas.

No 2016 este novo proxecto vese consolidado, conseguindo aumentar o número de asistentes, ampliar o rango de idade e abrirse a públicos que van máis aló dos cinéfilos. Como fito que recorda esta nova etapa estará sempre a visita de Kaurismaki o Festival.

Chegados a este punto, cales son os pilares sobre os que traballa Curtocircuito para manterse e seguir innovando?

  1. Búsqueda incansable de novos formatos, para coidar e preservar o noso e buscar o que acontece fóra do país.
  2. Xestión de recursos administrativos, laborais e artísticos para acadar un festival cunha estructura sólida e sostible.
  3. Creación dunha metodoloxía de traballo na que é vital a elaboración dun calendario que marque dende a saída dos presupostos, pasando polo deseño de actividades do festival, a produción e, por último, a comunicación.

Unha eficiente coordinación xeral ligada a acción fará que a última fase sexa efectiva. Daralle ao festival unha dimensión coherente en relación aos procesos administrativos e aos propios recursos humanos.

  1. A asistencia, o valor patrimonial do propio evento, o impacto mediático e o retorno que xenera na propia cidade non deixan de estar no foco. Todos son puntos que vinculan o propio festival coas institucións que lle dan soporte.

 

Na última parte, Pela explicounos as modificacións que viñeron acompañando a covid.  Falounos  do festival, onde tiveron que buscar novas vías para non saltar a edición do 2020, ofrecendo un formato híbrido entre presencial e online. Isto repetirase en vindeiras edicións.

Por último, compartiu un novo proxecto no que Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cine) e Catalunya Film Festivals  (Coordinadora de Festivais e Mostras de Cine Catalanes) uníronse para buscar novas políticas que fortalezan o sector, promovendo unha economía máis xusta e facendo que 150 festivais de cinema en España se unan para buscar solucións conxuntas.

Xa se sabe, tempos convulsos. A necesidade fai a unión.

 

A programación no ámbito das letras

Soledad Felloza é a directora do Festival Atlántica dende os seus inicios no 2013. O seu nacemento está vinculado a unha das anteriores crises. Parte da  necesidade de manter, preservar e expandir a narración oral atlántica, empoderando un tipo de narrativa oculta e infravalorada, ben por descoñecemento ou por escasa difusión.

Comezaron tecendo redes de profesionais e de lugares, que acabaron por favorecer a creación dun festival itinerante que quere ser autosuficiente e independente, tanto en contido coma en forma, funcionando dun xeito asociativo. Nestes primeiros momentos, precisaron dun “lugar” onde xs narradorxs podían compartir e alimentar inquedanzas, un espazo no que organizarse e dar voz aos contadores de historias, facendo especial fincapé na tradición oral feminina, moito máis silenciada, sendo enormemente plausible.

Despois destes primeiros pasos, traballaron nunha programación onde diversidade escríbese en maiúsculas. Públicos familiar, infantil e adulto teñen acubillo dentro do festival. Ninguén queda fóra!

Unha vez que xa son rede e teñen unha sólida programación, porlle límites á xeografía non ten sentido. Espallarse por todo o país é o propósito. Engaden en cada edición novos concellos que se suman o proxecto e reafirman os reincidentes, algúns xa dende a primeira edición. Sendo este o núcleo do proxecto, Soledad mostra especial interese en dúas cousas:

  • Unha eficaz comunicación que se vaia adaptando aos tempos é vital para por o festival no mundo, amáis de axudar a captar, manter e innovar na búsqueda de novos públicos.
  • Público e artistas son e están no foco do proxecto.

 

Tamén falou da situación do festival na era da covid. No 2020 tería que ter comenzado en marzo, mais obviamente adiouse. Malia os moitos problemas que xurdiron no momento, foron quen de reinventarse e soñar outro festival, que pouido facerse a partir de novembro, utilizando tamén espectáculos “mixtos”, presenciais e online.

Esta aula deixounos claro que proxectos aparentemente minoritarios no seu contido poden acadar éxito se teñen unha sólida estrutura, se planifican e se poñen nun contexto real para que cheguen ao público. Rematamos cun pequeno grao de optimismo. En tempos de pandemia alegra saber de proxectos que se reinventaron, con moitas dificultades, e seguiron adiante coas súas programacións buscando novas solucións adaptadas ao momento, acadando máis éxito do esperado.

22xan | Mediación e programación cultural (I). Artes Escénicas e Música. Con Paulo Rodríguez e Belén Bermejo

Programación e mediación cultural: artes escénicas, con Paulo Rodríguez, e música, con Belén Bermejo

Por Nuria Sobral

Este 22 de xaneiro voltamos ás aulas para a primeira sesión do bloque de “Mediación e programación cultural” do curso. Esta clase dividiuse en dúas partes: a primeira impartida por Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e a segunda por Belén Bermejo, directora artística e coordinadora de proxectos como o festival Espazos Sonoros ou o ciclo De Lugares e Órganos.

O primeiro tema que abordou Paulo Rodríguez, como é inevitable, é o da covid19. Falou dunha programación “en tempos de guerrilla” no que o primeiro que tes que facer como xestor é ler o DOG, o que determina a folla de ruta do día ou da semana. Tamén explicounos que realmente os tempos de crise non deixan de ser a esencia da xestión cultural, é dicir, a capacidade de resposta e de continuar fronte as adversidades.

Esta situación nos fará repensar moitas cousas en termos de xestión cultural e de como traballar, tendo en conta que hai elos máis fortes e máis fracos na cadea de valor do sector cultural das artes escénicas. Neste caso tócalle ós teatros públicos e as administracións públicas aguantar.

Xa deixando de lado o tema do coronavirus, o primeiro que nos explicou Paulo Rodríguez foron os tres niveis da xestión do proxecto artístico dun teatro:

  1. O nivel político: vai trazar as directrices. Un político pode chegar a influír tanto no proxecto artístico como que designa el mesmo ó xestor. Tamén vai definir os nosos recursos e pode chegar a ser un elemento de tensión se non está o suficientemente claro o que ten que facer cada un.
  2. O nivel estratéxico: ó que pertence a parte artística na que o xestor mantén un diálogo co artista, o desenvolvemento territorial e a produción.
  3. O nivel operativo: ten en conta a administración (que dirá o que podemos facer e o que non), o capital humano, os recursos materiais e servizos e o márketing e a comunicación.

O seguinte punto que tratou Paulo Rodríguez foi o de definir a figura do programador/a como curador/a e explicou que o asumir as funcións curatorais do programador estrutura un marco ordenador para as representacións, establece un marco interpretativo a fin de lograr conexións importantes entre a arte, o artista, os públicos e traballa para lograr a visión da organización.

En definitiva, o programador é:

  • Cartógrafo, deseñador dos límites, atópase en diálogo aberto co contexto.
  • Educador, debe ter a bagaxe suficiente para “traducir” a obra ó público e ten que estar en aprendizaxe continuo.
  • Narrador, ten que crear unha narrativa a través da programación.
  • Provocador, xa que a través da experiencia individual, forza o cambio social/cultural e o autocoñecemento.

Outro tema moi interesante que tratou foi o do “fracaso responsable”, é dicir, dar resposta a unha comunidade minoritaria e cubrir unha necesidade cultural dende a institución publica, que si non o fixera o xestor, non o faría ninguén, aínda que isto leve a un espectáculo cun único espectador. Por último para falar da mediación e da creación de contexto na cidade explicounos un pouco por enriba en que consiste a programación expandida do TRC Danza, un ciclo que se realiza no teatro Rosalía de Castro.

 

 

 

A programación no ámbito musical

 

Na segunda parte da sesión, Belén Bermejo explicounos que é, como se constrúe, como se deseña e como se leva á práctica unha programación cultural, baseándose principalmente na súa experiencia co festival Espazos Sonoros.

Cando comezamos unha programación é importante saber que queremos acadar, por iso é que debemos marcar unha serie de obxectivos xerais (como pode ser a realización de concertos, contribuír ao desenvolvemento do país…) e uns obxectivos específicos (contribuír á cohesión social, ó desenvolvemento local, ó diálogo…). Despois disto para botar a andar unha programación cultural debemos plantexarnos dúas preguntas clave: Que queremos facer? E de que medios dispoñemos?

Por outro lado, este proceso de programación divídese en tres fases:

  • Deseño da programación e pre-produción
  • Produción
  • Posprodución

 

En canto ó deseño da programación e pre-produción sempre ten que haber unha dirección artística que defina o concepto e os contidos, e as actividades que hai que levar a cabo son as seguintes:

  • Selección musical, contactos e negociación de condicións
  • Selección de espazos, inspección ocular, elaboración de cadro de necesidades e a negociación da cesión
  • Planificación de actividades paralelas e loxística
  • Negociación de termos para colaboración con concellos, entidades e asociacións locais e parceiros
  • Elaboración dun calendario para a programación
  • Contratación cos provedores de servizos varios.

A raíz disto, Belén Bermejo explicounos os principais problemas que aparecen á hora da planificación, entre os que destacan: a falta de tempo para planificar, a lentitude e rixidez da administración de cultura, a irracionalidade do sistema de subvencións en materia de cultura, o profundo descoñecemento por parte da administración de cultura sobre o funcionamento do sector e a precariedade nos orzamentos.

En canto á produción é importante destacar que para facer todo isto hai que organizar os recursos humanos que se teñen: un equipo de produción técnica que se encargue das luces, un equipo de produción artística que estea en estreito contacto cos artistas, un equipo de comunicación, e por último unha coordinación xeral que se encargue de coordinar todo este entramado.

Para rematar, Bermejo destacou a importancia de que o equipo de comunicación estableza unha conexión emocional co público. Non se trata tanto de investir grandes sumas en reclamos publicitarios e material promocional se non buscar a maneira de cultivar un elemento narrativo, contar unha historia que atraia a xente.