Visita ao Consello da Cultura Galega. A práctica artística, con Patricia de Lorenzo, Belén Montero e Carlos Meixide.

Pechamos o mes de febreiro cunha visita ao Consello da Cultura Galega, para coñecer cal é a súa misión no tecido cultural galego e tamén para ter a ocasión de visitar as súas instalacións. Fixémolo da man da profesora de Literatura Galega da USC Dolores Vilavedra, que é a secretaria do CCG, e Manuel Gago, xornalista, escritor e divulgador cultural, director -entre outras moitas propostas-  de culturagalega.org.

Nesta visita aprendimos que o CCG é un órgano estatutario, 28-02-2019 CCG (5)propio de Galicia e que ten carácter asesor e consultivo. Os seus obxectivos son promover, difundir, asesorar e preservar os valores culturais do pobo galego. Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, goza de total autonomía orgánica e funcional e actúa con independencia e obxectividade respecto dos poderes da comunidade autónoma e da súa Administración. O Pleno do Consello está formado por representantes de diferentes institucións culturais: academias, universidades, fundacións e centros de investigación especializados, e por profesionais dos diversos campos da cultura galega.

Que se fai no Consello da Cultura Galega? Pois en realidade, bastantes máis actividades que as que moita xente imaxina. Só hai que darse unha volta pola sección de eventos da súa páxina web! E inscribirse e participar neles ;)

 

Conversa aberta sobre práctica artística

A visita ao Consello da Cultura Galega completouse cunha conversa a tres bandas, moderada por Sergio Lago, un dos titores do Curso, que tivo como protagonistas á creadora audiovisual Belén Montero, á actriz Patricia de Lorenzo e ao escritor e editor Carlos Meixide.

O tema deste encontro era a práctica artística desde a perspectiva de tres creadores que, ademais, son xestores culturais. A conversa deunos un enfoque moi interesante de cousas a ter en conta, como xestor*s culturais, á hora de traballar con artistas, en canto a procesos, necesidades, carencias e prioridades que probablemente moit*s non coñeciamos.

Os tres compartiron con nós aspectos da súa experiencia relacionados coas vivencias persoais que os levaron a tomar a decisión de apostar pola creación como vía, non só de realización persoal, senón sobre todo profesional. Lonxe dos aspectos máis “románticos” das súas respectivas decisións, que tamén os hai, non tardaron en xurdir reflexións relacionadas coa precariedade, pero tamén sobre certa soidade e falta de alternativas máis alá da autoxestión. Como explicou Carlos Meixide, “se quero facer algo teño que facelo eu. Oxalá isto non fora así, porque hai modelos culturais nos que isto non é preciso, pero eu chegara a un punto no que quería estar orgulloso do meu traballo”.

Patricia de Lorenzo, integrante de Chévere Teatro, descubriu a súa vocación teatral con dezanove anos. Pouco despois tería a súa primeira -e recoñecida por ela mesma como negativa- experiencia empresarial. Hoxe non só crea e actúa na compañía, senón que leva o peso da administración. Di que é feliz co que fai e que vive dignamente do seu traballo, pero, aínda así, a súa experiencia ten partes negativas, seguramente comúns a outras moitas artistas e profesionais da cultura: “Hai tamén moito de auto-explotación. Eu, por exemplo, non me poño límites e iso pasa factura. Teño sorte, porque eu dedícome a algo moi bonito, pero hai que aprender a non explotarnos a nós mesmas”.

Belén Montero, pola súa banda, explicou que o mundo da empresa non lle era alleo, a pesar de que a súa formación se baseou no audiovisual, xa que de pequena axudaba coas contas ao seu pai. Pero se a túa empresa ten como eixo principal de traballo a arte, a cousa cambia bastante: “Non se contemplan honorarios de artista. Ti podes facerlle facturas a todo o mundo, pero para a artista non hai nada”. Belén coincidiu con Patricia na cuestión da auto-explotación: “O traballo artístico faise por unha necesidade, en realidade, e non sabes conciliar: atrápaste en ti mesmo, auto-explótaste”.

Ademais, a directora de Versogramas e secretaria da asociación de artistas de Galicia A Colectiva, apuntou unha carencia importante no eido de emprendemento artístico, e é que “a xente sae da facultade sen saber o que é unha factura ou un calendario de entregas. A xente descoñece o lado da empresa”.

 

As contas d@s artistas

“Non me podo permitir grandes luxos, pero sobrevivo”, di Carlos Meixide, que edita, autoedita e vende os seus libros de maneira directa: “convertinme -di- no vendedor do meu traballo”. Un traballo que reivindica como “oficio” fronte á “xenialidade” que, segundo explica, se valora de maneira excesiva.

“Pódese vivir do teatro? Pódese. Pero vexo precariedade e penso que hai unha certa perda do norte: moita xente sae da formación sen contacto coa realidade e hai poucas compañías solventes. Non estamos preparadas para acoller a tanta xente nova, porque non nos preocupamos por iso e é algo que debe cambiar”, explica Patricia de Lorenzo, que pon enriba da mesa outro tema: “Por que pides unha subvención? Unha subvención é o 20% do total, pero tes que xustificar todo, por tanto, tes que ter unha estrutura e un proxecto que permita abordalo todo. Desde esa perspectiva, convén pedila? Tes o preciso para facelo?”.

Aínda que a cuestión das subvencións, segundo Carlos Meixide, vai máis alá diso: “Moitas veces a subvención non é tanto unha cuestión de cantidade, senón do tipo de cultura que se quere promover. Ás veces, non é tanto axudar directamente como facilitar as cousas”.

Como vedes, a xornada deste xoves foi do máis completa: coñecimos por dentro unha das institucións culturais referentes do país e como é o traballo e a vida dalgunhas das nosas creadoras e xestoras culturais, que, como vedes neste pequeno resumo, nos deixaron unhas cantas cousas importantes sobre as que reflexionar.

 

 

Produción cultural no eido expositivo. Con Bea García

Por Guadalupe Lorenzo

Na sesión do pasado mércores 20, contamos no curso coa presenza de Beatriz García, que nos achegou algunhas das claves da producción cultural no eido expositivo. Con este fin, Bea explicounos cales son os pasos a dar á hora de facer unha exposición de principio a fin.

Comezamos a aula familiarizándonos co concepto de exposición, que é un proceso de comunicación e de mediación dos coñecementos. Unha vez tivemos claro este primeiro concepto, comezamos a coñecer os diferentes tipos de exposicións, que poden dividirse en dous tipos:

  • Exposicións de obxectos, nos que estes representan algo especial, co cal non é necesario mediar.
  • Exposicións de ideas, no que si se produce un proceso de mediación e de transmisión de conceptos. Dentro desta categoría, podemos atopar tres modelos diferentes:
    • Informativas, nas que o que se comunica son datos obxectivos
    • Pedagóxicas, nas que se empregan ideas que proveñen da educación formal, e que teñen coma fin a comprensión dos contidos
    • Exposicións relato, que para Bea constitúen as máis especiais, xa que obxectivo é contar unha historia a través da exposición, co fin de crear vínculos emocionais e invitar á reflexión.

Neste último caso, unha das recomendacións que nos deu Bea 2019 02 20 Bea García (1)foi tratar temas universais desde o coñecido, desde o local, xa que esta é a mellor vía para conectar co público. E esta foi unha das máximas da sesión, a implicación do público nas exposicións: “Mellor que facer exposicións para, comecemos a facer exposicións con”. Unha exposición na que participa o público ao que se destina ten un potencial incrible.

Logo de familiarizarnos cos tipos de exposicións, Bea explicounos tódolos pasos a seguir para levala a cabo, para o cal recalcou a importancia de facer unha boa investigación, definindo moi ben as hipóteses de partida, e recomendounos non só facer investigación sobre o papel, senón tamén de campo, se é posible, xa que é a mellor forma para coñecer sobre o que traballamos.

Unha vez feita a investigación, cabe preguntarse por que queremos contar o que queremos contar. E, sobre isto, Bea aconsellounos definir ben os obxectivos da nosa exposición, posto que é isto o que xustifica que a fagamos e o que a conecta co público.

Logo de ter as claves para facer unha boa investigación como punto de partida, falamos dos soportes do relato, a expografía:

  • Zonificación e percorridos, que no deben entra en contradicción co espazo
  • Distribución dos recursos no espazo
  • Recursos expositivos: peanas e vitrinas
  • Mediadores comunicativos, este últimos moi importantes porque poden servir de fío conductor do noso relato.

Unha vez tivemos todos estes conceptos claros, falamos dos principios de deseño na exposición, que son aqueles que lle dan unha coherencia visual e estética. Algunhas das cousas que temos que ter en conta son as dimensións, que teñen que estar armonía coa escala humana, as cores, as texturas, as formas, etc.

Na última parte da sesión, e antes de que fixeramos unha práctica, Bea deunos algúns consellos á hora de facer exposicións. Aquí van algúns deles:

  • Consume exposicións
  • Traballa continuamente e mostra o teu traballo
  • Interactúa con outros profesionais
  • O povera esta de moda. Non é necesario contar con grandes presupostos para realizar grandes proxectos.

2019 02 20 Bea García (3)Neste último consello, Bea falounos de que con pouco orzamento tamén se poden facer grandes cousas, xa que moitas veces ao ter menos recursos a creatividade incentívase e pódense facer cousas moi especiais.

Rematamos a sesión cunha práctica, na que por grupos tivemos a posibilidade de esbozar a nosa propia exposición, partindo dun tema e un público ao que dirixirnos. O tema sobre o que tivemos que traballar foi a artesanía galega, e cada grupo se dirixía a unha nena de 8 anos, un mozo de 19 e unha muller de 43, respectivamente. Despois dun tempo para traballar sobre o tema, tivemos a oportunidade de compartir as nosas ideas co resto da clase e comprobamos como, partindo dun mesmo tema, se poden orixinar exposición moi diferentes.

Dereito aplicado á xestión cultural. Con Ania González

Por Rita Fidalgo

Avanzamos nesta área do Dereito aplicado á xestión cultural da man de Ania González que comparte con nós a súa experiencia. Achegouse inicialmente ó dereito “por obrigación” para despois especializarse en museoloxía, imaxinación política, teoría crítica e feminismos no MACBA. Volveu a Galicia coa ilusión de reverter os modelos, mais rapidamente percibiu as dificultades desta empresa.

“O dereito é unha técnica fundamental para coñecer os marcos legais nos que nos temos que mover. É tan necesario coñecer os nosos dereitos coma as nosas obrigas”

 

Dereito universal e constitucional á cultura

Ania González no CEUXCSegundo o Artigo 44 da Constitución Española, os poderedes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura á que que todos teñen dereito. Este dereito á Cultura, de acceso, participación e creación recóllese tamén no artigo 15 do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (PIDESC) así como no 27 da Declaración Universal de Dereitos Humanos.

Non só é importante coñecer estes artigos para reivindicalos, senón tamén para dar consistencia ós nosos proxectos incluíndo fundamentación xurídica.

En España, a Lei Foral de Dereitos Culturais de Navarra é un texto normativo dedicado por enteiro ós dereitos culturais dos cidadáns. É a primeira vez que isto se recolle no ordenamento xurídico dunha comunidade autónoma española que ademais é o resultado dun proceso participativo.

 

Formas xurídicas

Partindo dos supostos nos que nos temos que situar nos nosos traballos de posgrado entramos a analizar as seguintes figuras:

  • Fundación: considerarase unha fundación pública se no momento da súa fundación máis do 50% do capital é público e viceversa.
  • Cooperativa de servizos ou de traballo: ten por obxecto por en marcha unha comunidade de traballadores e para a súa constitución é necesario un mínimo de dúas persoas.
  • Sociedade de Responsabilidade Limitada (S.L.): para a súa creación é necesario un capital de 3005€ en monetario ou en material.
  • Asociación sen ánimo de lucro: poden ter actividade económica

Sobre a Administración pública, analizamos as seguintes modalidades de relación coa mesma:

  • Contratos: rexidos pola lei contratos do sector público, deberán ser sometidos a concurso público excepto en importes inferiores a 15.000€ + IVE.
  • Convenios: pódense realizar cunha persoa física ou xurídica, teñen que demostrar que comparten un interese común e non son incompatibles coas subvencións.
  • Subvencións: a través de concorrencia competitiva.
  • Contrato de patrocinio institucional: contrato bilateral con contraprestacións recíprocas.

 

Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA)

Todos os traballadores deben cumprir a obriga de tributar polos seus ingresos ante Facenda e cotizar pola súa actividade á Seguridade Social.  A alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos implica o pagamento dunha cota mensual.

 

Imposto de actividades económicas

O Imposto sobre Actividades Económicas é un tributo que grava o mero exercicio en territorio nacional, de actividades empresariais, profesionais ou artísticas.

 

Propiedade intelectual

A propiedade intelectual dunha obra corresponde ó/á autor/a polo mero feito da súa creación e está integrada polos dereitos persoais e patrimoniais que atribúen ó/á autor/a o dereito exclusivo á explotación da súa obra sen máis límites que os legais. Os dereitos de autor/a teñen a duración da vida do/a artista e 70 anos despois da súa morte nos que serán titularidade dos seus herdeiros. Transcorrido este período pararán ó dominio público. Divídense da seguinte forma:

  • Dereitos persoais
    • Irrenunciables e intransferibles
    • Divulgación da obra baixo o seu nome, pseudónimo ou de forma anónima
    • Recoñecemento da autoría
    • Esixir respecto á integridade da obra
    • Modificar a obra respectando os dereitos adquiridos
    • Retirar a obra do comercio previa indemnización de danos e prexuízos
    • Acceder ó exemplar único, raro ou orixinal

 

  • Dereitos patrimoniais ou de explotación
    • Exclusivos
      • Corresponde ó/á autor/a o exercicio exclusivo dos dereitos de explotación que non poderá ser realizada sen a súa autorización
      • Dereitos transmisibles mediante cesión e independentes entre si
      • Dereitos de reprodución
      • Dereito de distribución
      • Comunicación pública
      • Transformación
    • De obrigada xestión colectiva (SGAE, AGEDI, AIE)
      • Compensación equitativa por copia privada
      • Dereitos de simple remuneración

Para quen teña interese en profundar neste asunto, recomenda consultar o texto refundido da Lei de Propiedade Intelectual.

 

Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia

Aplícase a espectáculos públicos que se celebren en espazosAnia González no CEUXC abertos ó público, independentemente do carácter público ou privado do organizador e da titularidade pública ou privada do establecemento, con fins lucrativos ou gratuíta.

Quedan excluídas as reunións familiares e as actividades efectuadas no exercicio dos dereitos de reunión e manifestación. Pola súa banda, os eventos con menos de 500 persoas ou que non impliquen montaxe de ningunha instalación deberán presentar de forma previa no concello unha declaración responsable.

Para unha asistencia superior ás 500 persoas ou que implique montaxe dunha instalación deberá solicitarse unha licencia administrativa ó concello. En caso de que a actividade se desenvolva en varios municipios, competerá á Xunta a concesión desta licencia.

Para máis información, consultar a disposición final primeira da Lei.

 

NOTA: Ania deixounos o seu contacto así como enlaces de interese no repositorio do curso.

Grazas por esta xornada Ania!