Visitamos o Museo do Pobo Galego e falamos sobre políticas culturais no CGAC

Esta semana foi a primeira do Curso na que tivemos dobre sesión. O obxectivo dalgunhas destas segundas sesións é achegarnos a institucións culturais que pode ser que coñezamos como usuari*s, como público, pero que non tivemos nunca ocasión de coñecer como proxecto, desde dentro. Isto danos a oportunidade de aproximarnos a entidades e espazos doutro xeito, pero tamén de coñecer ás persoas que traballan neles e que desenvolven os proxectos culturais que coñecemos dende fóra.

A primeira visita desta edición do CEU en Xestión Cultural foi ao Museo do Pobo Galego, unha entidade que vén de cumprir o seu 41 aniversario e que alberga, para exposición, divulgación e investigación, o patrimonio histórico e antropolóxico de Galicia. O museo, que está no que foi o convento de Santo Domingos de Bonaval, ten varias salas e precisa dunha visita tranquila, pero nós tivemos a sorte de facer un pequeno percorrido con Ana Estévez.

25-10-18 MPG (4)Ana traballa no departamento de Educación e Acción Cultural, desenvolvendo os proxectos que nestes dous ámbitos se dirixen aos distintos públicos do Museo. Non se ocupan só de visitas dinamizadas como a que fixo con nós: tamén traballan en obradoiros, asesoramento, materiais de préstamo, colaboracións con diversos colectivos e moitas actividades que inclúen conferencias, música, producións audiovisuais e, en xeral, iniciativas que fomenten o uso do noso patrimonio etnográfico e do espazo do Museo por parte da cidadanía.

Como a visita consistía tamén en coñecer o proxecto da institución, o percorrido rematou con María Xosé F. Cerviño, que forma parte activa desde hai anos no Padroado do Museo, e Fuco Sanjiao, secretario do seu consello de goberno. Con eles puidemos, en primeiro lugar, coñecer a estrutura institucional e operativa do MPG, pero tamén comprender o importante papel d*s soci*s no seu funcionamento.

Convidámosvos a visitar a web do museo para coñecer de primeira man todas estas cuestións, pero, sobre todo, a achegarvos ao Museo e ás súas actividades.

Visita ao corazón da arte contemporánea en Galicia

Ao lado do Museo do Pobo Galego está, desde 1993 que remataron as obras do edificio proxectado por Álvaro Siza, o Centro Galego de Arte Contemporánea, 25-10-18 MPG (9)inmerso no seu 25 aniversario. Aproveitando a proximidade entre estas dúas institucións referentes, visitamos de xeito libre tanto o espazo arquitectónico, que é unha obra de arte en si mesma, como as exposicións que nestes momentos están abertas ao público. No CGAC, ademais, tivemos ocasión de facer a segunda parte da sesión, concretamente no auditorio, onde  Marcos Lorenzo tratou algúns aspectos relacionados coas políticas culturais.

 

Historia, actualidade e perspectivas das políticas culturais. Santiago Eraso

O pasado 24 de outubro tivemos ocasión no Curso de coñecer a toda unha referencia da xestión cultural, como é Santiago Eraso. Con el puidemos falar dalgúns dos moitos proxectos que liderou, pero tamén do presente e o futuro da Cultura, como ben e dereito cidadán, e do papel e as perspectivas d*s profesionais da xestión cultural.

24-10-18 Santiago Eraso (1)Moitas das reflexións que compartiu onte con nós están no seu blog, que non deixamos de recomendarvos como lectura obrigada a todas as persoas que estades interesadas no arte e a cultura, pero tamén na política e a ética: santieraso.wordpress.com

As reflexións e referencias que aporta nel son sumamente enriquecedoras, aínda que gañan moito cando son compartidas en persoa, que é a sorte que tivemos nós. A sesión con Santi Eraso permitiunos non só escoitalo, senón tamén participar con opinións e preguntas.

Quedámonos pensando moito despois da sesión. No ecoloxismo cultural, na importancia da vida e os coidados, na educación… Tamén no que é industria cultural, no debate sobre a gratuidade da oferta cultural ou no papel do Estado e a sociedade con respecto á Cultura. Dalgunhas destas cousas falou precisamente no dixital galego Praza, nunha interesante entrevista que lle fixeron a raíz da súa participación como docente no Curso e á que podedes acceder desde aquí.

Foi, en definitiva, unha tarde para a conversa e a reflexión, con asistencia tamén de alumnado de pasadas edicións, e na que traballamos moito iso de “aprender compartindo”: da experiencia de referentes como Santi Eraso, pero tamén das nosas propias dúbidas e opinións.

banner 2ª parte-branco

Elaboración do diagnóstico. Identificación de necesidades e oportunidades, con Ana Lorenzo

Por Irene Basanta

A terceira sesión do curso comezaba coa presentación de Ana Lorenzo, profesional da socioloxía vinculada ao eido do cooperativismo desde os noventa, actualmente membro da Cooperativa Cidadanía. Ao pouco de entrar, atopaba entre as propias asistentes caras coñecidas, proba da súa consolidada traxectoria nunha profesión que moitos dos integrantes comparten.

17-10-18 Ana Lorenzo (4)Unha das máximas para definir a elaboración dun bo proxecto cultural viría resumida naquel saber do refraneiro popular de non poñer o carro diante dos bois. Así, aínda que pretendamos lanzarnos ao baleiro co noso proxecto, o máis valioso que nos aportan estas primeiras aulas incide sobre a necesidade dun coñecemento previo do contexto para arrincar, o que require da elaboración dun diagnóstico.

Diso veu falarnos Ana. Pero antes de entrar en materia, a socióloga propuxo unha reflexión dinámica (con movemento físico incluído) na liña que a ela máis lle apaixona: a participación. Así, pregúntanos se as necesidades culturais son iguais para todos. A diverxencia de opinións non tarda en aparecer. Seguindo a Max-Neef, Ana invítanos a afastarnos dunha visión elitista da cultura, que bebe do modelo de Maslow, e considerar que as necesidades culturais son iguais para todos, o que muda é como estas se satisfán.

Logo desta necesaria introdución, Ana Lorenzo céntrase nos tres métodos de análise da realidade que se contemplan para elaborar unha diagnose:

  1. Perspectiva distributiva estatística. Permite analizar a realidade buscando datos estatísticos, procurando unha achega o máis obxectiva posible desde o punto de vista científico. Os datos poden estar creados (secundarios) ou pode que teñamos que xeralos mediante enquisas. Pero en moitos casos debemos ter en conta que dependen da memoria e da honestidade da xente, así como do propio deseño adecuado do cuestionario. Así mesmo, cando se trata con datos estatísticos, hai que intentar telos sempre en conta no seu conxunto. Con este método podemos describir a realidade, pero sen chegar ao porqué das cousas.
  2. Perspectiva estrutural cualitativa. Para chegar a eses porqués debemos estudar a estrutura social e como a sociedade inflúe no comportamento individual, cousa que nos permite esta perspectiva mediante dúas técnicas:
  • 2.1. Grupo de discusión. Consiste en xuntar a un grupo de persoas 17-10-18 Ana Lorenzo (5)para que falen dun tema coa mínima intervención da persoa que realiza a investigación. Permite diagnosticar como flúen os discursos e cales son aqueles que dominan sobre outros, considerando non só o que se di senón tamén o que non se di.
  • 2.2. Entrevistas. Normalmente realízanse a unha soa persoa, en profundidade, e procurando non predispoñer a resposta á hora de formular as preguntas, nin coa actitude ou a forma de vestir, que deben ser o máis neutrais posíbeis.

En ambos casos, ten tanta relevancia aquilo que se di como o que non se di, xa sexa pola existencia de temas tabú, de aspectos considerados non relevantes… Este método intenta explicar a realidade, centrándose na análise dos discursos cunha representatividade estrutural; isto é, recollendo o discurso dos diferentes perfís sociais. Mais debemos gardarnos de non asumir ningún destes discursos como verdadeiro, pois como lembra Ana, “cando traballas co discurso, non debes esquecer que é como pezas de Lego”. Tanto ao traballar no deseño de cuestionarios ou de guieiros cómpre evitar as preguntas capciosas, así como introducir a opinión do que está realizando o estudo.

  1. Perspectiva reflexiva participativa. Mentres as outras perspectivas toman a poboación como un obxecto de investigación, xerando unha relación asimétrica, esta achega procura unha maior democracia no propio proceso de investigación. Considérase que este traballo cambia a mostra, pois quen realiza a investigación tamén forma parte da investigación. Como indica Ana, “transformar a realidade tamén axuda a coñecela”, deixándonos claro que este é o seu método favorito, pois desde o seu enfoque de socióloga permítelle acompañar a xente a transformar a súa vida. Aínda que non se esixe, como podemos incorporala no noso traballo? Pois moi sinxelo (cando menos na teoría): contrastando datos coa xente do territorio e dando espazo para que participe no plano de investigación e ideación.

Logo dunha serie de prácticas sobre a realización de guieiros e cuestionarios e o manexo de datos estatísticos, pasamos a contemplar un aspecto fundamental do traballo de diagnose que nós mesmos imos realizar: un mapa de axentes.

17-10-18 Ana Lorenzo (8)Esta ferramenta, situada preto da perspectiva reflexiva participativa, é un exercicio que se fai colectivamente, para definir as nosas forzas en relación a un obxectivo. Para iso, colocamos os distintos axentes (entidades, grupos sociais e institucións) en función da súa proximidade/antagonismo aos nosos obxectivos, así como do seu poder para axudarnos a conseguilos. Este exercicio permite ter unha idea máis clara do contexto inicial do proxecto, se ben baseada na nosa propia percepción.

A importancia desta aula consiste na incidencia na necesidade e utilidade da etapa da diagnose, que permite identificar cousas que non viamos e desenvolver proxectos encamiñados a telas en conta ou mellorar a realidade. Neste sentido, cómpre lembrar que implicar aos axentes no propio proceso de elaboración do proxecto poderá resultar fundamental para o seu éxito.

O proxecto cultural. Sergio Lago e Marcos Lorenzo. Técnicas para o traballo en equipo. Diego Parajó

Por Laura Rodríguez

O pasado 10 de outubro asistimos á segunda clase do CEU en Xestión Cultural. Comezamos a sesión da man de Marcos Lorenzo, cunha introdución ao deseño dun proxecto. A través desta, analizamos as vantaxes de redactar un proxecto, se é importante ou non enumerar os puntos que o caracterizan. Chegamos á conclusión de que é unha parte esencial, coa que garantiza que o noso proxecto sexa coherente, analizando así a súa viabilidade, o impacto ou a pertinencia social que pode acadar. Ademais de garantir os fundamentos que nos levan a realizar un proxecto, tamén é unha ferramenta indispensable para o traballo en equipo, asegurando os obxectivos da empresa a través deste documento rector. A maiores tamén e indispensable como tarxeta de visita da empresa, recollendo neste dossier a natureza e o fin do proxecto.

Así, comezamos a tratar a diagnose dun proxecto, unha análise da contorna e do ambiente onde se pretende implantar o proxecto. Coa diagnose, podemos asegurarnos das necesidades e o potencial do proxecto e ver cales son os valores que aporta socialmente. A través desta fase, vemos as debilidades e fortalezas do proxecto e realizamos unha sinopse e resumo deste, no que nos baseamos para crear unha fundamentación sólida, un conxunto de argumentos do que queremos, do proxecto. Tamén aseguramos que hai un destinatario claro, ao cal é mellor ter en conta á hora de elaborar o proxecto, xa que será máis eficaz e eficiente. Coa diagnose atopamos unha forma de ter os obxectivos medidos e cuantificados, para un mellor desenvolveDinámica de grupo durante a sesiónmento deste.

Tras esta primeira parte da sesión, Diego Parajó levounos aos corredoiros da facultade para realizar unhas actividades máis prácticas. Así, experimentamos cunhas dinámicas de grupo, a través das cales coñecimos un pouco máis aspectos do grupo que formamos na clase. Fómonos dividindo segundo idades, procedencia, actividade nas redes, consumo cultural ou se facíamos copias de seguridade ou non.

 

Tras isto, analizamos que cualidades críamos cada un de nós que eran positivas e negativas á hora de traballar en grupo. A conclusión xeral foi que o importante Técnicas para o traballo colaborativoreside máis en ter unha boa actitude e unha boa comunicación de grupo. Seguimos a clase coa formación dos diferentes grupos que traballaremos nun proxecto ao longo do curso, asignándonos a cada equipo unha forma xurídica e dándonos a escoller un contexto, o cal iremos analizando.

Volvimos á aula para falar sobre a boa xestión e organización de equipo. Comezamos falando do importante que é ter algo de valor usable, útil. Para aplicar isto, vimos un exemplo moi útil de como xestionarnos á hora de facer unha empanada, dividindo as tarefas a realizar e aprendendo a descompoñelas e a delegalas, todo aplicado despois a un proxecto. A través disto, entramos en contacto coa ferramenta de organización Trello, a cal nos permite organizarnos a distancia dentro dun mesmo equipo, controlando todas as fases do proxecto.

Rematamos a charla co termo scrum, metodoloxía coa que se fai o mesmo que coas empanadas do exemplo: créase unha lista de tarefas e establécese a orde de tarefas e o tempo que nos vai levar. A isto denominámolo sprint, co que se axiliza o traballo das tarefas a realizar para un proxecto.

En resumo, nesta sesión tivemos un primeiro contacto co desenvolvemento dun proxecto, no noso caso cultural e do que é un bo traballo en equipo, dándonos unhas ferramentas básicas e moi útiles para a xestión e organización de grupos.

Comezamos unha nova edición do Curso: cinco anos de #aprenderfacendo e #aprendercompartindo

O pasado 3 de outubro botou a andar a 5ª edición do Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural da USC, cun grupo de persoas procedentes de diferentes lugares de Galicia e con gana de achegarse á práctica cultural desde unha perspectiva e cunhas ferramentas profesionais.

Trátase, como é habitual no Curso, dun grupo diverso e plural, formado por profesionais do sector público e privado e de xente de ámbitos como audiovisual, a música e as artes escénicas, así como activistas, artistas e recentes titulad*s, na procura de formación práctica nunha contorna profesional vinculada á cultura.

A sesión comezou cunha presentación por parte do equipo promotor: os profesores da USC, e directores do Curso, Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez -que nesta ocasión non puido asistir á aula inaugural- e os coordinadores do Curso, os xestores culturais Marcos Lorenzo e Sergio Lago. Eles dous serán quen titorice os traballos do alumnado, para o que contarán co apoio doutros dous profesionais, Diego Parajó e Sonia Díaz, que tamén impartirán varias aulas do programa formativo.

Na liña das clases participativas e dinámicas que propón o CEU en Xestión Cultural, o alumnado por suposto tamén tivo tempo para presentarse e coñecerse. E mesmo para levar a cabo algunha pequena dinámica de traballo en grupo!

 

Primeira toma de contacto co sector

Para poder profundar, nas vindeiras sesións, en aspectos concretos da xestión cultural é importante saber, como punto de partida, quen forma o sector cultural e como é que este traballa. Para iso, Marcos Lorenzo ofreceu na primeira parte da sesión un pormenorizado repaso á situación do sector, aberto á participación do alumnado. Na segunda parte, Sergio Lago fixo unha aproximación ao perfil profesional de quen traballa no ámbito cultural, ademais dunha achega a boas prácticas e propostas culturais de referencia, e tamén a algo moi importante de cara ao traballo profesional: as distintas fórmulas xurídicas baixo as que desenvolver o traballo.

 

 

 

Nas vindeiras sesións, *s alumn*s coñecerán dun xeito moito máis pormenorizado diferentes aspectos fundamentais para unha boa xestión cultural e poderán reflectilos no seu traballo, que, como todos os anos, consistirá no desenvolvemento dun proxecto cultural.

Estamos xa desexando ver, dentro dunhas semanas, as primeiras propostas! Pero iso será máis adiante. De momento, comezamos un ano máis -e xa van cinco!- a #aprenderfacendo e a #aprendercompartindo.